No interior de provincia de Lugo, preto da cidade, un pequeno xardín botánico garda un tesouro prehistórico. O recinto alberga unha colección de coníferas, algunhas delas en perigo de extinción no seu medio natural. A asociación Arboretum – Pinetum Lucus Augusti, xestora do xardín, asegura que todas as plantas do recinto teñen un “grande interese botánico”. Pero de entre todas elas salienta unha: a especie Wollemia nobilis, tamén coñecida como piñeiro Wollemi. A súa designación máis popular tamén fai referencia a ela como “árbore-dinosaurio” posto que o descubrimento desta especie en 1994 equivaleu, no eido da botánica, a atopar na actualidade unha pequena poboación de dinosaurios que vivan exactamente igual que na era que habitaron. No caso do piñeiro Wollemi, no Xurásico.
“Probablemente sexa a planta máis espectacular do xardín”, aseguran fontes da asociación. Segundo continúan explicando, unha das maiores curiosidades desta planta, máis alá do seu aspecto arcaico, é que pertence aos denominados “taxóns de Lázaro”. Ou o que é o mesmo, un selecto grupo de especies antigas que foron coñecidas primeiro polos seus restos fosilizados e só despois de ser identificadas acabaron por ser decubertas na época actual. Un grupo de botánicos achou o piñeiro Wollemi nos anos 90, nunha zona afastada das Montañas Azuis, en Australia. O exemplar que se atopa no xardín botánico de Lugo, informan dende a asociación, plantouse en 2009 e xa supera os seis metros de altura. “Na actualidade é a wollemia cultivada de maior tamaño que se pode contemplar na Europa continental”, indican dende a xestora do recinto.

Outras especies destacadas
Ademais do piñeiro Wollemi, o xardín Lucus Augusti conta con outras especies destacadas. Unha delas é a Pherosphaera fitzgeraldii, tamén coñecida como “piñeiro das Montañas Azuis”. Segundo explican dende a asociación, “é un rarísimo arbusto, remanente da antiga flora de coníferas que dominaba o continente Gondwana antes de que aparecen as árbores con flores”. A día de hoxe, a especie está en “estado crítico”, posto que só se atopa nalgunhas fervenzas e remotos ríos australianos e tan só se contabilizan 455 exemplares en todo o mundo. É dicir, a escaseza e o tamaño reducido na súa área de distribución convértena nunha especie de especial conservación. Dende a asociación detallan que o Parque Nacional das Montañas Azuis, o seu hábitat natural, viuse moi afectado pola onda de incendios descontrolados que afectou Australia en 2020.

No que respecta ao xardín Lucus Augusti, poden verse dous exemplares destes pequenos piñeiros australianos. Están situados ao pé dunha reducida fervenza artificial. “Alí atópanse a vontade e dispostos a pelexaren polo futuro da súa especie”, afirman dende a asociación. Amais disto, o recinto lugués recibiu o ano pasado unha axuda internacional para intentar recrear o hábitat desta “peculiar especie” de conífera. O motivo polo que recibiron esta axuda, segundo especifican dende a asociación, é porque o xardín Lucus Augusti está orientado á conservación de especies ameazadas. E unha das que se atopan en estado crítico é, precisamente, a Pherosphaera fitzgeraldii.
Dende a xestora do recinto continúan detallando que estas non son as únicas especies salientables do xardín botánico. Hai unhas árbores moi parecidas ao teixo que proceden de Florida e que se viron moi ameazadas polo furacán Michael. O fenómeno meteorolóxico de gran intensidade devastou a súa “reducida área de distribución”. O recinto tamén conta cun ciprés do Vietnam, descuberto pola ciencia en 2001 nunha remota área de montaña. Tamén o carballo do Monte Hermon, unha singular especie de Quercus que procede dunha zona militarizada, de acceso restrinxido, na fronteira entre Israel, Líbano e Siria.