Os expertos, sobre a aprobación da Lei da Ciencia: “É unha boa noticia, pero queda moito por facer”

Os investigadores María Mayán, María Blasco e Lluís Montoliu analizan a normativa, á que o Congreso acaba de darlle luz verde definitiva

Os expertos valoran positivamente a nova Lei da Ciencia pero cren que
Os expertos valoran positivamente a nova Lei da Ciencia pero cren que "queda moito por facer".

A comunidade científica está a depositar as súas esperanzas na reforma da Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación, que conseguiu onte a aprobación definitiva no Pleno do Congreso dos Deputados. A meirande parte dos expertos considera que é “unha boa noticia” e loan algunhas das medidas introducidas, especialmente aquelas destinadas a combater a precariedade laboral na investigación. Tamén poñen en valor que se blinde un financiamento público da I+D “estable e crecente”, malia que xa cren que “será insuficiente”. Segundo o recollido na lei, o obxectivo é alcanzar o 1,25% do PIB en 2030 e o 3% xunto cos investimentos privados. Polo tanto, as opinións positivas sobre a nova normativa tamén son cautelosas. A comunidade científica é case unánime: “Aínda queda moito por facer”.

Reivindicacións históricas

Esa é a posición que mantén a investigadora galega María Mayán, do Instituto de Investigación Biomédica (INIBIC) da Coruña. Considera que a aprobación da lei é unha boa noticia para a comunidade científica: “A reforma achega, entre outros aspectos, dereitos básicos que non se contemplaban no ámbito científico”. Como exemplo, pon o marco de melloras que agora benefician ao ámbito hospitalario no que, a día de hoxe, segue sen existir a carrera investigadora. Con todo, a experta cre que a lei podería ser “máis ambiciosa”, e engade: “É un traballo moi demandante e require de gran experiencia de especialización. O persoal investigador xa demostrou que está á altura. Agora falta esixirlles aos nosos xestores que xeren contornas favorables”. Mayán, en declaracións recollidas polo Science Media Centre España (SMC), conclúe: “Queda moito traballo por diante”.

Publicidade

“A lei podería ser máis ambiciosa”

MARÍA MAYAN, investigadora no INIBIC da Coruña

A visión da investigadora do INIBIC coincide en algúns puntos coa de María Blasco, directora do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO). De feito, a científica asegura que a aprobación da lei “é unha noticia para celebrar”. Entre as medidas que resalta, están o financiamento público estable e en crecemento e, sobre todo, a promoción dos contratos indefinidos. Inclúese, por tanto, unha nova modalidade vinculada ao desenvolvemento de actividades científico-técnicas para todo o persoal de investigación. Ademais de recollerse as singularidades do sistema de I+D, este novo tipo de contrato non está suxeito aos límites da oferta de emprego público nin ás taxas de reposición. Amais, Blasco salienta a simplificación da xustificación das subvencións, as indemnizacións para os contratos predoutorais e a reforma do contrato postdoutoral para achegalo á estabilización.

Malia os puntos positivos que subliña Blasco, a investigadora cre que a lei tamén ten os seus matices. Concordando coa visión de Mayán, a directora do CNIO asegura que “quedan temas por resolver”. “Seguen aí os obstáculos para contratar persoal con financiamento propio dos centros. Isto limita a nosa capacidade de atraer talento. E, dende logo, os cambios nas modalidades de contratación implican cambios na xestión dos centros, con posibles consecuencias que non se poden obviar e que hai que abordar con coidado”. Finalmente, Blasco declara no SMC o importante que é loitar contra a precariedade laboral e o positivas que son todas as medidas que traten de equiparar os dereitos laborais dos científicos co resto de traballadores: “Cando un está preocupado polo futuro laboral é máis difícil facer boa ciencia”.

A importancia da investigación básica

Outros expertos, como Lluís Montoliu, do Centro Nacional de Biotecnoloxía, tamén valora positivamente algúns aspectos da Lei da Ciencia, como o plan para aumentar de maneira progresiva o financiamento. “Seguramente será insuficiente, pero benvido sexa”, apunta en declaracións recollidas polo SMC. Con todo, o científico cre que se precisa dunha maior inxección de diñeiro estrutural nos proxectos de investigación básica do Plan Nacional. “Temos que coidala especialmente. Permite desenvolver proxectos á clase media da ciencia, a que pode dar nalgúns casos os escintileos de excelencia e impacto que sempre buscamos”, valora o experto.

Como exemplo, Montoliu explica o seguinte caso, subliñando a importancia dun maior investimento en ciencia básica: “Certo investigador español, experto en microbioloxía, descubriu hai 17 anos como as bacterias se defendían dos virus que as infectaban. Sete anos despois, esa investigación básica serviu de base a dúas investigadoras para propoñer unha nova ferramenta para editar os xenes de calquera ser vivo e estas dúas investigadoras acabaron recibindo o Premio Nobel en 2020 por iso. Toda a comunidade científica en biomedicina pasou a usar universalmente estes novos métodos de edición xenética. E todo empezou por un proxecto de investigación básica”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.