Máis da metade das empresarias e directivas galegas sofren estrés laboral

Unha investigación da USC revela unha alta prevalencia da síndrome de ‘burnout’, ansiedade ou falta de sono nas mulleres en postos de liderado

Un estudo desenvolvido pola investigadora do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC, Susana Martínez Rodríguez, e o profesor da Universidade de Granada, Manuel Ruiz Adame, revela que máis da metade das mulleres empresarias e directivas galegas sofren estrés laboral, constatándose unha alta prevalencia da síndrome de burnout ou traballadoras queimadas, e outros trastornos do ánimo.

O traballo parte unha enquisa realizada a 199 mulleres en postos de liderado, para obter datos sobre o estado de ánimo de empresarias e directivas en Galicia e a influencia deste no seu desempeño profesional. A media de idade das persoas que participaron é de 47.01 anos, casadas no 52.6% de casos, e cunha media de 1.20 fillos. Son mulleres con ampla experiencia laboral e cun alto nivel de formación: a media no mercado laboral é de 19.57 anos, e con 9.91 anos no posto actual (empresaria ou directiva). Destas, un 82.41% conta con formación universitaria.

Publicidade

Entre os principais achados tras a análise da información recollida está o feito de que máis do 50% das enquisadas reportan síntomas de esgotamento emocional, despersonalización e baixa realización persoal, xunto coa percepción de risco para a saúde vencellada ao traballo. Isto ten un impacto claro na produtividade, de xeito que un 53,54% das empresarias e directivas non alcanza o rendemento laboral esperado, cunha redución media do 26,44%.

Correr riscos, pero con resiliencia

Como factores de risco que explican a alta prevalencia da síndrome de ‘burnout’, o estudo apunta a falta de conciliación entre vida laboral e persoal e a carencia de recursos adecuados. Descóbrese ademais a importancia dos trastornos do ánimo no desempeño da actividade laboral: a enquisa amosou que hai unha alta frecuencia de ansiedade e outros trastornos do ánimo, como as dificultades no sono, que impactan na concentración e na toma de decisións.

Publicidade

Entre os signos de tipo ansioso, predominan nas mulleres enquisadas as dificultades para relaxarse, sentirse preocupadas e excitadas. Estes signos están presentes en máis do 70% da mostra, ademais das alteracións do sono. Entre os de tipo depresivo son frecuentes os relativos á percepción de pouca enerxía. Todas estas alteracións vincúlanse coa diminución de produtividade.

A investigadora Susana Martínez Rodríguez
A investigadora Susana Martínez Rodríguez, encargada do estudo desenvolto xunto a Manuel Ruiz Adame, da Universidade de Granada. Foto: USC

Como contrapeso a eses factores de risco, a enquisa mostrou a importancia da resiliencia, pois a pesar dos desafíos, as enquisadas mostran unha alta capacidade de adaptación e recuperación fronte a unha situación adversa e un compromiso firme coa súa contorna laboral, aínda que descoidan as súas necesidades persoais.

Susana Martínez, quen ademais de investigadora do IDEGA é catedrática da Universidade de Murcia, considera que esta investigación “subliña a urxente necesidade de abordar o burnout e os trastornos do ánimo nas mulleres líderes de Galicia para fomentar unha contorna laboral máis saudable e produtiva· unha peza clave do armazón empresarial”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Péptidos para transportar medicamentos xenéticos: a aposta de TraffikGene

A empresa nada na USC, gañadora GCiencia Galicia Spin-Off como Idea Emerxente, desenvolve unha plataforma para conducir ADN e ARN ao interior das células

Radiografía do consumo de alimentos ultraprocesados na infancia: “Estase a perder a dieta atlántica”

Unha investigación con participación galega relaciona este tipo de comida con sobrepreso e obesidade, resistencia á insulina e dislipemias en idades preescolares

A historia de Sancha e do crego Vivian: vivir á marxe do matrimonio no Lugo do século XIII

Un estudo da USC analiza dous textos do mosteiro de Oseira nos que aparece por primeira vez na documentación galega a palabra "concubina" dunha forma non represiva

Que hai detrás dunha axuda Marie Curie? Catro investigadores contan como conseguiron a súa

Atopar un grupo receptor complementario, construír un proxecto sólido e contar con apoio institucional son algunhas das claves que destacan os beneficiarios das bolsas europeas no CiQUS