Aumento “explosivo” de casos e posible volta ás restricións: así está o mapa da Covid-19

As numerosas cadeas de transmisión detectadas en xente nova poderían levar ao comité clínico a decretar limitacións despois da xuntanza deste martes

A que xa é a quinta onda da pandemia da Covid-19 -aínda que moi distinta das anteriores, pola maior proporción de casos leves e o perfil das persoas afectadas, sobre todo xente nova sen vacinar- podería desembocar nos vindeiros días coa restauración dalgunhas das restricións que semanas atrás levantou o comité clínico que asesora á Xunta de Galicia no seguimento da crise. Despois dunha semana con máis de 500 casos diarios en Galicia, e con preto de 6.000 persoas baixo seguimento por recibir un diagnóstico positivo da infección do SARS-CoV-2, unha parte importante do territorio galego podería verse abocada pronto a unha volta atrás na chamada ‘desescalada’. Así se constata observando a negativa evolución de moitos concellos que rexistran importantes surtos na última semana.

A Xunta restablece restricións de reunión e eleva a alerta en 15 concellos

Vigo, Ourense e Pontevedra, con risco elevado

Ata finais de xuño, o progresivo descenso na transmisión do SARS-CoV-2 fixo que todas as cidades se mantivesen en niveis de risco baixo ou medio. Porén, o aumento “explosivo” (adxectivo utilizado este martes polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña) dos casos observado desde comezos de xullo xa xera importantes cadeas de transmisión en Vigo, Ourense ou Pontevedra, onde a incidencia supera os 250 casos/100.000 habitantes nos últimos 14 días. A peor evolución é a de Ourense, con máis de 600 casos desde finais de xuño, e arredor de 500 desde o pasado día 5. Mais tamén preocupa o panorama de Vigo, con máis de 650 casos na última semana, e Pontevedra, que despois da contención do brote vinculado a viaxes estudantís ás illas Baleares, volve amosar unha importante repunta e suma máis de 150 casos en sete días.

Publicidade

Se a taxa de 250 era case que unha excepción moi poucas semanas atrás, agora xa son máis de 40 os concellos que superan este limiar. Entre eles, ademais das cidades mencionadas, están concellos cunha explosión de casos na última semana. No Barco de Valdeorras, por exemplo, pasouse de menos de 10 casos a 74 en poucos días. Un escenario semellante obsérvase en Sanxenxo (68 casos detectados entre o 5 e o 12 de xullo), Poio (63), Boiro (54), Redondela (50), Barbadás (49), Carballo (44), Cambados (44), Marín (40) ou O Carballiño (35). Preocupan, do mesmo xeito, os brotes que emerxeron na última semana en Ribeira (31 casos), Nigrán (26), A Pobra do Caramiñal (24), O Porriño (23), Moaña (21) ou Porto do Son (21).

Aínda que a poboación de cada un dos municipios fai que as taxas de incidencia se sitúen nalgúns casos por baixo dos limiares de maior risco, no comité clínico existe preocupación polo rápido aumento da transmisión e a importante cantidade de persoas asintomáticas que poden seguir aumentando os casos. Do mesmo xeito, e diante da escasa participación nalgúns dos cribados convocados en poboación nova, é probable que as autoridades sanitarias opten por restrinxir dalgún xeito os encontros sociais para frear novas cadeas de contaxio. Nestes días, e no marco das medidas anunciadas a semana pasada por Sanidade, estanse a desenvolver cribados masivos en numerosas localidades nos que a taxa de positividade está a ser máis elevada do agardado.

Publicidade

Pola outra banda, continúa descendendo o número de municipios que non rexistran infeccións desde comezos de mes. Se na segunda quincena de xuño estaban por riba dos 210, e a finais da semana pasada caían ata os 103, os últimos datos reducen a cifra de municipios ‘libres’ de coronavirus a 88. Estendendo o rango a 14 días, só son 68, fronte aos 103 da pasada semana. Como se pode ver baixo estas liñas, cada vez hai menos superficie na cor azul que indica que non se rexistran casos na última semana. Os concellos localízanse, sobre todo, no norte das provincias da Coruña e Lugo e no leste de Lugo e Ourense. Na outra banda, a contorna das Rías Baixas e a área metropolitana de Ourense representan agora mesmo os maiores focos de transmisión do coronavirus en Galicia.

Así está o mapa, segundo os datos difundidos este martes polo Sergas:

Case sen falecidos, e situación estable nos hospitais

Aínda co importante aumento de casos das últimas dúas semanas, a carga hospitalaria non sofre por agora un incremento notable. O número de persoas nas UCIs dos hospitais galegos mantense arredor da decena, e si hai un lento incremento nas persoas noutras unidades de hospitalización, que son algo máis de 50 nos últimos días.

En canto aos falecementos, constátase a efectividade das vacinas fronte aos falecementos, que se adoitan producir en persoas de maior idade (máis do 96% dos falecementos por Covid-19 en Galicia foron de maiores de 60 anos). Así, desde comezos de xullo rexistráronse tres óbitos, nunha marcada tendencia descendente respecto a meses anteriores.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño