Os Premios GCiencia Galicia Spin-Off acadan no 2026 a súa décima edición e, para celebralo, GCiencia convoca o Foro Impulsa Ciencia arredor da estreita relación entre universidade e empresa. O evento será o venres 4 de decembro no Pazo de San Roque (Santiago de Compostela) co patrocinio da Xunta de Galicia, Zendal, Mestrelab e Unirisco, e coa colaboración da Universidade de Santiago (USC), a Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade de Vigo (UVigo). O acceso é gratuíto ata completar aforo, e podes reservar a túa praza a través desta ligazón.
A conferencia inaugural correrá a cargo de Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da USC dende 1989, director do Centro Nacional de Xenotipado-ISCIII dende 2002 e tamén da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, onde pon nome ás enfermidades raras dos galegos sen diagnóstico. Durante a súa intervención, o xenetista falará do vínculo entre economía e ciencia para introducir o tema central do foro. A xornada continuará con dúas mesas redondas, moderadas pola xornalista e redactora xefa de GCiencia, Laura Filloy, que abordarán temáticas relacionadas coa investigación, o mundo da empresa e as spin-off: “O reto da transferencia” e “Crecemento e escala”.
Quen falará nas mesas redondas?
A primeira mesa redonda, baixo o título “O reto da transferencia”, xirará arredor das dificultades de trasladar a ciencia á industria da man de catro expertos na materia. Participan Manuel Martínez Piñeiro, vicerreitor de Investigación da UVigo; José Anta Álvarez, adxunto de Transferencia da Vicerreitoría de Investigación e Transferencia da UDC; Emilio M. Martínez Rivas, director da Área de Promoción e Xestión da Investigación da USC; e Carlos Sánchez Vecino, director da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Manuel Martínez Piñeiro, catedrático de Física Aplicada, traballa dende a Universidade de Vigo no impulso da actividade investigadora, e no fortalecemento do ecosistema de innovación e transferencia de coñecemento da universidade. José Anta Álvarez é profesor titular da área de Enxeñaría Hidráulica do Departamento de Enxeñaría Civil na Coruña, e na actualidade participa na creación de iniciativas para unir investigación universitaria co tecido empresarial e a sociedade. Emilio M. Martínez Rivas coordina as políticas de apoio á actividade investigadora na USC, facilitando o acceso ao financiamento e promovendo o desenvolvemento das capacidades científicas. Finalmente, Carlos Sánchez Vecino impulsa programas de apoio á I+D+i e á transferencia de coñecemento dende GAIN, onde destaca o programa IGNICIA Proba de Concepto, que busca a chegada ao mercado dos resultados da investigación en forma de novas empresas ou acordos de transferencia.

A segunda mesa redonda xirará arredor do “Crecemento e escala”. Como facer medrar unha spin-off nacida nunha universidade galega? Como avanzar? Os relatores serán Pablo Álvarez Freire, director do Centro de Investigación Mestrelab (CIM) e responsable de Relacións Institucionais de SciY/Bruker; Beatriz Díaz Lorenzo, directora de Comunicación e Marca Global de Grupo Zendal; Pablo Mosquera Martínez, director de Investimentos de Unirisco; e Fernando Vázquez, CEO de Imatia Innovation, empresa tecnolóxica nacida en 2005 como spin-off da UVigo e gañadora da primeira edición dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off en 2015 na categoría Selo de Calidade.
Pablo Álvarez Freire é enxeñeiro informático e conta con máis de 25 anos de experiencia no ámbito tecnolóxico e da xestión empresarial, os últimos 15 en postos directivos. Na actualidade contribúe a conectar a investigación científica co ecosistema de innovación dende o CIM. Beatriz Díaz Lorenzo é licenciada en Ciencias Económicas pola UVigo, e conta con experiencia no sector da saúde, dirixindo o marketing, a reputación corporativa, arquitectura de marcas, comunicación interna e externa, e con medios do grupo biofarmacéutico Zendal. Outro dos representantes, Pablo Mosquera Martínez, desenvolve a súa carreira dende Unirisco, sociedade de capital risco especializada en impulsar start-ups tecnolóxicas e spin-offs universitarias nas súas primeiras etapas, con experiencia en consultoría, desenvolvemento de negocio e xestión da innovación. Finalmente, Fernando Vázquez é fundador de Imatia, referente no desenvolvemento de solucións de software, que aportará unha visión de empresa á conversa.
Dez anos dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off
Os Premios GCiencia Galicia Spin-Off distinguen dende hai unha década ás empresas e grupos de investigación máis innovadores vinculados ao ámbito universitario galego, así como aqueles que destacan pola aplicación da investigación ao desenvolvemento de novos produtos e servizos. Ao longo das súas dez edicións, os galardóns recoñeceron iniciativas como Mestrelab, Hifas da Terra, Alén Space, AMS-Lab, Ventilatio Lab, así como grupos de investigación como BioFarma, o Laboratorio de Bases de Datos da UDC ou MetBioCat.
Dende a súa creación, os Premios GCiencia Galicia Spin-off consolidáronse como un referente na distinción da transferencia de coñecemento na nosa comunidade, coa fin de premiar o talento investigador e a visión das persoas que logran converter a excelencia académica en proxectos empresariais de éxito. Ademais, contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia e co apoio de Unirisco e Gadis.
Este ano, o xurado da X edición decidiu conceder os galardóns a CellCOM, grupo de investigación do CINBIO da Universidade de Vigo; Centum Research & Technology, empresa tecnolóxica con sede en Vigo; e TraffikGene, spin-off do CiQUS da Universidade de Santiago de Compostela. A entrega de premios terá lugar o próximo 4 de decembro, o mesmo día que o Foro Impulsa Ciencia.
Reserva a túa praza para o Foro Impulsa Ciencia na seguinte ligazón.













