As bacterias superresistentes xa matan máis que a sida ou a malaria

Unha investigación do Global Research on Antimicrobial Resistance conclúe que, actualmente, a resistencia antimicrobiana é unha ameaza global

A resistencia antimicrobiana (AMR, polas súas siglas en inglés) adoitaba considerarse un risco abstracto para a saúde. Unha causa potencial de enfermidade e morte, pero nalgún momento futuro, o que facilitaba ignorar esta problemática. Porén, novas estimacións amosan agora que os perigos da AMR están entre nós. Así, a resistencia a antibióticos é xa unha das principais causas de morte a nivel mundial, superando ao VIH ou a malaria.

Esta é unha das conclusións que aporta a última investigación do Global Research on Antimicrobial Resistance (GRAM) publicada na revista médica The Lancet. Os datos que ofrece o estudo máis completo até a data son notábeis: só no 2019, até 4,95 millóns de mortes estiveron asociadas a infeccións bacterianas resistentes aos medicamentos, mentres que o falecemento de 1,27 millóns de persoas foi causa directa da resistencia antimicrobiana. No mesmo período, a sida e a malaria estarían detrás de 860.000 e 640.000 mortes, respectivamente.

Publicidade

Infeccións “comúns” xa non tratábeis

Moitas destas mortes ocorren debido a infeccións consideradas comúns e previamente tratábeis, como aquelas que afectan ás vías respiratorias inferiores e ao torrente sanguíneo, pero nas que as bacterias que as causan son agora resistentes ao tratamento. Neste sentido, a pandemia de Covid-19 podería ter acelerado a problemática da AMR, por mor dun mal uso de antibióticos e estancias hospitalarias prolongadas.

A resistencia aos fármacos nas infeccións das vías respiratorias inferiores, como a pneumonía, tivo o maior impacto na carga da enfermidade AMR, causando máis de 400.000 mortes e asociándose con máis de 1,5 millóns. A resistencia aos fármacos nas infeccións do torrente sanguíneo, que pode levar a enfemidades mortais como a sepse, causou preto de 370.000 mortes e estivo asociada con case 1,5 millóns. A resistencia aos fármacos nas infeccións intraabdominais, xeralmente causadas pola apendicite, provocou directamente unhas 210.000 mortes e estivo asociada a unhas 800.000.

Un mal uso dos antibióticos e estancias hospitalarias máis longas por mor da COVID-19 poderían ter acelerado a ameaza da AMR

O estudo

O informe de GRAM estimou do número de mortes por e con bacterias resistentes a antibióticos durante o ano 2019. Para iso, empregáronse modelos estatísticos para producir estimacións do impacto da AMR en todos os lugares, incluídos aqueles con e sen datos, utilizando 471 millóns de rexistros individuais obtidos de revisións sistemáticas da literatura, sistemas hospitalarios, sistemas de vixilancia e outras fontes.

Como novidade, os investigadores mediron o impacto da enfermidade de dúas formas. Por unha parte, tívose en conta o número de mortes causadas directamente pola resistencia antimicrobiana. É dicir, mortes que non se producirían se as infeccións fosen susceptíbeis aos medicamentos e, polo tanto, máis tratábeis. Por outra, contabilizáronse aquelas mortes asociadas á AMR, nas que unha infección resistente a medicamentos estivese implicada nas mortes, pero nas que a propia resistencia podía ter sido, ou non, a causa directa. As mortes causadas e asociadas a AMR calculáronse en 204 países e territorios e reportáronse en 21 rexións globais e sete superrexións.

Unha incidencia desigual

No contexto global, o estudo indica que o impacto da AMR é especialmente notábel nas rexións da África subsahariana e do sur asiático, causando 24 e 22 mortes por cada 100.000 habitantes, respectivamente, e asociándose con 99 e 77 mortes por 100.000. Datos probabelmente debidos ás altas taxas de infección e á falta de acceso a antibióticos, agravadas por graves lagoas de datos.

