Galicia é sinónimo de auga. Mires por onde mires: orballo, treboada, dioivo. Fervenzas, ríos, lagoas, termas. Praias, cantís, marismas. Mar e océano. Auga doce e salgada. Aínda que acostumados a percorrer as rúas anegadas na meirande parte do ano, no verán tamén gozamos secando os ósos ao sol, mais sempre preto da auga: Galicia é a comunidade autónoma da España peninsular con maior extensión de costa. Case 1.500 quilómetros acariñan á terra das 451 praias. Algunhas son coñecidas pola súa perigosidade, como Aguiño no Barbanza. Outras, polo incesante vento que roe, como Vilarrube en Valdoviño. E sempre hai que ir ao pique: onde está a auga máis fría, nas Cíes ou en Vigo?
Con tanta costa e tanta praia, era complicado non repetir nomes. Por iso, non ten sentido dicir que vas á praia de Esteiro, xa que poderías estar en calquera das tres provincias galegas con mar. Calquera sabe que tes que engadir o apelido: “Vou a Esteiro de Bares”.
Temos areas longas, brancas, bravas… a patadas. Temos praias de santos, santas e ata magdalenas. Ata temos praia na Compostela, pero non na de Santiago. Iso si: 451 praias, e ningunha é igual.
Á hora de buscar a túa praia favorita, sempre se teñen en conta unha serie de casuísticas: Hai moita xente ou pouca? É accesible? É salvaxe e brava? É segura? Cara onde tira o vento hoxe? Hai tamén quen prefire a auga fría, e polo contrario, quen fuxe das temperaturas tépedas que nos acompañan todo o ano. O caso é que o verán remata, e hai que aproveitar, sexan cales sexan as túas preferencias.
Velaquí as praias coa auga máis fría e máis quente de cada provincia, segundo os datos da AEMET para os vindeiros días.
Temperaturas desiguais nas máis de 200 praias da Coruña
A provincia da Coruña ostenta a primeira posición en canto ao número de zonas costeiras nas que darse un mergullo en Galicia: case 1.000 quilómetros e 228 praias. Algunha haberá compatible cos teus gustos.
Unha opción sempre viable para os que traballan na cidade é a praia de Riazor ou Orzán. Este martes, a temperatura da auga será de 19 graos. Mañá a temperatura continúa igual, e o xoves baixará aos 18 ºC. As olas, de máis dun metro, permitirán aos principiantes do surf practicar o aprendido este verán.
A temperatura non será tan ideal nas praias de Fisterra: a media dos tres días para Sardiñeiro é de 14,5 graos. Mellor ficar vendo o serán dende o Faro que meterse na auga. Preto do fin do mundo atópase Corcubión, onde a auga estará dous graos de media por enriba, roldando os 16,5 ºC nesta semana.
En Cariño, alí onde océano e mar mesturan, a cousa xa cambia: quen queira desfrutar dun baño na praia da Concha atoparase cunha auga a unha temperatura de 21 graos os tres días. Se polo contrario prefires a auga fría, a praia de Estorde, en Cee, é unha boa opción: 14 graos.
Lugo: a auga máis quente de Galicia
Na Mariña lucense, só no concello de Barreiros hai ata nove praias repartidas entre oito quilómetros de costa. Iso se a marea está chea. Cando baixa, podes pasear entre moitas delas sen a necesidade de deixar de pisar a area. A temperatura media das súas praias será nestes días de 20,3 graos. Na Arealonga os bañistas poderán desfrutar no día de hoxe duns agradables 22 graos dentro da auga.
Na praia máis famosa de Ribadeo, a das Catedrais, os termómetros marcarán a mesma media que en Barreiros, aínda que a turistificación deste espazo natural sen dúbida é unha desvantaxe para aquelas persoas que procuran a tranquilidade e a soidade das praias menos coñecidas.
As medias térmicas da costa lucense non varían moito entre os concellos: a temperatura máxima da auga será de 22 graos, e a mínima, de 19. Sen dúbida son cifras desconcertantes, tendo en conta que o normal nesta época do ano é que a media térmica da auga no Cantábrico sexa algo máis baixa, entre os 15 e os 17 ºC no caso de Galicia. Se queres atopar as praias coa auga máis quente de Galicia, a Mariña lucense é o teu sitio.
O pegada do Atlántico, nas praias de Pontevedra
A complexidade das correntes mariñas profundas é a culpábel das diferencias térmicas notables entre o océano Atlántico e o mar Cantábrico, algo que os bañistas experimentan de primeira man cando chegan ás praias da provincia pontevedresa. As temperaturas, polo xeral máis altas nesta rexión do sur de Galicia, teñen a súa excepción na auga.
Na praia de Tirán, en Moaña, a mellor ocasión para gozar dun mergullo terá lugar mañá: 17 graos. No caso da parroquia de O Grove, as temperaturas varían dependendo da praia na que nos atopemos. Na Lanzada, as máximas serán de 16 graos, mentras que no caso Area Grande chegaremos aos 18.
As medias térmicas non acompañarán na Guarda para os máis friorentos: 15 graos. E tendo tan preto o castro de Santa Tegra…
Sorprende, e moito, que nas Cíes, coa malafama que teñen de ter unha auga que curta, a media térmica será superior á da praia de Samil: ata os 18 ºC chegará a auga nas Illas na xornada mércores, mentras que na praia da cidade olívica os bañistas gozarán dunha temperatura duns 17 graos.
Queda claro que temos unha costa privilexiada e chea de natureza, así que, ben prefiras a calor ou o frío na auga, en Galicia podes desfrutar das dúas cousas. Iso si, sempre coidando a contorna para seguir gozando dela.
Perigosidade, perdón.
O da peligrosidade da praia de Aguiño será un chiste, non? Mira que non hai praias perigosas, pero Aguiño…