A revolución inminente na escoita do cosmos para achegarse ao Big Bang desde Galicia

O proxecto LISA multiplicará a capacidade de investigadores como os do IGFAE que escudriñan os sinais do cosmos para entendelo

Unha revolución sen precedentes. Iso é o que non está lonxe de acontecer no desafío da exploración do universo. E Galicia, grazas ao traballo do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), será protagonista nunha carreira que podería permitir dar resposta a un dos maiores interrogantes para a humanidade: como se formou o universo. Unha pregunta que o nobel Kip Thorne cre que pode ser respondida no futuro máis próximo. Porque, se o desenvolvemento da tecnoloxía segue os tempos previstos, en dez anos producirase un salto exponencial. Un impulso brutal que suporá un reto maiúsculo para a física teórica que busca resposta nas pegadas que deixan nos cosmos millóns de anos de existencia.

Poñamos que as ferramentas da actualidade para a exploración do universo permiten aos científicos escoitar unha canción ao día. Dentro de dez anos, o sistema LISA permitiralles escoitar “cen concertos ao mesmo tempo”. É o exemplo que pon Juan Calderón Bustillo, investigador do IGFAE, para explicar o que pode supor a posta en marcha desta iniciativa testada hai dez anos con éxito e que está previsto que se lance ao espazo en 2035.

Publicidade

“Vai ser un pesadelo, porque estaremos escoitándoo literalmente todo”, chancea Calderón Bustillo, que forma parte do equipo que desde o IGFAE traballa con LIGO, o sistema de observación do universo que logrou identificar a primeira onda gravitacional. Foi este achado o que valeu para Thorne, Barry Barish e Rainer Weiss o Nobel de Física en 2017. Un premio que Thorne dedicou aos científicos novos que, como Calderón Bustillo, se encargaron de analizar os sinais captados por LIGO e Virgo.

O investigador do IGFAE Juan Calderón Bustillo.
O investigador do IGFAE Juan Calderón Bustillo.

Do mesmo xeito que Thorne, o científico galego tamén é amigo de achegar o intricado mundo da física teórica ao público menos familiarizado ca ciencia a través de símiles. Fíxoo como cando comparou os pases sobre o terreo de xogo da estrela do fútbol Lamine Yamal para explicar a rotación dos buracos negros ou cando tira da aplicación de identificación de temas musicais Shazam para falar sobre os complicados cálculos das ondas gravitacionais. E faino, non por rebaixar o contido dos avances científicos, senón por unha cuestión práctica: tamén o axuda a el mesmo a entender o que está a facer.

Publicidade

“Podo estar traballando con cousas moi abstractas pero teño a necesidade de trasladar o que fago en investigación no día a día para ter un símil de referencia que permita entender as cousas. Por iso me parece tan importante, aínda que non sexa un reflexo exacto do que estás a facer“, relata o investigador, que afonda nas metáforas musicais para exemplificar a revolución á que se enfronta o mundo da física na próxima década.

Proxecto LISA

O meirande parte do que chega aos laboratorios dos físicos que, como no IGFAE, analizan os sinais que captan LIGO e o seu irmán europeo Virgo son “ruído”. Polo tanto, reciben “unha ondiña” ao día que poden analizar de forma illada. Todo cambiará cando chegue LISA, as siglas con nome de muller da Laser Interferometer Space Antenna, un da Axencia Espacial Europea (ESA) que porá en órbita tres satélites separados por 2,5 millóns de quilómetros para debuxar un triángulo co que peitear o universo para localizar ondas gravitacionais con lonxitudes de onda de entre 300.000 e 3.000 millóns de quilómetros.

“Imaxínate que estás nunha discoteca e sona unha canción á vez cada día. Isto é o que acontece agora. Cando lancen LISA, será como escoitar 100 concertos ao mesmo tempo. E tocaranos aos científicos discriminar que é o que queremos escoitar”. A sensibilidade dos receptores multiplicarase de forma exponencial e, con eles, o traballo en terra para os encargados de analizar estes sinais. Porque, entre o amplísimo abano de posibilidades que se abren, está posibilidade de responder á pregunta que, por exemplo, máis intriga nestes momentos a figuras como a de Kip Thorne: saber como se formou o universo.

“Canto máis sensitivo é un receptor, máis lonxe podes ir para ver buracos negros. Cando un mira máis lonxe, está mirando ao pasado do universo. E a tecnoloxía que se vai desenvolver, en principio, podería servir para ver o suficientemente lonxe como para que iso coincidise ca orixe, co Big Bang, cas ondas que se xeraron nese Big Bang”, apunta Calderón Bustillo, que recorda que a sonda preliminar de LISA probouse en 2015 e foi “un exitazo”, sendo “moito máis sensitiva do que se agardaba”. Agora, a intención da ESA é escoller neste mesmo ano o construtor para cumprir ca súa folla de ruta e que LISA despegue ao espazo en 2035.

Thorne, unha estrela

Durante a súa estadía en Santiago, a onde chegou da man do programa ConCiencia da USC, Kip Thorne deixou mostras de que non é un científico máis. Despertou interese como se se tratase dunha estrela do espectáculo. Máis dunha hora antes da conferencia que impartiu na Facultade de Medicina xa había cola para acceder ao auditorio, que quedou pequeno e deixou a moita xente fóra sen poder desfrutar das palabras do nobel, considerado, ademais un dos científicos vivos máis importantes do mundo, referente da divulgación científica polo seu traballo como asesor na gran pantalla para títulos como Interstellar.

Juan Calderón Bustillo (IGFAE-USC, á esquerda
Juan Calderón Bustillo (IGFAE-USC), á esquerda. Foto: IGFAE

Unha expectación que non sorprendeu a Juan Calderón Bustillo, quen compartiu con Thorne o simposio durante a visita á sede do IGFAE, outra das paradas da estadía do científico nado en Utah á capital galega, onde tamén impartiu unha clase aos alumnos do grado de Física. O investigador galego, que xa coñecera a Thorne con motivo da entrega do Premio Princesa de Asturias en 2017, destaca do estadounidense a súa humildade, que amosou, unha vez máis, cando admirou o traballo que fan no IGFAE no estudo sobre a árbore xenealóxica dos buratos negros.

Eses investigadores, como os do IGFAE, louvados por estrelas como Thorne polo seu traballo diario continúan cos seus proxectos, impensables ata non hai moito. E fano sen perder de vista a revolución que está por vir, nun futuro moi próximo, ca chegada da tecnoloxía de terceira xeración que, con aparellos e sistemas como LISA, permitirán achegarse ao momento no que comezou todo.

Saúl Iglesias
Saúl Iglesias
Licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago. Despois dunha década facendo de todo un pouco na redacción galega da axencia Europa Press, explorando agora novos camiños desde 2025 en GCiencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia perde ata a metade das horas de sol nun xaneiro marcado polas borrascas

Un gráfico elaborado polo climatólogo Dominic Royé amosa que foi o segundo máis escuro da serie históricadende 1984, só superado por 1996

Os casos de mpox en Galicia aumentan ata as 12 infeccións

Os afectados son homes cunha idade de entre 35 e 65 anos, coa maioría dos contaxios na provincia da Coruña

Inmaculada Rodríguez, directora de Unirisco: “Investir en ciencia é responsabilidade de todos”

A cuarta edición do evento organizado pola empresa de capital de risco celebrarase en Santiago de Compostela os días 11 e 12 de febreiro

A esquecida historia da torre de Torés, derrubada polo temporal tras anos de advertencias

A fortaleza medieval dos Ancares, declarada Ben de Interese Cultural, levantouse no século XVI e é propiedade da Casa de Medinaceli