Luns 29 Abril 2024

Galicia suma 5 días sen mortes por Covid-19, cun novo caso diario na última semana

Os casos activos baixan a 515, cunha única persoa ingresada na UCI e máis no 96% no domicilio, mentres o 90% dos positivos detectados xa curaron

Ningún falecemento desde o pasado mércores e un único diagnóstico diario de Covid-19 nos últimos sete días. Son dúas das cifras da actualización sobre a evolución da pandemia causada polo SARS-CoV-2 en Galicia, cos datos que achegan a Consellería de Sanidade e o Ministerio de Sanidad.

Como leva acontecendo desde hai máis dunha semana, as cifras do Ministerio (suxeitas á discrepancias debido á revisión e notificación individualizada que está a facer Sanidad, segundo insiste nas súas comparecencias diarias o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, debido á nova estratexia de diagnóstico, vixilancia e control da pandemia) sitúa un día máis a Galicia como a comunidade autónoma con menor incidencia acumulada en canto aos casos diagnosticados tanto nos últimos sete días como nas últimas dúas semanas. Con 7 diagnósticos na pasada semana (só 3 deles iniciaron síntomas neste período), a taxa por 100.000 habitantes é do 0,26, case 18 veces menor cá media de España (4,29).

Publicidade

No período das últimas dúas semanas, Galicia notificou 27 novos casos, aínda que só 9 iniciaron síntomas neste tempo. Segundo a nova estratexia, desde o 11 de maio considéranse casos os confirmados mediante proba PCR ou ben os detectados con proba serolóxica que detecte anticorpos IgM (os máis temperáns) cando haxa síntomas compatibles coa Covid-19. Este domingo diagnosticouse un caso en Galicia, segundo a cifra achegada a Sanidad. Con todo, a pesar do mínimo número de novos positivos, os hospitais galegos seguen realizando arredor de 1.000 probas PCR diarias. Este luns sumaban 151.390 desde o comezo da crise.

O novo sistema establecido polo Ministerio, centrado na detección precoz e control de novos casos, está a recibir numerosas críticas debido a que deixa de notificar parte dos óbitos (este luns non se sumou ningún á serie) mentres que algunhas comunidades autónomas seguen informando dos falecementos diarios, o Ministerio de Sanidad só actualiza a serie histórica de forma semanal, e informa das mortes en cada unha das rexións administrativas nos últimos sete días.

Casos activos

Aínda permanecen como casos activos 515 persoas. Estase seguindo a 113 delas na área da Coruña-Cee, 30 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 43 na de Ourense-Verín-O Barco, 16 na de Pontevedra-Salnés, 193 na área de Vigo, 107 na de Santiago-Barbanza, e 13 na de Ferrol. Así evolucionou a situación nas últimas semanas:

En canto aos falecementos, as citadas discrepancias fan que a Xunta informe de 618, mentres que Sanidad reduce o número de vítimas da Covid-19 a 609. Dous dos óbitos tiveron lugar na última semana, aínda que xa van cinco días seguidos sen que Consellería nin Ministerio informen de novos decesos. En canto ás persoas que superaron a enfermidade, xa son 10.252, máis do 90% do total das infeccións detectadas.

Nos hospitais, só fica unha persoa ingresada na UCI, e 19 noutras unidades de hospitalización. Así, máis do 96% dos casos activos (495) están atendidos no domicilio. Segundo engade o Ministerio de Sanidad, só se produciron tres ingresos nos últimos días.

No referente ás residencias de maiores e centros de discapacidade, seguen activos 38 casos (20 usuarios e 18 profesionais). Desde que comezou a crise, faleceron 274 usuarios destes centros (132 nas propias residencias e 142 en hospitais ou residencias integradas).

Serie de casos

As informacións incompletas sobre a evolución da pandemia por parte da Consellería de Sanidade, así como os diversos cambios de criterio decretados por parte do Ministerio de Sanidad que dificultaron, do mesmo xeito, o seguimento da serie de casos desde o comezo da crise complican seguir ao detalle día a día as cifras.

Con todo, da suma de casos activos, curacións e falecementos que ofrece Sanidade pode tirarse o total de infeccións por Covid-19 detectadas en Galicia, que ascenderían este luns a 11.385. Este dato non é sinónimo de persoas enfermas, xa que só 9.141 delas se contabilizan, segundo o Ministerio de Sanidad, como casos. As outras 2.244 persoas puideron dar positivo por outras probas de anticorpos, pero non manifestaron síntomas da doenza. Deste xeito, nos últimos días, aínda que Galicia apenas estea detectando casos, a cifra de infeccións totais segue medrando, toda vez que a validación que está a realizar Sanidad está a incluír positivos detectados pero que non necesariamente se corresponden aos últimos días.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia