Paseas pola cidade, vila ou aldea na que vives. Canto puido cambiar nas últimas décadas? Seguen en pé os mesmo edificios? Expandiuse e medrou máis do que imaxinabas? Responder a estas preguntas é ben sinxelo grazas a unha aplicación do Instituto Xeográfico Nacional (IGN). Un mapa de acceso aberto permíteche comparar as imaxes que se obteñen ao abeiro do Plan Nacional de Ortografía Aérea onde a institución, conxuntamente coas comunidades autónomas, realiza voos fotogramétricos para captar con máximo detalle a información xeográfica de todos os puntos de España. Aínda que este plan se puxo en marcha en 2004, pódense consultar imaxes aéreas históricas.
No que respecta a Galicia, podemos comprobar como evolucionaron as sete cidades galegas —ou calquera outro lugar do mapa— dende os anos 50. O IGN pon a disposición do público as ortofotos extraídas durante o voo Americano Serie B, que se levou a cabo entre 1956 e 1957. Deste modo, pódese comparar a información captada hai 67 anos cos últimos datos dispoñibles do IGN, que datan do 2019. Así podemos ver como se reduciron algúns areais galegos ou as cidades, como Santiago, medraron exponencialmente cara ás aforas. Incluso como apareceron novos elementos arquitectónicos como pode ser a ponte das Correntes de Pontevedra, inaugurada en 2012.
O uso deste mapa interactivo é ben sinxelo. A propia ferramenta fai unha comparación entre as dúas fotografías e o usuario tan só ten que meter os parámetros que desexe. No caso que expoñemos a continuación, escollimos para o mapa da esquerda a capa “Americano 1956-1957” e para o da dereita a “PNOA 2019”. Despois, tan só hai que desprazarse polo mapa e facer zoom para atopar o punto do que nos interesa coñecer a evolución. A continuación, podes desprazar a frecha por cada unha das imaxes para ver como cambiaron as sete cidades galegas nos últimos 60 anos:
Pontevedra
Vigo
A Coruña
Ferrol
Santiago
Ourense
Lugo
Podes acceder ao mapa do IGN premendo nesta ligazón.