Un equipo da USC colidera un estudo internacional para deter a perda de biodiversidade

O investigador Sebastián Villasante é un dos elexidos para a realización dun dos capítulos deste informe global co obxectivo de “vivir en harmonía coa natureza”

A perda de biodiversidade sen precedentes que está a sufrir o planeta nos últimos decenios é un asunto cada vez máis central na toma de decisións das organizacións internacionais. As consecuencias directas e indirectas deste problema urxen a actuar de forma contundente para evitar un futuro complicado para a Terra. Neste sentido, a folla de ruta que marcará o camiño a seguir a nivel global é o traballo de avaliación que ten en marcha o IPBES, a plataforma intergobernamental internacional para deter a perda de biodiversidade e xerar cambios transformadores.

Esta plataforma acaba de seleccionar ao profesor e investigador Sebastián Villasante, do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago (USC) e pertencente ao Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), para coliderar un dos capítulos deste informe global. Dende agora e ata finais de 2024, o profesor Villasante coordinará un grupo de expertos de carácter interdisciplinario a nivel mundial, en concreto, o Capítulo 2, titulado Visións dun mundo sustentable para a natureza e as persoas, dentro do documento global que avaliará as causas de perdas de biodiversidade e os determinantes dos cambios transformadores que contribúan, de aquí a 2050, a conseguir un planeta no que “vivir en harmonía coa natureza”.

Publicidade

“Sen biodiversidade non se poden desenvolver actividades económicas”

O actual plan de traballo do IPBES, que se desenvolverá ata 2030, procurará comprender e identificar os factores que nas sociedades humanas, tanto a nivel individual como colectivo, poden ser aproveitados para acadar un cambio transformador na conservación, restauración e uso racional da biodiversidade, tendo á vez en conta os aspectos sociais e económicos máis amplos no contexto do desenvolvemento sostible, segundo destaca esta entidade.

Cambios profundos de cara a 2050

Entre 2011 e 2020, o Plan Estratéxico para a Diversidade Biolóxica impulsado polas Nacións Unidas estableceu a Visión 2050 para a Biodiversidade, que se uniu aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Axenda 2030. Este plan a longo prazo agarda que, para mediados do século XXI, as sociedades humanas poidan vivir nun escenario desexable no que “a biodiversidade é valorada, conservada, restaurada e utilizada de forma racional, mantendo os servizos dos ecosistemas e un planeta san, ao tempo que se brindan os servizos esenciais para o benestar das sociedades”.

Publicidade

No marco deste obxectivo, tal e como explica o profesor Sebastián Villasante, “o primeiro informe de avaliación global do IPBES, publicado en 2019, concluíu que as previsións de perda de biodiversidade para as próximas décadas obrigan a facer cambios transformadores, mesmo radicais, na nosa relación cos servizos dos ecosistemas en todo o planeta”. O devandito informe instaba a actuar de forma decidida contra algúns dos factores que máis están a impulsar as alteracións na natureza e perda de biodiversidade, como os cambios no uso da terra, o cambio climático, a contaminación, a propagación de especies exóticas invasoras e a explotación directa dos organismos para o aproveitamento en actividades humanas.

algúns dos factores que máis están a impulsar as alteracións na natureza son os cambios no uso da terra ou a contaminación

Segundo Villasante, estes problemas afectan a todas as esferas da sociedade, polo que é necesario estudar a situación dende todos os enfoques e en todas as escalas de actuación, desde o local ao global. “Son accións dunha gran complexidade e que requiren dunha gran vontade de diálogo e consenso, xa que posiblemente haberá que integrar intereses de partes que, de partida, poden ser contrapostos”, sinala.

Así, a consecución deste escenario para 2050 deberá ter en conta diversas dinámicas socioecolóxicas como a desigualdade, a gobernabilidade, a restauración, conservación e uso sostible da terra, do mar, a auga, a enerxía ou os materiais. Estes cambios transformadores obrigan a repensar e modificar, por tanto, os hábitos de produción e consumo, os sistemas alimentarios e as cadeas globais de valor. Unha vez realizada a análise, o informe deberá avaliar cales son as accións que poderán fomentar, acelerar e manter estes cambios transformadores cara a un mundo máis sostible, marcando os pasos a seguir e como medir e seguir estes procesos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia

Atopados os restos óseos dun individuo durante a escavación da foxa de Beira, en Carral

Un equipo da USC busca espazos de violencia franquista na parroquia coruñesa, onde foron enterradas entre agosto e setembro de 1936 un mínimo de 18 vítimas na contorna da igrexa

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un estudo da USC revela que a poboación española avalaría un endurecemento das medidas antitabaco

O artigo sinala que as propostas con menor apoio son a prohibición de fumar en terrazas e o aumento da idade mínima de venda ata os 21 anos