Avanzouse moito, sen dúbida, pero as mulleres científicas seguen salvando obstáculos: a conciliación, a saúde mental e tamén os estereotipos que aínda pesan sobre elas. Esta é unha das principais conclusións que se extrae da primeira mesa redonda da nova tempada de Ciencia en feminino, un ciclo de charlas e mesas redondas organizado por Gciencia e a Deputación de Pontevedra co gallo do 8M. Na primeira sesión analizamos da man da bióloga Alicia L. Bruzos, da enxeñeira aeroespacial Uxía García Luis e da paleobióloga Blanca Moncunill Solé a importancia das vocacións científicas, pero o difícil que é mantelas co tempo. “En ciencia, moitas veces tes que demostrar que es tan capaz como un home”, apunta Moncunill, que investiga na Universidade da Coruña.
A paleontóloga, especializada no estudo de pequenos lagomorfos (mamíferos da orde dos coellos e das lebres), explicou que na súa área de especialización, sobre todo durante o doutoramento, fanse moitas saídas ao campo. “Moitas veces tes que demostrar que es tan capaz como un home de levar unha carreta, mover sacos… É unha presión que levas ti mesma para que non pensen que es menos; para non ser o ridículo da escavación; para que non digan: Mira esta chiquita, que non pode coa carreta“, relatou Moncunill na mesa redonda, ante o asentimento das súas compañeiras García Luis e Bruzos, quen aseguraron ter vivido situacións semellantes.
Outro dos temas que se abordaron en profundidade na mesa redonda foron os estudos de doutoramento e os obstáculos que as mulleres teñen para conseguir rematalos e continuar coa carreira investigadora. Moncunill relataba que moitas científicas obteñen o título pero non van máis alá: “Non conseguen postos de posdoc, na universidade… E eu creo que todo isto está relacionado coa maternidade e coa saúde mental”. A este respecto, a súa compañeira Uxía García Luis apuntaba que o doutoramento pode non ser “atractivo” polas situacións precarias que se derivan da falta de financiamento e de bolsas para seguir investigando.
A este respecto, Alicia L. Bruzos quixo facer fincapé na saúde mental das mulleres durante os estudos de doutoramento. “É unha cuestión complicada porque ademais de viaxar, vas estar fóra moito tempo. Moitas veces pensamos que un doutoramento é simplemente especializarse nun tema concreto pero vai moito máis alá. Require de moitas habilidades transversais ás que realmente non lle damos importancia e que poden ser un gran factor de estrés, como a xestión do tempo, a interacción con xente de diferentes culturas, e o ser crítica cos resultados que se obteñen”, sinalou a investigadora, actualmente na Universidade de Normandía.
Outro foco importante da mesa redonda foi como espertar a vocación científica entre as nenas. A deputada de Igualdade, Sandra Bastos Míguez, indicou na súa intervención que “a igualdade é unha cuestión científica”. Achegou datos que mostran unha realidade na que o 52% das matrículas da Universidade de Vigo se corresponden a mulleres pero que nos estudos máis técnicos, como as enxeñarías e as arquitecturas, tan só dous de cada dez alumnos son rapazas. “É importante que teñan exemplos de mulleres coma nós; que non vexan que a ciencia é só cousa de homes. Non hai que obrigalas a facer ciencia, pero se teñen esa vocación, que ninguén lles diga que non o poden facer”, concluíu García Luis.
O ciclo Ciencia en feminino continuará o vindeiro xoves 21 de marzo, e os días 4 e 11 de abril. Aquí podes consultar a programación completa:
- 21 de marzo. Conversa son Catalina Fernández de Ana Portela, doutora en Investigación Clínica en Oncoloxía pola USC e directora xeral de Hifas da Terra, unha empresa biotecnolóxica con sede en Pontevedra centrada no desenvolvemento de nutracéuticos a partir de fungos medicinais.
- 4 de abril. Mesa redonda sobre investigar no estranxeiro con
- Raquel Lama é doutora en Bioloxía e investigou no grupo de Viroloxía Molecular de Peixes no Instituto Nacional para a Investigación Agronómica (INRAE) en Francia. Actualmente traballa na USC cun contrato Juan de la Cierva.
- Cristina Lazcano é doutora en Bioloxía pola Universidade de Vigo (UVigo) e actualmente é profesora asistente de Solos e Nutrición Vexetal na Universidade de California Davis. Investiga en cambio climático.
- Carmen Figueras é estudante de Londres no Instituto Francis Crick, en Londres, onde investiga sobre o virus da gripe.
- 11 de abril. Conversa coa astrofísica viguesa Begoña Vila, especializada no estudo de galaxias espirais e traballa actualmente na NASA. É unha das responsables do telescopio espacial James Webb, un instrumento que está cambiando a maneira na que se observa o universo grazas á súa tecnoloxía de infravermellos.














