Unha fronte fría moi activa regará Galicia o venres e activará a alerta laranxa no litoral

Unha borrasca situada no norte de Irlanda producirá un brusco cambio de tempo que se estenderá, como mínimo, ata comezos da vindeira semana

Unha gran borrasca situada ao norte de Irlanda porá fin á influencia anticiclónica que predominou en Galicia durante toda a semana. Unha fronte fría asociada a este sistema de baixas presións chegará nas últimas horas do xoves e traerá chuvias abundantes e locamente fortes durante o venres. A Coruña e Pontevedra serán as zonas máis afectadas, onde está activada a alerta amarela por acumulados de ata 15 l/m2 en tan só unha hora. Tamén se agardan refachos de vento nas provincias atlánticas e nas montañas de Lugo e Ourense de máis de 80 km/h. A costa galega, agás a Mariña lucense, acadará este venres a alerta laranxa por temporal marítimo e ondas de ata seis metros.

Máis polo miúdo, este xoves será unha xornada de transición na que a fronte se irá achegando progresivamente a Galicia. No oeste poden producirse chuvias febles e o vento comezará a soprar con forza nas últimas horas do día. O prato forte servirase o venres, sobre todo durante a mañá. O aviso amarelo por chuvias na Coruña e en Pontevedra estará activado entre as 9 e as 15 horas. Durante a tarde, as precipitacións serán máis intermitentes, dado que a fronte se irá desprazando cara ao leste. Con todo, dende o portal Meteored prognostican que se pode chegar a acumulados de entre 30 e 35 l/m2 nas provincias atlánticas en 24 horas, e que estas cifras poden ascender ata os 60 l/m2 nalgúns puntos das Rías Baixas.

Publicidade

Temporal marítimo e fortes refachos de vento

A situación máis complicada vivirase no mar. A alerta laranxa estará activada na costa durante todo o venres por ondas que poden superar os seis metros e que, incluso, poden acadar os 10 de forma illada. O temporal marítimo, prevén dende Meteored, pode vir acompañado de sarabia. Amais disto, o vento deixarase notar e agárdanse refachos superiores aos 80 km/h en cidades como A Coruña, Santiago e Vigo; mentres que en Ourense e Lugo quedarán entre os 60 e os 70km/h. É probable que nas áreas máis expostas o vento poida superar os 90 km/h.

A inestabilidade continuará durante a xornada do sábado, cando se esperan precipitacións, aínda que menos abundantes que as do día anterior. Meteored estima acumulados de entre 20 e 25 l/m2 na parte máis occidental. Segundo Meteogalicia, a entrada de aire frío provocará ceos moi nubrados e apertura de nubles e claros de forma ocasional. Con todo, a xornada estará marcada polo descenso térmico. Dos case 20 graos no resto da semana, o sábado oscilarán entre os 12 e os 14 graos de máxima nas cidades galegas.

Publicidade

En relación ao domingo e ao comezo da vindeira semana, as frontes atlánticas continuarán exercendo a súa influencia sobre Galicia. Os días 23 e 24 de febreiro as probabilidades de precipitación estimadas por Meteogalicia acadan o 90%. De martes a xoves estarán entre o 75% e o 80%, polo que as primeiras previsións apuntan a unha semana inestable e de chuvia intensa e abundante, sobre todo no oeste do territorio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un carrusel de frontes atlánticas asociado á borrasca Bruna acende a alerta en Galicia por fortes chuvias

Un río atmosférico procedente das rexións subtropicais do Atlántico achegará moita humidade á comunidade dende o Caribe

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

Galicia rexistra o mes de outubro máis seco dende 2007

O último informe climatolóxico de MeteoGalicia indica que a precipitación media acumulada foi un 79% inferior ao habitual no período

Unha nova fronte atlántica acende a alerta por temporal marítimo na costa da Coruña

MeteoGalicia informa de que as precipitacións chegarán na xornada do martes, pero a influencia anticiclónica volverá a partir do mércores