Drones contra os incendios e as especies invasoras

Desenvolver unha tecnoloxía que permita traducir as imaxes captadas por vehículos aéreos non tripulados en información coa que traballar na detección e no seguimento da evolución de especies vexetais invasoras, así como na detección de posibles factores de risco de lumes forestais. Este é o propósito central do proxecto que desenvolverán os investigadores e investigadoras do Cinae (Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia), grazas ao convenio asinado nesta xornada coa Deputación de Pontevedra. Cunha duración de dous anos, o acordo contempla o investimento de 170.000 euros nun proxecto centrado no desenvolvemento dun sistema de procesado da información obtida por drones, satélites ou sensores para poder intervir nos sectores medioambiental, agroforestal e mariño.

Pretenden facer un inventario dos bosques “con maior grao de combustibilidade”

O reitor da Universidade de Vigo e presidente do padroado do Cinae, Salustiano Mato, e a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, rubricaron nesta xornada este acordo, nun acto que contou tamén coa participación do director xeral do Cinae, Antonio Castro; o director técnico da Fundación Cinae, o profesor Fernando Aguado, e o responsable da súa Área de Sistemas non Tripulados, o investigador da UVigo Higinio González. “Cinae está desenvolvendo xa un traballo importante en temas espaciais e de avións non tripulados e este convenio vai permitir desenvolver unha serie de aplicacións que permitan ter unha capacidade de información e detección sobre o territorio que permita anticipar problemáticas importantes, como por exemplo os incendios”, salientou Mato dunha metodoloxía que permitiría, por exemplo, “comezar a facer un inventario” das zonas boscosas con maior grao de combustibilidade e así “poder actuar dunha forma máis efectiva”.

Publicidade

Representantes da Deputación, a UVigo e o Cinae asinan o convenio. Foto: Duvi.
Representantes da Deputación, a UVigo e o Cinae asinan o convenio. Foto: Duvi.

Silva, pola súa banda, salientou que este proxecto permitirá, mediante o uso de vehículos aéreos non tripulados, “controlar as zonas de incendios para, cuns detectores infravermellos, detectar novos focos de lume e, ademais, delimitar os perímetros dos incendios con datos básicos para os servizos de extinción”. De aí que a presidenta do ente provincial amosase a súa “grande satisfacción” por poder asinar convenios “que teñen o punto de mira no beneficio da nosa cidadanía”, máxime nun eido como a “prevención dos nefastos efectos” dos lumes forestais.

O proxecto piloto comezará en varias zonas de Pontevedra

Segundo explica González, trátase dun “proxecto piloto” que, a través dos vehículos aéreos non tripulados, realizará unha serie de campañas “sobre unhas zonas da xeografía de Pontevedra, seleccionadas de acordo cos técnicos da Deputación”. Nelas realizarase o traballo de campo dun proxecto que ten como eixo a xeorreferenciación e procesado das imaxes obtidas polos drones, co propósito de que dea como resultado “unha información que o usuario poida entender”, como por exemplo, “o número de hectáreas afectadas por unha determinada planta e como este vai mudando ao longo do tempo”.

Publicidade

O obxectivo final, engade, e desenvolver “metodoloxías de traballo aplicables a outras áreas do territorio durante períodos de tempo máis grandes”, a través da automatización dese procesado da información recollida nas imaxes, aproveitando, por exemplo, a alta resolución espacial da información que pode obterse a través dos sistemas aéreos non tripulados.

Nese senso, o convenio asinado nesta xornada abrangue tanto o desenvolvemento destas tecnoloxías de procesado de datos, como poñer a disposición dos técnicos da Deputación as imaxes obtidas, así como colaborar en accións mitigadoras dos efectos dos lumes forestais, ao igual que o desenvolvemento de actividades divulgativas destas tecnoloxías.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O equipo de Santa Clara cre que o cerebro saponificado pertenceu a unha monxa de entre os séculos XVII e XIX

O órgano atopouse durante e escavación de tres tumbas no coro baixo da igrexa e agora está depositado nunha cámara frigorífica da USC para garantir a súa conservación

A escavación no convento de Santa Clara saca á luz un cerebro ben conservado, un achado único na península

O equipo detrás do descubrimento asegura que só hai tres casos máis no mundo en Arxentina, Chile e Italia de características semellantes

O Castelo de Soutomaior convértese no escenario dun videoxogo para descubrir o seu patrimonio medieval

A Deputación de Pontevedra lanza ‘O Códice da Liberdade’, que combina investigación e realidade aumentada para achegar a historia ás novas xeracións

Unha grande obra hidráulica bloquea o caudal do río Umia: estas son as consecuencias medioambientais

Os biólogos alertan da alteración do ecosistema por unha obra que algúns dos afectados sospeitan que pode estar ligada ao abastecemento de auga da Illa da Toxa