Galicia rexistrou en 24 horas máis do dobre de chuvia que en todo o mes de abril

Comentabamos hai uns días en GCiencia que este pasado abril fora o máis seco desde 1982, cunha media de 22 l/m2, e rexistrou ademais unhas temperaturas “moi cálidas” para esta época do ano, segundo indicaban os datos de Meteogalicia. Poucos días, despois, as treboadas e precipitacións que se produciron desde o martes en toda Galicia provocaron que en numerosos lugares se duplicara en só un día o nivel de chuvia recollida en todo o mes pasado.

Así, os valores máximos de precipitacións acumuladas este xoves 11 rexistráronse en Rois, con 71,6 l/m2, seguido de Lousame (60), Fornelos de Montes (59,6), Santiago (56,1) e Mondariz (55,8). Durante os 30 días do mes de abril, nestas localidades caeu menos auga que en só unhas horas deste 11 de maio: Rois (49,4 l/m2), Lousame (26,5), Fornelos (39,6), Santiago (27,6) e Mondariz (24,8).

Publicidade

Nalgunhas zonas caeu este xoves catro veces máis auga que en todo abril

Por outra banda, nalgunhas zonas de Galicia nas que practicamente non choveu en abril acadáronse niveis importantes de precipitacións. É o caso de Castrelo de Miño, onde caeron 39, 6 l/m2 fronte aos 9,3 de todo abril, en Viana do Bolo, con 27,7 l/m2 contra os 6,9 do mes pasado, ou Cangas do Morrazo, onde acadaron 29 l/m2 nunhas horas, mentres que nos 30 días de abril só caeran 5,9 l/m2.

Desde Meteogalicia sinalan que era de agardar que se superase pronto os valores de abril, toda vez que foi un mes extremadamente seco. Non en tanto, debido á intensidade das precipitacións desta semana, nalgunhas estacións xa están por riba da media de maio, que oscila entre os 95 e os 98 litros por metro cadrado. Así, mentres que en abril non se superaron os 50 l/m2 en ningunha estación, hai varios puntos nos que xa caeron máis de 100 l/m2, como Cespón (Boiro), Lousame, Fornelos de Montes, Areeiro (Pontevedra), Rois, Santiago ou Tremoedo (Vilanova de Arousa).

Publicidade

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Galicia activa o sistema de alerta ante episodios de calor tras un mes de maio “moi cálido”

O último informe de Meteogalicia recolle o evento extraordinario de altas temperaturas rexistrado durante o mes pasado, que deixou máximas de 37,5 graos en Ourense

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos