Mapa das deseucaliptizacións planeadas durante o mes de xuño por Cousa de Raíces.
Mapa das deseucaliptizacións planeadas durante o mes de xuño por Cousa de Raíces.

Nova vaga de “deseucaliptizacións” en Galicia

A rede "Cousa de raíces" convoca arredor de 15 actuacións que se celebrarán ata o 15 de xullo para limpar os montes de eucaliptos e acacias

No pasado mes de marzo, a rede Cousa de Raíces, que reúne a decenas de entidades ecoloxistas, veciñais, culturais e comunidades de montes, celebrou a primeira edición das Deseucaliptizacións simultáneas“, actuacións destinadas a eliminar de forma coordinada especies exóticas invasoras dos montes galegos. Unha actividade que se saldou, segundo datos dos convocantes, coa retirada de 205.000 pés de eucaliptos e acacias, entre outras especies, de diversos puntos do país. Desde este pasado sábado 1, e ata o vindeiro día 15, está convocada unha nova vaga de actuacións nas que tomarán parte 25 entidades.

Nesta segunda xeira de deseucaliptizacións, que concidirán coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, as actividades comezaron este pasado sábado no monte de Fornelos de Monfero, nas Fragas do Eume, e rematarán o vindeiro 15 de xuño en Vigo, no Monte da Guía, sumando en total 15 deseucaliptizacións repartidas nas catro provincias galegas: sete delas en Pontevedra (Vigo, con 2, Lourizán, Moaña, Gondomar, Pontecaldelas e Cerdedo-Cotobade), cinco na Coruña (Ferrol, Monfero, Corcubión, Lousame e Rianxo), dúas en Ourense (Cenlle e Melón) e unha en Lugo (Ramil, Palas de Rei).

Deseucaliptizacións de montes afectados polos incendios de 2017

Segundo informa Cousa de Raíces, “grande parte das actuacións consistirán na eliminación de tocóns e rebrotes de eucaliptos e acacias que rexurdiron tras os lumes de outubro de 2017″. Tamén se continuará o traballo iniciado en marzo na primeira edición das deseucaliptizacións, e abordaranse traballos “en lugares con presenza de hábitats naturais prioritarios, como é o caso da que se vai desenvolver no Parque Natural da Fragas do Eume pola asociación de custodia Bétula, ou na de Froxán, en Lousame”, nun espazo, este último, recoñecido por un organismo da ONU grazas á xestión forestal e patrimonial. Nalgúns casos, as accións completaranse con repoboacións de especies forestais autóctonas.

O obxectivo das novas deseucaliptizacións é “resaltar os efectos negativos das especies exóticas invasoras nos montes galegos, nomeadamente os eucaliptos e as acacias ou mimosas, e reivindicar outra forma de xestión forestal do monte, onde primen as especies forestais autóctonas, se preserve a biodiversidade, se diversifiquen as funcionalidades do monte e onde haxa un ordenamento real do territorio”, informa Cousa de Raíces.

A maioría das actividades realizaranse o sábado 8 de xuño, con nove accións convocadas. A rede mantén aberta a participación para os voluntarios. Toda a información sobre cada unha das actividades pode consultarse nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.