Xoves 5 Decembro 2024

A RAGC e a Deputación de Pontevedra impulsan o ciclo de charlas “Aida Fernández Ríos”

A segunda edición dos encontros ofrece 10 encontros en formato semipresencial e un ciclo de charlas en centros de Secundaria e Bacharelato

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra presentaron hoxe a segunda edición do ciclo de conferencias “Aida Fernández Ríos”, unha serie de charlas con 11 investigadoras e investigadores que, en 10 sesións, terán por obxectivo espertar o interese do gran público pola ciencia e impulsar o labor científico feito en Galicia. O encontro rende homenaxe a Fernandez Ríos, brillante investigadora, bióloga oceanógrafa e académica da RAGC, que faleceu en decembro de 2015.

O ciclo constará dun primeiro bloque de dez relatorios impartidos por once recoñecidos expertos das tres universidades galegas, do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) dependente do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), do Centro Oceanográfico de Vigo, da Universidad Complutense de Madrid e da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria.

Publicidade

Posteriormente, nun segundo bloque, celebraranse cinco conferencias presenciais en institutos de Secundaria e Bacharelato durante o inicio do curso académico 2021-2022, é dicir, entre os meses de setembro e decembro deste ano

Programa

O primeiro dos bloques terá lugar do 29 de abril ao 1 de xullo, en formato webinario e semipresencial con streaming desde o Salón de Plenos do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra e na nova sede da instiitución provincial en Vigo (rúa Eduardo Chao, 17). Serán ás 19:00 horas e estarán dirixidas ao público en xeral.

Publicidade

Entre as temáticas do ciclo abordarase a contaminación por microplásticos, as pandemias silenciosas, o impacto do cambio climático e da saúde na economía, as mulleres e a ciencia, os exoplanetas e as adegas circulares. Este é o programa

  • 29 de abril. Contaminación por microplásticos, con Carmen Pérez, catedrática de Ciencias de Materiais da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo (UVigo), e Jesús Gago, investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO) no Centro Oceanográfico de Vigo.
  • 6 de maio. Pandemias silenciosas: resistencias a antibióticos e obesidade, con Bruno González Zorn, catedrático de Microbioloxía da Facultade de Veterinaria da Universidad Complutense de Madrid, e Carlos Diéguez, catedrático de Fisioloxía do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) da USC.
  • 27 de maio. Impactos económicos do cambio climático e a saúde, con Beatriz González López-Valcárcel, catedrática de Métodos Cuantitativos en Economía e Xestión da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria e académica correspondente da RAGC, e Xavier Labandeira, catedrático de Economía da UVigo.
  • 3 de xuño. Mulleres na ciencia: Con Xoana Pintos, doutora en Bioloxía pola USC e especialista en estudos de xénero e na presenza da muller no eido científico, que destacará a figura da médica e xenetista Jimena Fernández de la Vega, nomeada Científica Galega do Ano 2021 pola RAGC. Tamén intervirán Carmen González Sotelo, investigadora científica do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do CSIC en Vigo, e Gabriel Rosón, o catedrático da área de Física da Terra da Facultade de Ciencias do Mar da UVigo, que farán unha semblanza de Aida Fernández Ríos, tanto desde o punto de vista persoal como científico.
  • 17 de xuño. Minia Manteiga, catedrática de Astrofísica da Universidade da Coruña (UDC), vicepresidenta da Sociedad Española de Astronomía e académica da RAGC centrará o seu relatorio nos exoplanetas e os métodos que usan os astrónomos para a detección de planetas.
  • 1 de xullo. Marta Lores, catedrática de Química Analítica da USC, falará sobre a función dos polifenois na industria vitivinícola e a vinificación sostible.

A partir do comezo do curso 2021-2022 terá lugar a segunda parte do ciclo, con cinco conferencias presenciais en institutos de Secundaria e Bacharelato entre setembro e decembro. Estas charlas teñen como finalidade achegar a ciencia á poboación máis nova e fomentar as vocacións científicas, así como concienciar ao alumnado de que nenos e nenas teñen as mesmas capacidades e poden chegar a ser o que se propoñan. As charlas estarán impartidas por mulleres das tres universidades galegas, que ofrecerán ao alumnado temáticas atractivas sobre as bacterias comeplásticos, a revolución alimentaria e a intelixencia artificial, entre outros.

O ciclo Aida Fernández Ríos é froito da sinatura previa dun convenio de colaboración entre as dúas institucións. Ao acto de presentación deste martes asistiron o presidente da RAGC, Juan Lema, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañados pola vicepresidenta da RAGC e catedrática de Microbioloxía da Universidade de Santiago (USC), Alicia Estévez Toranzo, que asistiu ao acto en calidade de coordinadora do ciclo, e a deputada de Cohesión Social da Deputación de Pontevedra Olga M. García Ballesteros.

Neste encontro, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, avanzou que no mes de xuño a Deputación presentará unha camelia co nome de Jimena Fernández de la Vega, nomeada como Científica Galega do Ano, no espazo de camelias con nome de muller aberto nos xardíns do Castelo de Soutomaior.

Pola súa parte, Juan Lema destacou o valor positivo desta colaboración conxunta destinada a “promocionar e poñer a ciencia na rúa ao alcance da cidadanía”, con temas fundamentais e básicos para o desenvolvemento da sociedade. Ademais, Lema sinalou que ten como valor engadido o protagonismo de mulleres científicas, como así o demostra o propio título do ciclo.

O prazo de inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias xa está aberto na páxina web da Deputación de Pontevedra (ligazón aquí), e todos os participantes recibirán posteriormente un certificado de asistencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un compromiso coa comunicación científica de calidade

A delegada institucional do CSIC en Galicia, Carmen González Sotelo, destaca o traballo de Gciencia durante os seus primeiros dez anos

O catedrático da USC Carlos Diéguez ingresa na Academia de Ciencias

O investigador galego é un referente mundial no estudo da obesidade e publicou máis de 500 traballos en revistas internacionais

A descarbonización centra unha nova charla do ciclo Aida Fernández Ríos

O catedrático da UVigo Jacobo Porteiro impartirá o relatorio en liña, que se celebrará este xoves a partir das 19.00 horas

O ranking Google dos científicos españois máis citados recoñece a catro profesionais do IDIS

Felipe Casanueva, Carlos Diéguez, María José Alonso e Ángel Carracedo sitúanse entre os 200 primeiros postos dun listado de 5.000 científicos