As mellores fotografías científicas do ano xa están aquí. Son oito imaxes que serven como colofón para o 2022, a punto de rematar. As gañadoras foron escollidas polo xurado do concurso FOTCIENCIA, que organizan o CSIC e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), en colaboración coa Fundación Jesús Serra. Esta décimo novena edición contou coas súas habituais categorías —Micro, Xeral, Alimentación e Nutrición, Agricultura sostible e A ciencia na aula—, xunto cunha modalidade especial, denominada “Ano Cajal”, que recolleu fotos relacionadas coa neurociencia. Ademais, as gañadoras xunto con outras imaxes seleccionadas formarán parte dunha exposición itinerante en 2023.
“Bosque encantado”

Unha das imaxes gañadoras na modalidade Micro, galardoada con 1.500 euros, denomínase “Bosque encantado”. A súa autora é Isabel María Sánchez Almazo, que contou coa participación de Lola Molina e Concepción Hernández Castillo. Segundo explican dende FOTCIENCIA, a imxe ilustra a porta de entrada dunha flor de Freesia, é dicir, o estigma polo que acceden os poles. As células do seu extremo conforman o “Bosque encantado” que vemos na imaxe, e que esconden no seu tecido substancias clave para o éxito da reprodución da planta. As zonas brillantes que se observan débense á distribución de elementos como o calcio, o fósforo e o sodio na textura interna das células. Aínda que moitas especies de Freesia poden atoparse en xardíns de todo o mundo, son orixinarias do sur de África.
“Plumas analxésicas”

A outra imaxe galardoada na modalidade Micro, tamén con 1.500 euros, sacouna María Jesús Redrejo Rodríguez en colaboración con Eberhardt Josué Friedrich Kernahan. Aínda que parezan as plumas coloridas dalgunha ave tropical, en realidade vemos as estruturas formadas durante a cristalización dunha solución de paracetamol. O proceso lévase a cabo para analizar as impurezas (trazas metálicas) que poidan contaminar a mostra durante o seu proceso de síntese. Isto forma parte dos controis de calidade que permiten establecer se os produtos cumpren cos parámetros e requisitos legais requiridos.
“O murmurio, atacado”

A gañadora na modalidade xeral é obra de Roberto Bueno Hernández e o seu título, O murmurio, atacado, fai referencia ao movemento coordinado dos estoniños no aire. Estas aves chegan á península ibérica nos meses de inverno desde o centro e norte de Europa, buscando unha maior abundancia de insectos e sementes, e forman bandadas de centos e ata de miles de individuos. A inexplicable coordinación das súas frenéticas manobras de voo fai pensar que se comportan como un único superorganismo, do mesmo xeito que os cardumes no océano ou as colonias de formigas en terra. Pero na imaxe hai algo máis: o ataque dun falcón peregrino á bandada. Desde arriba lanza o seu veloz pico, o máis rápido do mundo animal, que é dificilmente detectado polos estorniños, o que dificulta unha reacción a tempo.
“Nada se resiste ao poder do lume”

A outra galardoada na modalidade xeral foi sacada por Sara María Rubio Largo, dotada tamén con 1.500 euros. A imaxe ofrece a resposta a por que arde o aceiro. Segundo explican dende o concurso, isto débese a que a súa composición leva ferro, un elemento que reacciona de forma rápida co osíxeno do aire cando se achega a unha fonte de calor como unha chama ou, mesmo, unha faísca. Pero é necesario que o aceiro estea a formar finos fíos, como un penacho de la de aceiro, que aumentan a superficie de contacto co osíxeno do aire. A posición vertical dentro dunha probeta facilita aínda máis a combustión. Un meticuloso espectáculo pirotécnico nun laboratorio de química.
“Recordando a Cajal”

Esta é a gañadora da modalidade especial deste ano, a relativa a Cajal. O seu autor é Miguel Fuentes Ramos. Coa súa imaxe Esta imaxe lembra algúns dos famosos debuxos de neuronas no hipocampo realizados por Cajal hai xa máis dun século. Con todo, a técnica usada neste caso foi ben distinta e, mentres Cajal se baseada na tinción de Golgi, aquí tinguíronse as neuronas dun rato activadas durante a formación dun recordo, o que se denomina engrama.
“Galaxia polisacárida”

A modalidade de Alimentación e nutrición, dotada con 600 euros, ten como galardoada “Galaxia polisacárida”, de Antonio Diego Molina García. A imaxe representa un gránulo de almidón de tapioca, parcialmente convertido en xelatina por alta presión hidrostática, observado por criomicroscopía electrónica de varrido. O amidón, biopolímero empregado por moitas plantas para almacenar azucre de maneira eficiente, forma gránulos empaquetados de forma moi ordenada e compacta, inaccesibles á dixestión. Para poder asimilalo, débese recorrer a tratamentos a alta temperatura ou presión.
“Interaccións ocultas”

A gañadora da modalidade de Agricultura sostible é “Interaccións ocultas”, de José María Gómez Reyes, que contou coa participación de Isabel María Sánchez Almazo, Lola Molina, Daniel García-Muñoz Bautista-Cerro. Segundo explican dende o concurso, moitas especies de invertebrados que se alimentan das plantas do deserto son difíciles de diferenciar a primeira ollada. Nesta imaxe obsérvase un ácaro herbívoro (Tetranychus) que deambula sobre un pétalo da súa planta nutricia (Moricandia arvensis). Podemos facernos unha idea do diminuto do seu tamaño comparándoo coas células do pétalo, que son os polígonos que se mostran na superficie do tecido vexetal. Este grupo de ácaros poden expandirse rapidamente en cultivos, converténdose nunha ameaza para as plantacións. O control sostible das pragas require unha adecuada identificación dos organismos que as provocan, para poder erradicalos dunha forma que sexa respectuosa co medio ambiente.
“Fogos artificiais petrificados”

Finalmente, na modalidade de “A ciencia na aula” resultou gañadora “Fogos artificiais petrificados” de Carlos Pérez Naval, remunerada con 600 euros. A natureza esconde formacións que parecen sacadas dun caderno de artista. Pero o que vemos nesta imaxe é en esencia dióxido de manganeso (MnO2). Esta é a composición química das pirolusitas, minerais que cando cristalizan sobre as rocas denomínanse pirolusitas dendríticas e crean estas formacións tan curiosas e hipnóticas. Moitas veces están presentes nas paredes das casas como pedras decorativas, pero pasan desapercibidas se non nos fixamos detidamente nelas.














