Unha tese estuda o proceso de artificialización litoral na ría de Vigo

A investigación da UVigo cuantifica e caracteriza o incremento de superficies artificiais nas zonas costeiras, de utilidade para unha xestión sostible

Un dos tres estudos que inclúe a tese localízase na ría de Vigo
Un dos tres estudos que inclúe a tese localízase na ría de Vigo

As graves consecuencias que para a sostibilidade do ecosistema teñen as actividades e usos que se desenvolven na costa, levaron á investigadora do departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da UVigo, Aida Ovejero Campos, a centrar a súa tese de doutoramento no estudo da artificialización da zona costeira. Tamén no desenvolvemento dunha ferramenta que sirva de apoio na toma de decisións na planificación e ordenación destas áreas, favorecendo ademais unha xestión integrada.

“A artificialización defínese como o incremento de superficies artificiais e este aumento implica impactos como a perda de biodiversidade, a fragmentación de hábitats, o selado do solo, a dispersión urbana, os impactos económicos derivados da perda de terreos agrícolas, ou os impactos nos ciclos da auga ou do e o carbono”, explica a autora da investigación La artificialización de la zona costera: cuantificación, caracterización y seguimiento, dirixida polos docentes e investigadores da UVigo Gonzalo Méndez e Emilio Fernández.

Un estudo a tres escalas

A tese inclúe a elaboración de tres estudos, centrados nos cambios na ocupación do solo, traballados a tres escalas: un primeiro da costa da Península Ibérica (incluída tamén a costa portuguesa); un segundo estudo, centrado en Galicia; e un terceiro localizado na ría de Vigo. Logo de decidir reducir a área de traballo á comunidade autónoma galega, como principal resultado da investigación atopouse que, a pesar da diminución da poboación, a construción de novas edificacións e o número de hectáreas artificializadas aumentou ao longo do período de estudo (2005-2014).

“Cómpre destacar que o comportamento entre as variables socioeconómicas analizadas e os patróns de ocupación do solo foron diferentes naquelas zonas costeiras con presenza de áreas urbanas, con capacidade de desenvolver actividades industriais, e as carentes delas. Ademais da relación existente entre os cambios na ocupación do solo e as variables socioeconómicas, estudáronse os datos de ocupación do solo para cuantificar os servizos ecosistémicos (beneficios que achegan os ecosistemas aos seres humanos) prestados pola costa galega, así como para avaliar a súa evolución no tempo”, explica a investigadora. Ovejero confirma que esta última análise desvelou taxas de descenso de nos servizos ecosistémicos de provisión (cultivos, biomasa para enerxía, forraxe, madeira, peixe ou auga potable) e regulación (do clima global e local, da calidade do aire, do fluxo da auga ou da erosión, entre outros).

O deterioro da interfase terra-mar

Tendo en conta que a zona de contacto entre o mar e a terra, ou interfase terra-mar, achega un elevado número de servizos ecosistémicos e está sometida a unha elevada presión e deterioro, a investigación apunta á planificación territorial e urbanística como un instrumento básico á hora de tomar decisións orientadas a salvagardar esta área. Nesta, os indicadores convértense en ferramentas moi eficaces á hora de medir condicións e tendencias dos procesos de relevancia, neste caso da artificialización.

“A análise dos indicadores existentes conduciu á identificación de dúas lagoas: dunha banda, a ausencia de datos de ocupación do solo a escala de detalle. E, doutra, a ausencia de compoñentes que fagan referencia a potenciais impactos do proceso de artificialización, como a afección á conectividade (entendida como posibilidade ou non de conexión entre o mar e o lado oposto da franxa costeira analizada), a capacidade dos usos e actividades para atraer novos usuarios, ou o seu efecto sobre a sostibilidade (afeccións ao ciclo da auga, de materiais, xeración de contaminantes)”, detalla Aida Ovejero.

Unha xestión costeira sostible

A partir de aí, xerouse unha cartografía de ocupación do solo de detalle da ría de Vigo e deseñouse un indicador de artificialización litoral que integrou os aspectos antes citados. Ademais, seleccionouse como zona de traballo a franxa delimitada polas ocupacións en dominio público marítimo terrestre e a servidume de protección. “Isto permitiu analizar paralelamente a efectividade da Lei de Costas, demostrando que a súa aplicación non garantiu unha correcta conservación do medio ambiente, xa que os valores do indicador empeoraron nos anos analizados (2003-2017). Se ben a impermeabilización do terreo resultou ser a variable con maior influencia na artificialización, o indicador permitiu detectar procesos de artificialización máis aló dos detectados cando só se analiza esta variable”, apunta a investigadora.

Ovejero tamén desvelou que a contribución dos compoñentes conectividade e metabolismo antropoxénico, que representa os intercambios de materia e enerxía que provocan distintos usos e actividades atendendo ao consumo de enerxía, auga ou xeración de residuos, foi variable, podendo ser cada un deles responsable de ata un 50% do incremento da artificialización. “Este indicador de artificialización litoral preséntase como unha ferramenta útil na xestión costeira sostible, podéndose aplicar en plans de ordenación, ata escala municipal ou de máis detalle, nun primeiro momento como indicador de estado, en fases máis avanzadas como indicador de seguimento, ou como ferramenta de validación de ditos plans”, conclúe a investigadora.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.