Aumenta a vermello o nivel de alerta en terra pola chegada de Fabien

MeteoGalicia e Aemet modifican os avisos ante o empeoramento das predicións durante as xornadas do sábado e domingo en Galicia

Galicia vivirá esta fin de semana unha situación extrema en canto a condicións meteorolóxicas, sobre todo no referente aos refachos de vento. Despois da activación do aviso vermello no litoral polas ondas de 10 metros, a Axencia Estatal de Meteoroloxía ofrece un empeoramento das previsións ante a chegada da cicloxénese explosiva Fabien. Entre as 15 horas do sábado e as 12 da mañá do domingo, advírtese de risco extremo ante refachos de máis de 140 quilómetros por hora nas rexións costeiras desde Bergantiños ata Ribadeo (o aviso vermello no mar esténdese tamén por toda a costa cantábrica).

A situación será tamén moi complicada no resto de Galicia, xa que está activado o nivel laranxa en todo o territorio por refachos que poderían superar os 100 quilómetros por hora. E a chuvia será intensa no interior da provincia de Pontevedra, con previsións de máis de 40 l/m2 en 12 horas. O impacto de Fabien notarase en todo o noroeste peninsular, con chuvias xeralizadas e fortes que poderían empeorar a situación dos ríos en varios puntos de Galicia onde se sufriron inundacións nos últimos días. É o caso do río Miño en Ourense, onde a Confederación Hidrográfica Miño-Sil informou de que se acadou o nivel de alerta, podendo dar lugar a desbordamentos puntuais. En zonas como a do encoro de Velle, moi preto da cidade, as imaxes amosan o volume do caudal que leva o río. No Sil tamén se acadou o nivel de alerta no Barco de Valdeorras. Tamén en Ourense, o río Bibei, afluente do Sil, deixou illada a aldea de Pradorramisquedo, en Viana do Bolo.

Publicidade

Esta situación, que deixa un panorama complicado á espera de Fabien, deixou xa máis de 1.800 incidencias en toda Galicia, segundo informa o 112. Un home faleceu en Santiago de Compostela debido ao derrubamento dun muro na zona de Bonaval debido ás fortes precipitacións. Na beira do río Tambre producíronse inundacións na zona de Ponte Maceira, onde houbo que evacuar varias vivendas, e en Portomouro (Val do Dubra) o alumnado rematou as clases antes de tempo para evitar que a suba da auga lle impedise abandonar o centro. Ademais, mantéñense elevados os niveis dos ríos Ouro, Landro (Lugo), Eume, Ulla (A Coruña), Lérez e Verdugo (Pontevedra) seguen con caudais elevados.


Agárdase que os efectos de Fabien remitan a partir das últimas horas do domingo e dea paso, cara ao Nadal, de varios días de estabilidade atmosférica.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopados os restos óseos de tres individuos na foxa común de Serantes 

A cata arqueolóxica coordinada por Histagra confirma a presenza dun enterramento irregular que podería acoller preto de 200 vítimas da violencia golpista

Galicia rexistra o verán máis cálido dende 1961, cunha temperatura media de 21,4 graos

O informe climatolóxico de Meteogalicia informa de que foi unha estación seca, cunha precipitación media acumulada dun 22% menos do habitual

Identificadas moléculas con potencial terapéutico en cancro no primeiro leite das vacas tras o parto

Un equipo galego revela que as vesículas extracelulares do calostro bovino frean de forma reversible a proliferación de tumores gastrointestinais

Que historia ocultan as rochas? Unha nova páxina web galega ten a resposta

A iniciativa Xeogalicia ofrece artigos, mapas, guías e recursos educativos para achegar a xeoloxía de Galicia a todos os públicos