Xoves 28 Marzo 2024

A frecuencia das ondas de calor extremas aumentará este século

Os científicos prevén nun novo estudo cales serán as rexións dificilmente habitables ao aire libre, sobre todo nas zonas dos trópicos

Varias ondas de calor con efectos mortais afectaron a grandes cidades na última década. Este mesmo verán vimos que se produciron en todo o mundo e a previsión é que o número destes fenómenos aumente.

Un estudo das universidades de Washington (UW) e Harvard calculou os efectos destes fenómenos potencialmente mortais en todo o mundo a finais deste século, en función das futuras emisións de gases de efecto invernadoiro. O traballo acaba de publicarse na revista Communications Earth & Environment.

Publicidade

“Os episodios de calor que bateron récords nos últimos veráns serán moito máis frecuentes en lugares como América do Norte e Europa”, afirma o autor principal do traballo, Lucas Vargas Zeppetello, que realizou a investigación como estudante de doutoramento na UW e agora é investigador postdoutoral en Harvard. “Para moitos lugares próximos ao ecuador, en 2100 máis da metade do ano será un reto para traballar ao aire libre, mesmo se empezamos a frear as emisións”, continúa.

Os efectos do cambio climático nas ondas de calor ameazan a habitabilidade de grandes zonas da superficie terrestre. Por exemplo, os autores predixeron un aumento de 16 veces na ocorrencia de ondas de calor perigosas en Chicago.

Así mesmo, as temperaturas moi altas supoñen unha ameaza para a saúde pública, xa que a calor extrema favorece os golpes de calor e enfermidades crónicas.

“Tendo en cuenta as mortes que vimos en eventos menos extremos nos últimos anos, é probable que este tipo de eventos sen precedentes sexan bastante mortais sen unha adaptación adecuada”, declara a SINC Vargas Zeppetello.

Crear un futuro habitable

O estudo analiza unha combinación de temperatura e humidade do aire coñecida como ‘índice de calor’ que mide o impacto no corpo humano. O Servizo Meteorolóxico Nacional de EE UU define un índice de calor perigosa como 103ºF (39,4ºC) e como extremadamente perigoso de 51ºC (124ºF), e considérase inseguro para os seres humanos durante calquera período de tempo.

“Estas normas creáronse nun principio para as persoas que traballaban en interiores, en lugares como as salas de caldeiras, e non se pensou nas condicións que se darían en ambientes exteriores. Pero agora estámolas vendo”, continúa Vargas Zeppetello.

O estudo conclúe que, mesmo se os países conseguen cumprir o obxectivo do Acordo de París de manter o quecemento en 2ºC, cruzar o limiar perigoso será de tres a dez veces máis frecuente en 2100 en EE UU, Europa Occidental, China e Xapón. Nese mesmo escenario, os días perigosos poderían duplicarse en 2100 nos trópicos, abarcando a metade do ano.

“O noso estudo mostra unha ampla gama de escenarios posibles para 2100. Isto demostra que as opcións de emisións que facemos agora seguen sendo importantes para crear un futuro habitable”, engade o experto.

O panel superior mostra o rexistro histórico de días “perigosos” ao ano, cun índice de calor superior a 103 F. A columna da esquerda mostra o rango de días perigosamente calorosos en 2050, con 10 veces máis días “perigosos” no sueste de Estados Unidos e máis de 100 días “perigosos” en partes de Sudamérica, África, India e Australia. A columna da dereita mostra a gama máis ampla de posibilidades para 2100. A parte inferior dereita mostra o peor escenario, con condicións perigosas durante gran parte do ano en Sudamérica, África central e o sur de Asia. (Os valores máis baixos no África subsahariana e a India débense a que experimentan condicións “extremadamente perigosas”). / UW

Proxeccións estatísticas

En lugar de utilizar as catro vías de emisións futuras incluídas nos informes do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC, polas súas siglas en inglés), os autores empregan un enfoque estatístico. Desta forma, combinaron datos históricos con proxeccións de poboación, crecemento económico e intensidade de carbono —a cantidade de carbono emitida por cada dólar de actividade económica— para predicir a gama probable de concentracións futuras de CO2. É dicir, o estudo utiliza un método baseado na probabilidade para calcular os escenarios do século.

