A Xunta de Galicia informou este luns dos últimos datos sobre a epidemia da Covid-19 no país: son 6.296 as persoas afectadas polo coronavirus SARS-CoV-2, no que respecta ao cumio da pirámide de persoas afectadas (aquelas ás que se lle realizou a proba para confirmar a doenza). Aínda que o número de casos activos medra en 91 respecto ao domingo (ao descontar as altas e falecementos) a cifra de novos positivos que achega o Ministerio de Sanidad é de 114. Parte destes positivos cínguese, como nas últimas datas, ás residencias de persoas maiores ou con discapacidade. Os datos están actualizados ás 21 horas da noite anterior, polo que é posible que as cifras, sobre todo as de novos óbitos, cambien durante o día.
Con estas cifras, constátase que a epidemia segue remitindo en Galicia, dúas semanas despois do momento de maior incidencia, entre os días 4 e 6 de abril, momento no que coincidiron un notable aumento de novos positivos e a maior presión hospitalaria, o que levou a valorar a posibilidade, hoxe afastada, de instalar hospitais de campaña nas principais cidades. Foi precisamente neses días cando comezou a medrar de forma sostida o ritmo de altas concedidas.
Respecto ao domingo rexístrase unha mínima suba das persoas hospitalizadas; hai catro persoas menos na UCI (de 112 a 108) e cinco máis (de 596 a 601) noutras unidades de hospitalización. A cifra total é de 709, un 36% menor que o cumio acadado o 6 de abril, cando estaban ingresadas 1.107.
O resto dos casos, 5.587 (88,74% do total) están sendo atendidos no domicilio. Con todo, cómpre sinalar que nesta última porcentaxe se inclúen as persoas usuarias en residencias de maiores, que nalgún caso teñen un prognóstico grave debido ás complicacións propias da idade. De feito, boa parte dos falecementos dos últimos días rexístranse entre estas persoas atendidas “no domicilio”.
A Xunta inclúe nos hospitalizados en domicilio aos usuarios de residencias de maiores, algúns deles con prognóstico grave
Falecementos
No que abrangue aos falecementos, cóntanse 455 óbitos, 11 máis que nos datos do domingo. Nove deles, segundo os datos achegados pola Xunta, son usuarios de residencias de maiores. Cinco faleceron nas propias residencias (2 na DomusVi San Lázaro-Santiago de Compostela, 1 de N.S Esperanza-Ourense, 1 de DomusVi Cangas e 1 da residencia Moledo de Vigo) e outros catro usuarios morreron en hospitais ou as residencias integradas instauradas pola Xunta.
Desde o comezo da crise, a Xunta notificou que 201 das persoas falecidas por coronavirus en Galicia (un 44,17% de todas as mortes) son residentes destas instalacións. Desde o 8 de abril, cando se comezou a informar das mortes diarias entre usuarios das residencias, máis da metade dos óbitos en Galicia corresponden a estas persoas.
A relación entre o número de casos e novas altas afástase nos últimos dous días, probablemente polo efecto da fin de semana. Con todo, a tendencia amosa que a diferenza é cada vez menor entre os novos casos diarios e as persoas que se curan.
En atención ás cifras que achega a Xunta, por cada unha das sete áreas sanitarias nas que se reparte o territorio galego, actualmente estase seguindo a 1.408 persoas na área da Coruña-Cee, 605 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 1.243 na de Ourense-Verín-O Barco, 508 na de Pontevedra-Salnés, 1.142 na área de Vigo, 1.046 na de Santiago-Barbanza, e 344 na de Ferrol. Por primeira vez nos últimos sete días medra o número de casos activos en todas as áreas. Así foi a evolución desde o 13 de marzo:
Residencias de maiores
En Galicia, a Consellería de Política Social segue achegando pola súa conta o número de casos activos en residencias de persoas maiores e con discapacidade, que na actualidade supoñen o 21,9% das persoas afectadas en Galicia. 960 usuarios e 419 profesionais destes centros están infectados por coronavirus. Este luns baixou o número total de afectados xa que se rexistraron máis curacións que novos positivos. Foi, en boa parte, debido á curación de 29 usuarios da residencia N.S. Esperanza de Ourense.
A Xunta informou tamén do número de probas PCR realizadas ata o momento: 67.639, que volve supoñer un novo máximo diario (3.924) desde o comezo da crise. Este é un dos métodos de detección da doenza, ademais das probas rápidas, que se están a usar en Galicia, e que se utilizarán nas vindeiras semanas para un estudo epidemiolóxico con máis de 100.000 persoas. Cómpre aclarar que o número total de probas PCR non se corresponde co de persoas analizadas mediante esta técnica, xa que algunhas delas son estudadas en dúas ou máis ocasións.
Crecemento da epidemia
Segundo o informe do Centro Nacional de Epidemioloxía, a taxa de crecemento da epidemia (é dicir, o incremento porcentual de casos novos nas últimas dúas semanas) de Galicia é do -6,1%, unha das menores de España, onde a media xeral é do -1.4%. En Murcia, La Rioja, Melilla e Canarias os casos novos están baixando a maior velocidade que en Galicia, como se pode ver nesta táboa.

Esta é a situación actual en España:

E no mundo:















Estou muito bem impressionado com a amplitude e qualidade das informações desta publicação. Parabéns.
José Eduardo de Lima Pereira
Belo Horizonte
Brasil