Xoves 28 Marzo 2024

A Xunta destina 16 millóns para retomar a actividade económica na ‘nova normalidade’

O Goberno autonómico facilitará a compra de equipos de protección e a adaptación de locais en sectores como o comercio, o turismo e outros servizos

Falta aínda moito para que o mundo recupere a actividade cotiá previa aos primeiros días de marzo, cando a crise causada polo SARS-CoV-2 desencadeou unha escalada de restricións para frear a propagación do virus. Con todo, e aos poucos, os diferentes sectores económicos están a volver ao funcionamento, tendo moi presentes as medidas de seguridade e hixiene destinadas a evitar os contaxios. Neste sentido, moitos pequenos comercios e negocios deberán afrontar obras de adaptación para garantir a saúde dos seus clientes. E neste punto, a Xunta de Galicia achegará 16 millóns de euros ao programa Reactiva Comercio, Turismo e Servizos Seguros, co que busca facilitar a volta á actividade achegando a máxima confianza aos consumidores.

Con este financiamento apoiarase a adquisición de medios de protección e hixiene para o persoal e clientes do establecemento, así como medidas de reforzo de limpeza e de desinfección dos locais, a adaptación dos espazos con equipamento de seguridade e redución do contacto entre persoas, a realización de obras renovación, limpeza e ventilación do aire, e a posta á disposición de información para os clientes relativa ás medidas hixiénicas e de protección. A liña cobre as actuacións realizadas desde a declaración do estado de alarma.

Publicidade

As axudas para os establecementos de menos de 10 traballadores e menos de 300 m2 cubrirán o 100% do investimento, ata un máximo de 1.200 euros. Para os locais de maiores dimensións acadarán o 80% do gasto realizado, cunha axuda máxima de 3000 euros.

Para participar é preciso cubrir primeiro o cuestionario da plataforma gratuíta online Comercio Seguro, coa que calquera negocio pode obter unha análise do seu nivel de preparación fronte ás necesidades de prevención e planificar as medidas que se deben acometer. O programa, no que colaboran as consellerías de Economía, Emprego e Industria; Cultura e Turismo; e Infraestruturas e Mobilidade– ten previsto achegar apoios inmediatos a máis de 27.000 establecementos galegos para que pemes e autónomos poidan instalar medidas de protección para traballadores e clientes.

Mediante unha tramitación rápida e sinxela –que inclúe a achega de anticipos no momento da resolución favorable da axuda pola metade da contía dos investimentos realizados– poderán solicitar estes apoios autónomos e pemes do sector comercial, turístico, dos servizos e do transporte.

Tipo de axudas

En concreto, para os establecementos comerciais achegará axudas directas aos comercios de proximidade e perruquerías de menos de 10 traballadores e menos de 300 metros cadrados financiando o 100% das medidas activadas, a partir dun mínimo de 300 euros ata un máximo de 1.200 euros. Para facilitar a xestión, os solicitantes –ao igual que os potenciais beneficiarios vinculados ao sector servizos– terán a posibilidade de utilizar o Igape Responde, a xanela única de consulta habilitada pola Xunta para asesorar a autónomos e pemes sobre as liñas postas en marcha para impulsar a reactivación da actividade empresarial e comercial.

Por outra banda, tamén se ofrecerán apoios directos do 80% do investimento a pemes de menos de 50 traballadores, tanto do terceiro sector como do comercio, nas accións de seguridade precisas, desde un mínimo de 1.500 euros de investimento ata un máximo de 3.750, sendo polo tanto a axuda máxima de 3.000 euros. Neste caso, os gastos subvencionables tamén inclúen a formación específica das persoas para aplicar protocolos e prácticas de seguridade adaptados ás normativas e recomendacións sanitarias e os custos relacionados coa obtención de certificacións de garantía de seguridade fronte á Covid-19.

Industria turística

O turismo e a hostalería tamén poderán optar a esta nova iniciativa da Xunta coa que se busca a reactivación da economía galega tras a Covid-19. Neste caso en concreto, e no marco do programa bautizado como Galicia destino seguro, as axudas da Consellería de Cultura e Turismo –que tamén nacen do diálogo e a colaboración cos distintos axentes desta industria– favorecerán a adaptación do sector á nova situación, promocionando a nosa Comunidade como un destino fiable e de calidade.

En liña co resto de convocatorias, as axudas a establecementos de hostalería e restauración, axencias de viaxes e outros locais turísticos, de menos de 10 traballadores e menos de 300 m2, tamén cubrirán o 100% do investimento, ata 1.200 euros desde un mínimo de 300 euros.

Os apoios ás pemes de menos de 50 traballadores acadarán o 80% dos investimentos realizados, desde un mínimo de 1.500 euros ata un máximo de 3750, sendo polo tanto a axuda máxima de 3.000 euros.

Intégrase no Pacto por un destino seguro, en virtude do cal a Xunta e o sector turístico desenvolverán unha batería de accións en materia de seguridade sanitaria  para mellorar a información, asesoramento e formación das empresas e profesionais.

Precisamente, no marco desta iniciativa, está previsto habilitar un teléfono de asesoramento que permitirá resolver as dúbidas neste eido formuladas por parte das empresas do sector. Ademais, xa arrincou un plan de formación en materia de seguridade sanitaria impartido polo Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) e as entidades sectoriais e provinciais cunha oferta inicial de 50.000 prazas en 500 accións formativas de carácter xeral adaptadas ás especificidades de cada subsector e cada área xeográfica.

Sector do transporte

En canto ao sector do transporte, poderán beneficiarse destas axudas os profesionais do transporte terrestre e marítimo de pasaxeiros (agás o sector do taxi para o que se teñen habilitado axudas específicas), o transporte de mercadorías por estrada e todas aquelas actividades anexas ao transporte terrestre. Empresas e autónomos deste sector poden ser potenciais beneficiarios de axudas de ata 3000 euros para implantar medidas ou dotarse de material de protección e hixiene.

Plataforma gratuíta de autodiagnóstico online

O programa Reactiva Comercio, Turismo e Servizos Seguros súmase á nova plataforma gratuíta de autodiagnóstico online que vén de activar a Xunta, que xa está en funcionamento e coa que calquera negocio pode obter unha análise do seu nivel de preparación fronte as necesidades de prevención e planificar as medidas que se deben acometer.

Dispoñible no enderezo web comerciosegurogalicia.com, esta ferramenta achega as claves para garantir seguridade e confianza á clientela na volta á actividade, con diferentes recomendacións sanitarias e de prevención. Coa presentación das solicitudes para acollerse as axudas do programa, os solicitantes deben presentar o informe de autodiagnóstico que proporciona esta plataforma.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

▪️ Expertos en tecnoloxía, ciencias e humanidades asesoran a Xunta para o uso ético da IA

A comisión de especialistas elabora recomendacións para impulsar accións formativas e a sensibilización na administación e empresas

O Goberno reúne datos de Xunta e concellos para exixir indemnización polos 'pellets'

O executivo central solicitará unha compensación polos servizos de Salvamento Marítimo durante o episodio de contaminación mariña

Comesaña: "O Centro de Protonterapia tratará pacientes de cancro en 2025"

O conselleiro de Sanidade fala da situación da sanidade galega e dos novos proxectos de terapias oncolóxicas