A terra das 451 praias: o mapa de todos os lugares onde te podes bañar este verán

A Coruña e Pontevedra concentran o 84,2% das zonas de baño das catro provincias, segundo o Censo Nacional de 2024 publicado polo Ministerio de Sanidade

O sol caldeou finalmente Galicia neste final de xullo. Con máximas que non descenden dos 25 graos en boa parte do territorio, e achegáronse aos 40 en puntos de Ourense, os galegos tratan de buscar un lugar onde rebaixar a calor corporal. A Subdirección Xeral de Sanidade Ambiental e Saúde Laboral publicou, como cada ano, o Censo Nacional de Augas de Baño, que inclué 519 zonas de baño en Galicia onde as persoas poden refrescarse este verán. A provincia da Coruña suma un total de 228 e a de Pontevedra outras 209, polo que entre ambas concentran o 84,2% dos lugares nos que bañarse na comunidade autónoma.

Do total de puntos de baño, 451 corresponden a augas marítimas e de transición, mentres que as 68 restantes son de carácter continental, que abranguen ríos e encoros. A provincia de Ourense, sen un ápice de costa nos seus límites, é a que máis augas continentais ten, e A Coruña é a provincia con máis zonas de baño de Galicia.

Publicidade

O documento do ministerio non inclué todos os lugares destinados ao baño do país, senón aqueles que controla para garantir a calidade das súas augas. En Galicia, a Consellería de Sanidade sinalou os puntos vermellos do territorio no informe sobre o Programa de vixilancia sanitaria. Así, prohíbese permanentemente o baño en 32 zonas marítimas e continentais das catro provincias con altos niveis de Escherichia coli e Enterococcus, que poden provocar gastroenterite ou enfermidades respiratorias.

A Coruña, a líder das augas de baño

A Coruña, rodeada case na súa totalidade polo océano Atlántico, convértese na provincia galega con máis localizacións refrescantes, con 228 baixo os seus dominios. Destas, 10 son de orixe continental, comprendendo tanto ríos como encoros. Con aproximadamente 956 quilómetros de costa, as terras coruñesas contan cunha praia para cada 5.155 habitantes, aproximadamente.

Publicidade

O municipio coruñés que conta con máis zonas onde poder darse un chapuzón é Muros, con 22 praias. Ribeira, na bocana da Ría de Arousa, séguelle con 19 zonas de baño. Outros municipios que superan as dez localizacións poderían ser Porto do Son e Ferrol. Con todo, a cidade homónima da provincia conta tan só con 7 praias, como Orzán ou Riazor.

Pontevedra e as praias de Vigo

Pontevedra segue á provincia do noroeste en número de zonas de baño. Con 209 no seu territorio, Vigo convértese no municipio con máis ubicacións deste tipo, todas elas praias, con 25 nos seus límites. Deste xeito, a cidade olívica convértese no segundo municipio español con máis praias, detrás de Cartaxena, con 30. A nivel pontevedrés, continúan a lista O Grove e a súa vila veciña, Sanxenxo, con 21 e 20 praias, respectivamente.

Das zonas de baño, só 21 corresponden a augas continentais, compostas de ríos e desembocaduras do Miño en Tui e Tomiño. Oito destas situacións de interior atópanse en Cotobade (dous tramos do río Almofrei, o río de Calvelo e o río de Cabanelas) e Ponteareas (tres tramos do río Tea). Con todo, a capital de provincia, Pontevedra, tamén conta cun río onde poder bañarse: o río Verdugo.

Lugo e a Mariña Lucense

Con 60 zonas de baño na provincia, as augas marítimas superan ás continentais, con 144 quilómetros de costa. Por isto, 45 corresponden a praias, e as 15 restantes, a ríos e encoros. Así, a súa costa cómpre un maior número de postos, agochando entre os seus acantilados tesouros tan importantes como a Praia das Catedrais, no municipio de Ribadeo.

O concello que conta cun maior número de zonas de augas é Foz, na comarca da Mariña Central, con 9 praias. Non obstante, ningunha municipalidade lucense supera as dez ubicacións. Barreiros ou Xove tamén poderían ser opcións onde gozar dun chapuzón. Mentres, no caso da provincia do noreste galego, as augas continentais exténdese en todo o seu territorio interior: dende Baralla, Castro de Rei, Guitiriz, Mondoñedo, e a propia capital, Lugo, entre outros.

Ourense, a provincia das augas continentais

Cos seus cero quilómetros costeiros, Ourense convértese na única provincia galega sen augas marítimas nas que poder sumerxirse no salitre. Pero, con 40 graos que poden alcanzar estas terras en verán, os ourensáns deben recurrir a alternativas. Para iso están as augas continentais, os oasis de auga doce. Deste xeito, a provincia de interior pode disfrutar de 22 zonas de baño onde poder refrescarse nesta época do ano.

Mentres na capital só se dispón do río Miño, moitos dos pobos dos arredores permiten atemperarse nunha selección de lugares. É o caso de Castrelo de Miño, que dispón dun encoro e de acceso ao río. Ou Carballeda de Valdeorras, cunha piscina fluvial bañada polas augas do Sil. Senón, para variar entre os dous grandes ríos galegos, sempre se pode acudir ao Támega, dende Verín, ou ao río Riveira, na Gudiña.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño