Venres 19 Abril 2024

Quen é o científico máis coñecido no teu concello? Consúltao aquí

O mapa interativo 'Notable people' permite saber quen son os persoeiros máis ilustres do teu lugar de nacemento

Isabel Zendal, Ángel Carracedo, Olimpia Valencia e Tarsy Carballas son nomes de sobra coñecidos por todos os galegos. Máis alá da súa salientable carreira científica, tamén son os personaxes máis distinguidos dos seus lugares de nacemento. En Ordes, Santa Comba, Baltar e Taboada non hai persoas máis sinaladas. Así se pode comprobar en Notable people, un mapa interactivo que permite saber quen son as persoas máis ilustres en cada un dos concellos galegos. A iniciativa foi desenvolvida polo xeógrafo finés Topi Tjikanov, capaz de recompilar datos sobre a popularidade de diferentes celebridades de todo o mundo.

O funcionamento da aplicación é moi doado. Ao entrar na ligazón aparece un globo terráqueo cheo de nomes propios. Todos eles responden a persoas famosas en diferentes campos, non só relativos á ciencia. En Europa, por exemplo, os que máis resaltados aparecen son Leonardo da Vinci, Aristóteles e Albert Einstein, entre outros. De feito, son catro as categorías nas que están divididos os persoeiros. Algúns están etiquetados en cultura, outros en deportes, política e, finalmente, en ciencia. Neste último apartado tamén se inclúen algúns personaxes vinculados coa literatura, como é o caso de Marcial Valladares na Estrada.

Publicidade

En Galicia, máis alá dos catro nomes mencionados inicialmente, tamén se inclúen a Isidro Parga Pondal, o persoeiro máis destacable de Laxe, recoñecido polas súas contribucións no campo da química e da xeoloxía. Mañón, por exemplo, está asociado co arqueólogo Federico Maciñeira e preto, en Ortigueira, salienta a figura do xeógrafo e historiador Julio Dávila. Tamén outros como o enxeñeiro Manuel Docampo Guerra no Barco de Valdeorras, a farmacéutica María Teresa Miras Portugal no Carballiño e o físico Jorge Mira en Zas. Se ti non es de ningún destes concellos, segue buscando. Por cada localidade galega, hai un nome esperando.

Unha base de datos mundial

Para a creación deste mapa, Topi Tjikanov, que traballa na compañía MapBox, apoiouse nun artigo publicado recentemente na revista Scientific data. O equipo detrás da investigación, maioritariamente francés, creou unha base de datos que recolle a información de 2,29 millóns de persoas arredor do mundo. Para iso, analizaron varias edicións da Wikipedia e da Wikimedia. Entre os criterios que serviron para escoller os personaxes están a cantidade media de visitas á biografía que cada individuo tivo entre 2015 e 2018, a lonxitude dos artigos e o número total de ligazóns externas que incluía cada entrada. Esta iniciativa foi a semente de Notable people, que asocia lugares con persoas famosas. Haber hai moitas máis, pero tal e como indican na web, os datos procesáronse para que só apareza unha persoa por cada localización xeográfica. Cal é a túa?


Referencia: A cross-verified database of notable people, 3500BC-2018AD (Publicado en Scientific data)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade

Exoplanetas de spray e tinta: ciencia e arte alíanse nun proxecto internacional con selo galego

O artista vigués Tono Carbajo realiza unha residencia artística en Cataluña para desenvolver a súa obra visual e sonora a partir de evidencias astronómicas

Inmaculada Rodríguez: “Antes faciamos empresas de parafusos, agora de ciencia e tecnoloxía”

A directora xeral de Unirisco reclama dar o salto da investigación á empresa nas xornadas 'Investir en Ciencia si é rendible’, que organiza xunto a Noso Capital

Galicia lidera o debate sobre a rendibilidade da ciencia da man de Unirisco

Universidades europeas e centros de investigación analizarán en Santiago o impacto das tecnoloxías disruptivas e a importancia de crear ecosistemas emprendedores