“Ofrece rangos plausibles para as emisións de carbono e a temperatura futura, e estimouse estatisticamente a partir de datos históricos e validouse con eles”, puntualiza Adrian Raftery, coautor do traballo e profesor de estatística e de socioloxía da UW.

Só hai un 0,1 % de posibilidades de limitar o quecemento medio global a 1,5 ºC para 2100

Os autores traduciron o aumento dos niveis de dióxido de carbono nunha serie de incrementos da temperatura global e, a continuación, analizaron como afectaría iso aos patróns meteorolóxicos mensuais globais.

“Temos que reducir drasticamente as nosas emisións de dióxido de carbono e facer todo o posible para cumprir o obxectivo do Acordo de París de manter o quecemento global limitado a 2˚C. O noso modelo probabilístico suxire que o escenario máis probable é un quecemento de 3˚C para finais de século. Pode non parecer unha gran diferenza, pero evitar que isto ocorra supoñerá unha diferenza extraordinaria, especialmente para a xente dos trópicos”, resalta Vargas Zeppetello.

Segundo as súas estimacións, só hai un 0,1% de posibilidades de limitar o quecemento medio global a 1,5ºC para 2100, en liña co obxectivo actualizado do Acordo Climático de París. En cambio, predixeron que o cambio nas temperaturas medias globais probablemente achegarase aos 2˚C en 2050.

Latitudes medias, como a Península, con días perigosos

Os trópicos poderían estar expostos a niveis de calor perigosamente elevados a maioría dos días, e prevese que as latitudes medias sufran ondas de calor mortais todos os anos de aquí a 2100.

No peor dos casos, se as emisións non se controlan, as condicións extremadamente perigosas, nas que os seres humanos non deberían estar ao aire libre durante ningún tempo, poderían ser comúns nos países próximos ao ecuador, especialmente na India e África subsahariana.

“É extremadamente aterrador pensar no que sucedería se 30 ou 40 días ao ano superasen o limiar de extremo perigo. Son escenarios terribles que aínda temos a capacidade de previr. Este estudo móstrache o abismo, pero tamén che mostra que temos algunha oportunidade para previr que estes escenarios ocorran”, resalta Vargas Zeppetello.

É extremadamente aterrador pensar no que sucedería se 30 ou 40 días ao ano superasen o limiar de extremo perigo

LUCAS VARGAS, investigador

“O número de días con niveis perigosos de calor nas latitudes medias duplicarase para 2050”, engade David Battisti, profesor de ciencias atmosféricas na UW e coautor do estudo. “Mesmo para as estimacións máis baixas das emisións de carbono e a resposta climática, en 2100 gran parte dos trópicos experimentarán niveis ‘perigosos’ de estrés térmico durante case a metade do ano”, advirte.

Segundo Vargas Zeppetello: “Os países mediterráneos, e España en particular, serán os lugares onde Europa verá as primeiras superacións regulares destes límites térmicos que poden ser bastante perigosos para a saúde humana. Dadas as consecuencias destes niveis de calor, España ten que estar preparada para ter ondas de calor extremas anuais quizais xa nas próximas décadas”.

Os resultados subliñan a necesidade tanto de diminuír as futuras emisións de gases de efecto invernadoiro, como de protexer a poboación. É dicir, se non se adoptan medidas de adaptación pode haber un gran aumento da incidencia das enfermidades relacionadas coa calor, sobre todo en anciáns, traballadores ao aire libre e as persoas con menos ingresos. Ademais, reclaman obxectivos máis ambiciosos para reducir as emisións.


Referencia: Probabilistic projections of increased heat stress driven by climate change (Publicado en Communications Earth & Environment)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Podemos predicir as secas?

Un modelo matemático, ideado por Robert Monjo, analiza o comportamento dos períodos sen choiva desde 1979 ata 2016 e compáraos con conxuntos de Cantor

España anuncia a compra de vacinas contra a varíola do mono

Galicia conta con tres casos sospeitosos mentres os do resto do país ascenden a 59

Que sabemos sobre o novo brote de varíola dos monos?

O Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas lanzan unha alerta sanitaria despois de detectar oito casos sospeitosos en Madrid

Como actuar ante a nova hepatite de orixe descoñecida

A aparición de varios casos en nenos do Reino Unido e de España, así como doutros países, fixo saltar as alarmas ante a falta de datos