Tan só quedan 10 días para dar por rematado o ano 2022. Con este motivo, así como pola fin do outono, a delegación da Axencia Estatal de Meteoroloxía en Galicia presenta os primeiros resultados do seu balance anual. “O ano 2022 está a resultar extremedamente cálido no conxunto de Galicia, cunha anomalía térmica de máis de 1,5 graos con respecto ao valor normal”, apuntan fontes da institución. A falta de datos máis concluíntes, o prognóstico é que o 2022 sexa o ano máis cálido da serie histórica, que comezou en 1961. En relación ás precipitacións, e a falta dos datos que se recollan cando remate decembro, “o ano está a ser seco ou moi seco” en toda Galicia.
No que respecta á análise do tempo en outono, as palabras clave para definilo son “cálido” e “húmido”. Segundo explican dende a AEMET, a temperatura media da estación foi de 14,6 graos, marcando unha anomalía de máis de 1,6 graos. É dicir, o outono pode cualificarse, incluso, como “moi cálido”. De feito, atendendo aos outros datos da serie histórica, é o segundo máis caloroso dende 1961, tan só dúas décimas por debaixo do de 2006. Na súa división por meses, setembro foi cálido por unhas temperaturas mínimas moi elevadas. Outubro foi aínda máis caloroso, cunha media de 15,8 graos e unha anomalía térmica de 2,8 graos. Novembro, aínda sendo “moi cálido”, xa baixou a unha media de 10,7 graos. Finalmente, a temperatura máxima rexistrouse en Ribadavia o 18 de setembro, acadando os 35,5 graos e a mínima o 5 de novembro en Xinzo de Limia, que baixou ata os -2,9 graos.
Prognostícase que o 2022 sexa o ano máis cálido dende 1961
No relativo ás precipitacións, a AEMET conclúe que foi un outono húmido. A media de chuvia para Galicia entre setembro e novembro foi de 519 l/m2, o que supón o 122% da chuvia normal. De feito, é o décimo quinto outono máis chuvioso da serie histórica. No que respecta á súa análise por meses, setembro foi normal, cunha media de 77 l/m2, que supoñen o 97% da choiva media do mes. Outubro, cunha precipitación de 215 l/m2, o 126% do normal, resultou ser humido. Finalmente, novembro tamén repetiu patrón con respecto ao mes anterior, cunha media de 227 l/m2, o 129% do normal.
Para rematar, a AEMET tamén ofreceu datos provisionais sobre o mes de decembro, á espera de que remate. Na primeira quincena rexistrouse en Galicia unha cantidade de choiva que representa unha porcentaxe respecto da normal do 20% no norte e algo máis do 40% no sur de Galicia. O día máis chuvioso foi o 12, con cantidades que puntualmente superaron os 90l/m2. En relación ás temperaturas medias, sitúanse entre 0,5 graos e 1 grao por encima dos valores normais de decembro. Polo momento, os días máis fríos foron os catro primeiros do mes, xornadas nas que se mediron mínimas inferiores a -5 graos en puntos do interior.














