O 13 de marzo, o venres no que se anunciaba que entraría en vigor o estado de alarma para frear a expansión do coronavirus SARS-CoV-2, había en Galicia 90 casos activos, e seis persoas estaban ingresadas na UCI. Hoxe, por primeira vez desde comezos de marzo, os hospitais galegos non teñen nas súas unidades de coidados intensivos ningún paciente activo por Covid-19. Segundo detallou o Sergas, a única persoa en Galicia que permanecía en coidados intensivos con Covid-19, no Clínico de Santiago, deu negativo na proba PCR pero segue ingresada nesta unidade. Só 10 persoas (o 13 de marzo eran 20) están ingresadas en hospitais, segundo informa a Consellería de Sanidade. Á espera dos datos do Ministerio de Sanidad, que difunden ás 17 horas todos os días, os casos activos en Galicia son 476, polo que baixan do medio millar por primeira vez desde o 19 de marzo.
Por áreas sanitarias estase seguindo a 101 delas na área da Coruña-Cee, 31 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 34 na de Ourense-Verín-O Barco, 11 na de Pontevedra-Salnés, 189 na área de Vigo, 97 na de Santiago-Barbanza, e 13 na de Ferrol. Así evolucionou a situación nas últimas semanas:
Nos hospitais xa non hai ingresados na UCI como positivos por Covid-19, e só 10 están noutras unidades de hospitalización. Así, case o 98% dos casos activos en Galicia (466) están atendidos no domicilio. De todos os casos, 17 son usuarios de residencias de persoas maiores e con discapacidade e 14, profesionais destes centros.
En canto aos falecementos, os novos criterios para notificar a información por parte do Ministerio de Sanidad e as discrepancias coa información achegada polas comunidades autónomas, fan diverxer o total de óbitos. A Xunta informa de 618, mentres que Sanidad reduce o número de vítimas da Covid-19 en Galicia a 609. Segundo os datos da Administración autonómica, van seis días seguidos sen falecementos por mor da doenza. 274 das persoas falecidas son usuarias de residencias de maiores.
En canto ás persoas que superaron a enfermidade, xa son 10.338, máis do 90% do total das infeccións detectadas.
Evolución das últimas semanas
Á espera dos datos do mércores, as cifras de Sanidad sitúan un día máis a Galicia como a comunidade autónoma con menor incidencia acumulada en canto aos casos diagnosticados tanto nos últimos sete días como nas últimas dúas semanas (aínda que a cidade autónoma de Melilla non diagnosticou ningún caso na última semana). Con 11 infeccións detectadas na pasada semana (só 13 deles iniciou síntomas neste período), a taxa por 100.000 habitantes é do 0,41, 11 veces menor cá media de España (4,29).
No período das últimas dúas semanas, Galicia notificou 26 novos casos, aínda que só 7 iniciaron síntomas neste tempo. Segundo a nova estratexia, desde o 11 de maio considéranse casos os confirmados mediante proba PCR ou ben os detectados con proba serolóxica que detecte anticorpos IgM (os máis temperáns) cando haxa síntomas compatibles coa Covid-19. Desde entón, 9.148 persoas foron diagnosticadas a través destes métodos en Galicia, ás que hai que sumar unhas 2.250 mediante probas de anticorpos.
A pesar do mínimo número de novos positivos, os hospitais galegos seguen realizando arredor de 1.000 probas PCR diarias. Este luns sumaban 153.606 desde o comezo da crise.














