Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

Ante a aceleración do crecemento urbano, xorde unha serie de cuestións relativas á planificación e seguridade cidadá: canto se expande unha cidade? En que áreas e a que ritmo? Como se vería afectada a poboación no caso dun desastre natural? Que pasaría coas construcións? A fin de responder estas preguntas, o Centro Aeroespacial Alemán (DLR), a compañía aeroespacial MindEarth e a Axencia Espacial Europea (ESA) lanzan World Settlement Footprint Tracker (WSF), unha plataforma de código aberto que permite observar a expansión dos núcleos urbanos en todo o mundo, así como medir os diferentes riscos naturais que presenta a zona.

A plataforma ten unha alta resolución espacial — de 10 metros— e monitoriza a evolución dos asentamentos humanos dende xullo de 2016 ata xaneiro de 2026, cunha actualización periódica cada seis meses. No caso de Galicia, os datos da aplicación revelan que as cidades só ocupan 460 quilómetros cadrados dos 29.544 que ten a comunidade en total. Así, na actualidade tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes, un pequeno incremento fronte ao 1,44% de hai 10 anos. As grandes cidades da comunidade son as que reúnen os puntos con maior crecemento.

Publicidade

Segundo os datos do WSF Tracker, as cidades e contornas urbanas (excluíndo as estradas) ocupan apenas o 0,6% da superficie terrestre do planeta. Malia representar unha fracción territorial tan reducida, estas áreas albergan actualmente máis do 57% da poboación mundial.

Un sistema de medición do risco

As capacidades analíticas do WSF Tracker abren un abano de posibilidades para a investigación e a organización urbana. Ademais de observar a evolución de forma continuada, o sistema permite cuantificar o ritmo do crecemento a escala global, rexional e local, facilitando a identificación de puntos quentes onde as cidades se expanden de xeito acelerado. A maiores, avalía de forma directa a exposición dos asentamentos a inundacións, sismos, ciclóns, a subsidencia do terreo ou a calor extrema. O sistema mide o risco en: ningún, moi baixo, baixo, moderado-baixo, moderado, moderado-alto e alto.

Publicidade

Para Galicia, o contacto con inundacións é nulo para a maior parte da poboación. Así e todo, hai distincións en torno á causa da mesma: para aquelas de orixe costeira, menos de dous quilómetros cadrados do total galego presentan algún tipo de risco; para as provocadas polo desbordamento de áreas fluviais, ese risco esténdese a 4,3 quilómetros cadrados, dos que a maioría presentan unha alerta alta; e para as que veñan causadas pola choiva, a exposición podería darse en 26,8 quilómetros cadrados, dos que a maior parte terían un risco entre moi baixo e baixo.

En canto á ameaza sísmica, é mínima para toda Galicia. No caso dos ciclóns, case todo o territorio se atopan nun nivel moderado, agás por pequenas zonas que acadan valores máis elevados. No relativo á subsidencia do terreo, tan só 50 quilómetros cadrados dos 460 que ocupa Galicia están nun nivel nulo. O resto da superficie galega divídese en diferentes graos de perigosidade, con máis da metade do territorio situada entre os valores moi baixos e baixos. O caso da calor presenta unha clara segmentación: 423 quilómetros cadrados están nun risco baixo, mentres que 37 presentan un nivel moderado-alto.

Un crecemento descentralizado

O que amosa o visor é que a expansión urbana adoita desprazarse cara aos límites das grandes cidades. No caso da capital galega, pode observarse un crecemento espallado en múltiples barrios e poboacións adxacentes. Así e todo, destaca a área de entrada norte da cidade, onde o traxecto marcado pola autoestrada do Atlántico e a Autovía Santiago-Lugo concentra a maior parte do crecemento da última década e, en concreto, do 2019 en adiante.

Na provincia da Coruña, as poboacións de Carballo e a zona da Rega tamén experimentaron un cambio notable, moito menos usual fóra das grandes cidades galegas. Máis cara ao norte, Arteixo e o Porto de Santa Cruz concentraron o maior aumento, mentres que A Coruña mantivo un crecemento desagregado, repartido por diversas zonas do interior do límite urbano.

Lugo tamén mantén a tendencia de ampliar o espazo cara ao norte, achegándose, de novo, cara ás conexións de entrada e saída da cidade, neste caso pola Autovía do Noroeste. Máis ao norte, Ferrol destaca entre as urbes galegas pola súa reducida tasa de crecemento: tan só a área costeira de Fene presenta un incremento resaltable das súas construcións.

En Pontevedra, o crecemento prodúcese cara ao interior e polos barrios internos aínda sen ocupar, destacando as zonas de Pardesó, O San Brais de Abaixo, A Eiriña, Os Salgueiriños e A Seca. Vigo presenta un patrón de expansión similar, coas poboacións de Nigrán e O Porriño concentrando aumentos sinalados nas súas áreas edificadas.

Ourense ten, en xeral, un crecemento de marcado carácter interno, con construcións en barrios da propia cidade, máis que cara a zonas fóra das lindes urbanas. A zona do Posío presenta a maior expansión da década, aínda que poboacións próximas como as adscritas ao concello de San Cibrao das Viñas amosan un ritmo de crecemento moito máis rechamante.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro