Case mil estudantes participan na II Competición de Robots da Universidade de Vigo

A Escola Superior de Enxeñería Industrial de Vigo acolleu a competición.
A Escola Superior de Enxeñería Industrial de Vigo acolleu a competición.

As ida e vidas de decenas de robots volverán a encher o chan da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo o vindeiro 29 de abril co gallo da celebración da 2ª edición da Competición de Robots, que organiza a dirección do centro. Divididos en dúas categorías, WALL-E, para alumnado matriculado en calquera curso en ensino secundario obrigatorio e bacharelato, e R2D2, para o estudantado de calquera titulación superior, ben formación profesional, ben titulacións universitarias, os e as participantes superaron nesta segunda edición as expectativas da organización ao superar os 900 inscritos, distribuídos en 156 equipos, que representan a uns 40 centros de toda Galicia, na súa maior parte da provincia de Pontevedra, pero seguidos moi de preto polos de A Coruña.

TecnoSang, o robot do IES A Sangriña da Garda, que gañou o primeiro premio en ESO.
TecnoSang, o robot do IES A Sangriña da Garda, que gañou o primeiro premio en ESO.

“Foi unha sorpresa moi agradable xa que non contabamos con superar o número de equipos inscritos na primeira edición” recoñece Juan Pou, director da Escola de Enxeñería Industrial, que lembra que o obxectivo fundamental desta iniciativa “é achegar a universidade aos alumnos das ensinanzas de secundaria e bacharelato mentres se divirten montando e programando un robot cos seus compañeiros e coa axuda do seu titor. Deste xeito a EEI quere acercar a robótica e a enxeñería en xeral aos centros educativos e se ademais e esperta algunha vocación pola enxeñería entre os participantes pois xa quedamos completamente satisfeitos”. A competición celebrarase en dependencias da escola, na sede campus, o venres 29 de abril a partir das 10.30 horas e nela os equipos participantes, en cada unha das dúas categorías, deberán amosar as habilidades dos seus robots en probas individuais de rastrexo e colectivas de sumo para a categoría WALL-E e individuais de rastrexo e varredor e colectivas de labirinto e sumo, no caso da categoría R2D2.

Os alumnos teñen que montar e programar o seu propio robot 

Un xurado, composto por membros da dirección da EEI, será o encargado de puntuar a actuación dos autómatas, que dependendo da categoría, deberán cumprir cunhas normas para a súa construción. Así, os que concorran á categoría WALL-E serán robots desenvolvidos a partir dun kit básico, proporcionado pola organización, ao que se lle poderán introducir pequenas modificacións, que deberán ser notificadas aos organizadores. No caso da categoría R2D2, os robots terán un tamaño máximo da envolvente dun cubo de 20 centímetros de lado, un peso máximo de 1500 gramos e sensorización, forma e cor e configuración de tracción libres. “Os gañadores en cada categoría serán os equipos que logren a maior puntuación final, que será o promedio das puntuacións positivas obtidas nas probas que teñen que realizar. Ademais temos premios para os robots máis orixinais”, explica o director da escola.

A proba, organizada pola Escola de Enxeñería Industrial en colaboración coa Rama de Estudantes do Institute of Electrical and Electronics Engineers da Universidade de Vigo, conta ademais este ano co aliciente de puntuar para a Liga Nacional de Robótica de Competición, que ten desde o ano pasado cunha categoría específica para construtores desde 14 anos.

robots LEGO
Un neno mostra un robot construído na pasada edición dos T2W.

Na primeira edición da proba tomaron parte máis de 550 estudantes de 37 centros educativos de ensino secundario de toda Galicia, que presentaron un total de 110 autómatas. Unicorns of Love, deseñado polos alumnos do Liceo La Paz, da Coruña fíxose co premio ao robot máis orixinal, mentres que TecnoSang, acadou o 1º premio da categoría de ESO; 2DC, do IES Río Miño de Rábade, de bacharelato; e Paleitor co primeiro premio da categoría R2D2 para ciclos formativos e universidade. “A resposta que recibimos na edición de 2015 foi incrible polo entusiasmo que amosaron os alumnos participantes. E foron os profesores dos centros de ensino de secundaria e bacharelato os que máis nos animaron a repetir a experiencia. Os alumnos quedaron moi contentos coa competición, que non é só ese momento, porque o traballo comeza cando reciben o kit e teñen que traballar na construción, programación, facer probas, corrixir erros, facer melloras, decorar, etc …”, explica Juan Pou, para quen esta experiencia tamén fomenta o traballo en equipo, que permite avanzar moito máis rápido e chegar máis lonxe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.