Primeiras 24 horas sen falecidos por Covid-19 en Galicia desde o 14 de marzo

As UCIs e os hospitais tamén rexistran a maior baixada desde o comezo da crise, con 174 persoas ingresadas menos ca nos datos de onte

Desde o 14 de marzo, cando se rexistrou a primeira morte por mor da Covid-19 en Galicia, as 24 horas que serviron para contabilizar os datos correspondentes ao 29 de abril foron as primeiras nas que unha actualización da Xunta de Galicia non rexistrou ningún falecido nos hospitais e residencias de maiores do país debido á doenza. Así o confirmaron os datos achegados este xoves pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o que mantén a cifra de falecidos en 547 desde o comezo da epidemia. Porén, tal e como indicou no mediodía do xoves o propio Sergas, rexistráronse catro falecementos que pasarán a computarse nas cifras que se facilitarán o venres.

Tal e como aclarou o presidente da Xunta de Galicia na súa comparecencia do mediodía do xoves, despois da reunión do goberno galego, si se rexistrou un falecido durante o día 29, aínda que ao notificarse pasadas as 22 horas, tras o peche do envío dos datos do día seguinte, pasa a sumarse na cifra que se difundirá o venres 1 de maio.

Publicidade

Alén do estancamento dos falecidos, outro dos indicadores positivos para a evolución da crise foi que a baixada de persoas hospitalizadas, sempre segundo os datos facilitados polo Sergas, foi a meirande desde que se difunden estes datos. Con todo, esta cifra ten matices debido á modificación que se engadiu, segundo as indicacións do Goberno español, para contabilizar as cifras de persoas hospitalizadas. Todas aquelas que estando ingresadas dean negativo na proba PCR, segundo explicou este xoves o presidente da Xunta, deixan de contar como casos, aínda que foran positivas anteriormente.

Debido a este cambio de criterio (aínda que tamén á baixada da presión hospitalaria debida á remisión da epidemia), as persoas ingresadas na UCI caeron de 73 a 47 (aínda que houbo dous novos ingresos, segundo informa o Ministerio de Sanidad), e as hospitalizacións baixaron de 282 a 334 (con 11 novos ingresos onte). Do mesmo xeito, Galicia informou ao Ministerio de Sanidad de 180 novos ‘curados’ (a segunda maior cifra da serie), despois de contabilizar onte nun só día todas as altas domiciliarias concedidas ata o momento.

Publicidade

Áreas sanitarias

A elevada cifra de ‘curacións’ provoca, por tanto, unha redución nos casos activos en todas as zonas agás en Vigo, onde aparecen 40 máis ca onte, que se converte na área con máis positivos en Galicia. Así, actualmente estase seguindo a 820 persoas na área da Coruña-Cee, 241 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 707 na de Ourense-Verín-O Barco, 214 na de Pontevedra-Salnés, 848 na área de Vigo, 498 na de Santiago-Barbanza, e 158 na de Ferrol.

Alén disto, o Sergas informou de que o número de probas PCR realizadas ata o momento é de 96.095, ás que habería que engadir as probas de anticorpos de dobre banda, 9.700, segundo informou verbalmente o mércores o presidente da Xunta. O Ministerio de Sanidad, que introduce por primeira vez os positivos diagnosticados únicamente por PCR en Galicia, informou de 22 casos novos detectados por esta técnica.

Residencias

No tocante ás residencias, hai 684 casos activos de usuarios de residencias de maiores, e 271 entre traballadores destes centros. Nos de persoas con discapacidade, a cifra é de 78 persoas usuarias e 44 traballadores. Son 62 menos ca onte. As cifras vinculadas a estes dous tipos de centros son, por tanto, o 30,89% dos casos activos actualmente en Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar