Dúas semanas despois de que se levantase en todo o territorio español o estado de alarma vixente durante meses para conter a pandemia da Covid-19, semella que, polo momento, parece evitarse un rebrote de casos derivado do levantamento dalgunhas das restricións. Galicia é unha das áreas nas que menos se notou o leve incremento de casos da anunciada. A medida que avanza a campaña de vacinación e, en consecuencia, se reduce a gravidade da infección do coronavirus SARS-CoV-2 nas persoas xa protexidas, as Administracións abordan os seguintes pasos na ‘desescalada’.
A Xunta mantén restricións especiais en 30 concellos (un deles, Lobios, está en nivel máximo), ademais das medidas que afectan a todo o territorio. E este martes o comité clínico que asesora ao goberno galego anunciará o novo mapa que rexerá en función da situación epidemiolóxica. Ademais, segundo diversas fontes, contemplarase o posible relaxamento das limitacións de reunións sociais. Nestes días Galicia é unha das autonomías que marca maiores restricións neste sentido, cun máximo de catro persoas non conviventes en interiores e seis en exteriores, ademais da prohibición de reunión entre persoas que non conviven no mesmo domicilio entre a 1 e as 6 da madrugada.
Este mesmo luns, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, expuxo que o comité clínico analizará a posibilidade de ampliar o número máximo de persoas que poidan xuntarse en reunións sociais. Ademais, sobre a mesa do grupo de expertos estarán os protocolos das celebracións sociais e culturais ao aire libre.
179 concellos sen casos na última semana
No eido municipal, a situación epidemiolóxica en Galicia mantense nunha tendencia lixeiramente descendente a nivel xeral nas últimas semanas, mais con certas variacións derivadas de surtos puntuais e, ao tempo, do descenso de casos que suceden á contención estes brotes. Os últimos datos do Ministerio de Sanidad, publicados este luns, colocan a Galicia na contorna dos 80 casos/100.000 habitantes nas últimas dúas semanas, e preto dos 40 nos últimos sete días.
Na mellor situación atópanse 179 concellos que non rexistran positivos na última semana. Cinguíndose aos últimos 14 días, 139 municipios, principalmente nas provincias de Lugo e Ourense e no interior da Coruña e Pontevedra, non rexistran infeccións de coronavirus.
Na outra banda sitúanse varios municipios que nos últimos días están a rexistrar un aumento de casos. Por exemplo, Mos (que xa se atopa en nivel alto segundo a escala de restricións da Xunta) supera os 250 positivos/100.000 habitantes na última semana despois de notificarse 59 infeccións (70 nos últimos 14 días). Tamén hai unha incidencia notablemente maior cá media galega en Viveiro (32 casos na última semana) e A Pobra do Caramiñal (25 casos). Outros concellos de menor poboación (Corcubión, Trazo, O Incio, Xove, O Irixo, Lobios, Ponte Caldelas ou Moraña), superan a incidencia de 125 na última semana. No referente aos últimos 14 días, mantéñense ademais por riba de 250 Ordes, Santiso e Pontevedra (que xa non rexistra infeccións novas na última semana). Nas principais cidades, a tendencia é estable e, en todo caso, os concellos están por baixo dos 150 casos/100.000 habitantes nos últimos 14 días. Aquí podes ver a tendencia e a incidencia acumulada nas últimas dúas semanas:
En conxunto, estes novos casos seguen oscilando entre os 100 e os 200 diarios en toda Galicia. Con todo, a carga asistencial nos hospitais continúa diminuíndo. É probable que este martes, unha vez se incorporen as altas concedidas despois da fin de semana, se consolide a caída da cifra de hospitalizacións por Covid-19. Os 112 hospitalizados, xunto a outras 32 persoas en coidados intensivos, representan a ocupación máis baixa desde agosto de 2020. Están baixo seguimento algo máis de 2.600 persoas consideradas como casos activos. Faleceron ata o momento 2.411 persoas, e xa son máis de 121.000 os cidadáns galegos que superaron a infección.
Lobios, único concello en nivel máximo; outros 29, en restricións altas ou medias














