O mapa do sol en Galicia: 600 horas máis no sur ca no norte

Aínda que os tópicos falen de Galicia en xeral como un lugar húmido e anubrado, sabemos que existen notables diferenzas entre diferentes zonas do país. E este mapa demóstrao. O traballo, realizado polo xeógrafo Dominic Royé, doutor en Xeografía Física pola USC e actualmente investigador posdoutoral na Universidade do Porto, expón que existen grandes diferenzas entre as zonas máis solleiras (situadas nas Rías Baixas e o sur de Ourense) e as rexións máis anubradas de Galicia (Serra do Xistral e Mariña Lucense). Ata 600 horas – é dicir, 25 días – de diferenza.

A idea de Royé desenvolveuse no marco dun estudo sobre a nubosidade na Península Ibérica, no que colaboran  investigadores da USC, a UVigo e a universidade de Cantabria. “Neste contexto xurdiu a idea de usar a fracción de nubosidade para estimar as horas de sol”.

Publicidade

As Rías Baixas e o sur de Ourense teñen máis de 2.411 horas, fronte ás menos de 1.800 do Xistral

Os datos, tirados das máis de 70 estacións de MeteoGalicia que miden as horas de sol. Para plasmar os datos sobre o mapa, explica Royé, “faise uso da Regresión ponderada xeográficamente (en inglés, GWR). As varias que se usan para estimar unha variable destas características, como tamén pode ser a temperatura, son habitualmente a distancia ao mar ou a altitude, un dos factores elementais que inflúen no clima de cada lugar”. Neste caso, o xeógrafo tamén uso, segundo conta, “a fracción media de nubosidade que explica maiormente os comportamentos espaciais que se observan nas horas de sol”.

E as percepcións, neste caso, cúmprense. “Destacan claramente as diferenzas entre o norte o sur, ou sexa, a influencia da latitude. Atopamos os vallores máis elevados, maiores a 2.411 horas, nas Rías Baixas, especialmente na zona de Vigo, pero tamén nas máis meridionais de Ourense. Nesta provincia só observamos cores verdes, con reducido número de horas de sol, nos picos da Serra de Manzaneda. Noutro extremo está o Norte de Lugo, onde se atopan os valores máis baixos, especialmente na Serra do Xistral, con menos de 1.800 horas de sol”.

Publicidade

O val do Miño entre Ribadavia e Ourense e a depresión de Monforte, dous casos particulares

Dominic Royé destaca “dous casos particularmente interesantes“, debido a bancos de néboa que se producen sobre todo en outono e inverno e que se amosan claramente no mapa, cunha redución notable de horas de sol respecto ao seu entorno. “A zona do Miño, entre Ribadavia e Ourense e, de forma máis contrastante, a depresión de Monforte“.

Un fenómeno que, como explica Dominic, “pode visualizarse perfectamente cando se calcula a fracción media de nubosidade en situacións de anticiclón“, que se adoita relacionar coa aparición destas néboas, e que se amosa nos mapas baixo estas liñas, que comparan a nubosidade en inverno e verán durante os anticiclóns. “En inverno vese claramente o maior grao de nubosidade no Miño e a depresión de Monforte: 0 indica despexado, 0,5 mixto e 1, anubrado. Estas néboas, coñecidas como néboas de radiación, amosan que pola noite, as capas máis próximas ao chan enfríanse máis rapidamente.

Datos de nubosidade en verán (esquerda) e inverno, onde se amosan as anomalías no val do Miño e a depresión de Monforte. Fonte: Dominic Royé, con datos dos satélites da NASA Terra e Aqua.
Datos de nubosidade en verán (esquerda) e inverno, onde se amosan as anomalías no val do Miño e a depresión de Monforte. Fonte: Dominic Royé, con datos dos satélites da NASA Terra e Aqua.

Un “aumento importante” de horas en 2017

O mapa elaborado por Royé confirma o que se viviu durante o 2017. Calor, pouca chuvia, e tamén máis horas de sol. “En moitas estacións pódese observar un aumento importante respecto ao período 2006-2016”, di o xeógrafo. Por exemplo, en Lugo pasouse de 1.826 a 2.006; en Santiago, de 1.892 a 2.199; nas Illas Cíes, de 2.297 a 2.677; e en Ferrol, de 2.114 a 2.289.

No marco da seca que viviu Galicia, Royé desenvolveu tamén unha comparación respecto ás anomalías da nubosidade en outono de 2017, unha estación que foi extremadamente seca. “Destaca claramento un ceo máis despexado do normal, especialmente no norte e centro da Península. É outra perspectiva da seca que sufrimos“, sinala o xeógrafo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistra o segundo mes de xuño máis cálido dende que hai rexistros

O último informe de Meteogalicia conclúe que foi un período seco e marcado por dous importantes episodios de calor

Un domo de calor trae a Galicia temperaturas superiores aos 30 graos nos primeiros días de xullo

O anticiclón e o nordés serán as claves de que os valores sexan máis cálidos do normal, ben diferenciados entre o norte e o sur

A Xunta amplía as zonas en nivel vermello por episodio de calor extrema

O litoral galego manterase nos 30ºC, o interior da comunidade superará os 34ºC e o val do Miño e do Sil acadarán os 40ºC

Media Galicia en alerta vermella pola calor: estes son os 117 concellos afectados

A influencia das altas presións producirá que algúns episodios se prolonguen ata cinco días, sobre todo en Ourense, A Coruña e Lugo