“Cunha resistencia que varía tan substancialmente segundo o país e a rexión, é esencial mellorar a recollida de datos en todo o mundo para axudarnos a seguir mellor os niveis de resistencia e equipar aos médicos e aos responsables políticos coa información que necesitan para abordar os desafíos máis urxentes que supón a resistencia aos antimicrobianos”, explica a profesora Christiane Dolecek, coautora do estudo e  responsábel científica do GRAM radicada no Oxford University’s Centre for Tropical Medicine and Global Health e na Mahidol Oxford Tropical Medicine Research Unit (MORU). “Identificamos graves lagoas de datos en moitos países de baixos ingresos, facendo fincapé na necesidade particular de aumentar a capacidade do laboratorio e a recollida de datos nestes lugares”

As altas taxas de infeccións e o pouco acceso aos antibióticos, detrás do maior impacto na África subsahariana e no sur asiático

Pola contra, e nos países de ingresos altos, a resistencia antimicrobiana provocou directamente 13 mortes por cada 100.000 habitantes e estivo asociada a 56 mortes por cada 100.000. No caso español, o Estado presenta niveis de resistencia a antibióticos medios, superiores a aqueles de países do norte da UE, pero inferiores aos rexistrados nalgúns veciños do sur, como Italia, Portugal ou Grecia.

Seis patóxenos resistentes

O estudo tamén dá detalles da carga de AMR para 23 patóxenos bacterianos estudados. Destes, soamente a resistencia aos medicamentos de seis deles (E. coli, S. aureus, K. pneumoniae, S. pneumoniae, A. baumannii e P. aeruginosa) provocou directamente 929.000 mortes e estivo asociada a 3,57 millóns. E, entre 88 combinacións de patóxenos e fármacos, a Staphylococcus aureus resistente á meticilina —ou MRSA— causou directamente máis de 100.000 mortes en 2019, mentres que seis máis causaron entre 50.000 e 100.000 mortes cada unha. En todos, a resistencia as fluoroquinolonas e os antibióticos beta-lactámicos, dúas clases de antibióticos habitualmente considerados a primeira liña de defensa contra infeccións graves, representou máis do 70% das mortes causadas pola RAM.

A nivel global, o impacto dos patóxenos tamén varía segundo a localización, sendo as mortes atribuíbeis á resistencia a antibióticos na África subsahariana a maioría das veces causadas por S. pneumonía (16%) ou K. pneumonía (20%). Mentres, preto da metade das mortes nos países de ingresos altos foi causada por S. aureus (26%) ou E. coli (23%). En España, a principal ameaza bacteriana é Acinetobacter baumannii, microbio que ataca principalmente a pacientes hospitalizados na UCI.

No que respecta ao impacto xeracional, e aínda que a AMR supón un perigo para persoas de todas as franxas de idade, as crianzas teñen un risco especialmente alto: preto dunha de cada cinco mortes atribuíbeis á resistencia antimicrobiana prodúcense en menores de cinco anos. Unha vulnerabilidade maior debida a que o sistema inmune dos cativos aínda non está adestrado, xunto co feito de estar en maior contacto con patóxenos, ao pasar moito tempo no chan e levar á boca obxectos varios.

Unha maior exposición aos patóxenos fai que os menores de cinco anos sexan os máis vulnerábeis á resistencia antimicrobiana

Previr unha ameaza biolóxica

Hai tempo que o perigo da resistencia antimicrobiana foi advertido. Con todo, a innovación ten sido extremadamente lenta: só hai vacinas dispoñíbeis para un dos seis principais patóxenos que se indican no estudo, e o reducido desenvolvemento clínico para os antibióticos non é quen de facer fronte a esta crecente aparición e propagación da AMR. Por iso, como explica o coautor do estudo, o profesor Chris Murray, do Instituto de Métricas e Avaliación da Saúde da Universidade de Washington, “estes novos datos, que revelan a verdadeira escala da resistencia antimicrobiana en todo o mundo, son un sinal claro de que debemos actuar agora para combater a ameaza”.

“Estimacións anteriores previran 10 millóns de mortes anuais por AMR para 2050, pero agora sabemos con certeza que xa estamos moito máis preto desa cifra do que pensabamos. Necesitamos aproveitar estes datos para tomar medidas correctas e impulsar a innovación se queremos manternos á fronte na carreira contra a resistencia aos antimicrobianos”, engade. Neste sentido, a publicación sinala a necesidade urxente de ampliar as accións políticas para combater a AMR, axudando a salvar vidas e protexendo os sistemas sanitarios estatais. Estas inclúen a garantía de acceso aos antibióticos existentes e a optimización do seu uso, a toma de maiores medidas para monitorar e controlar as infeccións, e a dotación de maior financiamento para desenvolver novos antibióticos e tratamentos.


ReferenciaGlobal burden of bacterial antimicrobial resistance in 2019: a systematic analysis (Publicado en The Lancet)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas