Venres 29 Marzo 2024

Lobios, único concello en nivel máximo; outros 29, en restricións altas ou medias

O comité clínico que analiza a situación epidemiolóxica acordou a ampliación dos horarios de ceas ata a unha da madrugada en todos os locais de hostalaría

O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia no seguimento da pandemia da Covid-19, reunido este xoves pola tarde, revisou o mapa de restricións vixente desde a pasada semana. O concello ourensán de Lobios, con 12 casos de coronavirus na última semana e 19 nos últimos 14 días segundo os datos deste xoves, será o único que quedará no nivel máximo de restricións, que supón o peche perimetral do municipio, a clausura da hostalaría e a prohibición de reunións de persoas non conviventes, así como o confinamento nocturno entre as 23 e as 6 horas. Desta listaxe saen Laza, Cambados e Padrón, que están nunha tendencia descendente despois de pasar esta semana en nivel máximo. Por outra banda, pasan a nivel alto municipios como A Pobra do Caramiñal ou Mos, cun rápido aumento de positivos (máis de 20 na última semana) que elevan a incidencia acumulada por riba dos 250 casos/100.000 habitantes nos últimos 14 días, isto é, o triple da media de Galicia.

Outra das novidades é a ampliación do horario para ceas ata a unha da madrugada nos locais de hostalería, independentemente de se teñen licenza ou non de restaurante. “Polo tanto, os locais que dean ceas, poden dalas nas mesmas condicións que os restaurantes”, expón a Consellería de Sanidade no comunicado difundido na tarde do xoves.

Publicidade

Todas as medidas acordadas polo comité clínico, que entrarán en vigor na medianoite do venres 21 ao sábado 22, contan co aval do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, toda vez que xa non está en vigor o estado de alarma que rexía en todo o territorio estatal ata o pasado 9 de maio.

No nivel alto, que limita a actividade hosteleira ao exterior dos locais, cunha capacidade máxima do 50%, quedarán oito concellos: Cambados, Vilanova de Arousa, Moraña, Ponte Caldelas, Mos, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Oleiros.

Outros 21 estarán a partir do día 22 en nivel medio: Son Barbadás, O Barco de Valdeorras, Santiso, Boiro, Rianxo, Padrón, Ordes, Valga, Ames, Carral, Fisterra, Cee, Bueu, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Cangas, Moaña, Salceda de Caselas, Chantada, Viveiro e Cervo. Neles, os locais de hostalaría estarán como moito ao 30% da capacidade no interior e ao 50% fóra.

No resto dos concellos galegos, 283, estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio-baixo. Isto é, a capacidade máxima do interior quedará fixada no 50% e as zonas exteriores poderán estar ao 75%.

Alén dos diferentes niveis, as normas en vigor para toda Galicia marcan que as reunións poden ser dun máximo de catro persoas en espazos interiores e seis en exteriores. Do mesmo xeito, entre a 1 e as 6 da mañá só se permitirán os encontros con persoas conviventes.

No contexto xeral da pandemia, Galicia mantén a tendencia descendente, con 80,91 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días e 34,24 na última semana. 128 persoas están hospitalizadas, e outras 32 ingresadas na UCI con Covid-19. O número de casos activos baixa lixeiramente nos últimos días, ata os 2.701 deste xoves. Estanse a confirmar entre 150 e 200 novos casos diarios nas últimas semanas. No referente aos falecementos, perderon a vida desde o comezo da pandemia 2.409 persoas en Galicia.

Así queda o mapa de restricións a partir do sábado a medianoite:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sanidade ordena a retirada dun coñecido fármaco para a diabetes

A AEMPS comunicou que os motivos se relacionan por un defecto de calidade que “non supón un risco vital para o paciente"

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T

Funcionan os novos fármacos para deixar de fumar? “Se non cambias a conduta, a posibilidade de recaída é alta”

Mónica Pérez Ríos, investigadora da USC, explica que estes medicamentos teñen unha pauta de consumo de 25 días

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes