Sábado 12 Outubro 2024

As novas limitacións en Galicia, por municipio e nos barrios da Coruña

A evolución epidemiolóxica restrinxe as medidas a varios municipios e a determinadas áreas da cidade coruñesa onde a incidencia da Covid-19 aínda é maior

Tal e como se avanzara nas primeiras fases da chamada “desescalada”, a Consellería de Sanidade e o comité clínico que asesora á Xunta de Galicia están a acometer medidas de control en áreas concretas do territorio galego para frear os posibles rebrotes da Covid-19. Este mércores tomáronse novas decisións, que levaron a engadir como áreas de risco aos concellos de Pontevedra e Ponteceso, por mor do aumento de casos, e a levantalos noutras zonas, como Santa Comba, Cambre, Culleredo e Oleiros e parte da cidade da Coruña. As limitacións por barrios, que xa se aplicaran no caso da Milagrosa, en Lugo, veñen dadas pola concentración da transmisión en determinadas zonas. E así queda, por tanto, o mapa respecto aos concellos afectados en Galicia.

A orde do Diario Oficial de Galicia establecía as medidas avanzadas tras a reunión do comité clínico, nas que se especificaba que as terrazas nas áreas con limitacións poderían aumentar a capacidade do 50 ao 75%. E ademais, en toda Galicia se introducía a obrigatoriedade de uso de máscara na actividade deportiva en instalacións cubertas, feito que “só quedará exceptuado para a realización de deportes que requiran a utilización de pistas específicas, tales como tenis, pádel, squash ou pistas polideportivas”, así como manter unha ventilación constante durante a xornada e entre actividades.

Publicidade

O boletín oficial xustificaba cada unha das medidas en función da situación epidemiolóxica, a partir dos informes analizados na reunión, que non son públicos.

En Lugo, todo o termo municipal equipara a súa situación, tendo en conta que o brote da cidade “a pesar de que parece evolucionar de forma favorable, presenta aínda indicadores de alto risco, polo que se recomenda manter as medidas restritivas establecidas que parece que están a funcionar adecuadamente”. Porén, “o feito de que os casos xa non estean concentrados no barrio da Milagrosa fai que non teñan xustificación as medidas máis restritivas que afectan este barrio, polo que se recomenda, no momento actual, homoxeneizar as restricións na totalidade do concello establecendo para o barrio da Milagrosa as mesmas restricións vixentes no resto do concello”.

Publicidade

En Ourense, tras comprobar que a incidencia a “3 e 7 días está estabilizada na última semana”, con “indicadores de alto risco e de medio risco”, “o informe recomenda manter as medidas establecidas ata comprobar que o descenso do número de casos se estabiliza”.

Na área da Coruña aplícanse novas medidas despois dun mes con restricións en varios concellos. Só Arteixo, no que se suavizan as limitacións que reducían, por exemplo, as reunións a cinco persoas, e pasan a 10, mantén todo o termo municipal baixo a nova orde. O informe que se cita no texto di que “as taxas permanecen altas”, pero “reducíronse ao longo do tempo”, cun “número de casos diarios está tamén a reducirse desde hai 3 días”. Porén, na Coruña exponse que “a distribución dos casos non é uniforme no concello, detectándose a agrupación de casos en determinadas zonas da cidade”. Isto levou a manter as limitacións nos barrios da Agra do Orzán, Ventorrillo, Sagrada Familia, Vioño, Sardiñeira, Os Mallos e Estacióndelimitada na orde do DOG, nunha área que se corresponde, aproximadamente, co mapa baixo estas liñas.

Área aproximada na que se manteñen as limitacións na cidade da Coruña. Fonte: Google Maps / Elaboración propia cos datos da Consellería de Sanidade.
Área aproximada na que se manteñen as limitacións na cidade da Coruña. Fonte: Google Maps / Elaboración propia cos datos da Consellería de Sanidade.

Alén disto, o informe apunta que “non existe inconveniente en levantar as restricións do resto dos concellos da comarca que quedarían coas limitacións que afectan outros territorios de Galicia nos que non existen brotes”.

O mesmo argumento se expón para eliminar as restricións no caso de Santa Comba, onde “a incidencia acumulada a 3 días e a 7 días baixou de forma significativa e que o número reprodutivo instantáneo se mantén por debaixo do 1”, cunha taxa a tres días mesmo “por debaixo da taxa xeral de Galicia”.

Na comarca de Bergantiños, Ponteceso engádese a Carballo e A Laracha, nos que xa se decretaran medidas o pasado día 2. Aínda que na zona “se observa unha diminución da incidencia, tanto a 3 como a 7 días”, “seguen a aparecer casos e a incidencia a 14 días é elevada nos concellos de Carballo, A Laracha e Ponteceso”. Nos dous primeiros casos, a taxa estase reducindo despois das medidas decretadas, aínda que medou a preocupación en Ponteceso, cun brote que “segue a presentar indicadores de risco alto e de risco medio”.

En Santiago de Compostela, o informe di que “a incidencia acumulada a 3, 7 e 14 días está estabilizada con algunha oscilación”, cunha porcentaxe de positividade das PCR que se mantén elevada e unha afectación maior en grupos de entre os 15 e os 24 anos, o que pode implicar un número importante de asintomáticos ou paucisintomáticos que facilitarían a transmisión”. Aínda que hai casos en boa parte da comarca, o concello santiagués suma  máis do 70% do total. “O número de casos parece que está a baixar, pero é necesario continuar coa vixilancia ao respecto da efectividade das medidas tomadas”, conclúe o texto, “ata comprobar que o descenso do número de casos se estabilice”.

Finalmente, o texto destaca o rápido aumento de casos en Pontevedra a partir do 30 de agosto, cunha taxa de incidencia tanto a 3 como a 7 días que “aumenta máis do dobre”, un número reprodutivo instantáneo que supera o 1,5 no intervalo de confianza superior, “o que indica que a transmisión pode ser importante”. Deste xeito xustifícase a implantación de medidas “para facer fronte aos abrochos e ás cadeas de transmisións existentes e garantir a súa contención”.

A situación actual

Os datos deste xoves difundidos pola Consellería de Sanidade amosan a suma de 274 casos á serie desde o comezo da pandemia tras a realización de 5.368 probas PCR máis. A notificación de 276 curacións fai descender os casos activos de 4.364 a 4.358. Ademais rexistráronse catro novos falecementos (sumando 672 desde o comezo da pandemia), un deles usuario dunha residencia de maiores.

Nos hospitais hai 25 persoas na UCI e 184 están noutras unidades de hospitalización, o que supón tres máis có mércores.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Duplícase o número de nenos de 5 a 14 anos que non saben falar o galego en cinco anos

A nova Enquisa estrutural a fogares do Instituto Galego de Estatística revela que o castelán xa é máis predominante na comunidade

O ceo galego tínguese de rosa: así foi a nova (e espectacular) aurora boreal

Unha potente tormenta xeomagnética iluminou a noite do xoves cunha cor específica dos fenómenos nos niveis máis altos da ionosfera

A desaparición da ostra salvaxe en Galicia revela a deterioración do leito mariño

Un equipo europeo con participación do IEO de Vigo elabora o rexistro máis completo sobre a antiga extensión da especie bentónica nun estado silvestre

Así chega un furacán convertido en borrasca: radiografía de Kirk e do seu paso por Galicia

O físico Gonzalo Míguez Macho analiza a natureza deste fenómeno meteorolóxico extremo e a súa transformación