Súmase unha morte máis aos falecementos ocorridos en VigoZoo nos últimos anos, dos que a prensa local e internacional fíxose eco nas semanas previas polas especulacións sobre as condicións nas que se produciron. O Concello de Vigo informou o venres nun comunicado da morte da pantera Kabul, á que lle practicaron a eutanasia despois do agravamento do seu estado de saúde, seguindo o criterio veterinario. O animal —con 21 anos de vida e un dos máis lonxevos do zoo— padecía unha enfermidade dexenerativa e, en consecuencia desta, unha anorexia. Falar de anorexia pode levar á confusión porque a entendemos como o trastorno da conducta alimenticia (TCA) que se dá en humanos, pero en animais o mesmo termo refírese a unha perda de apetito.
“A anorexia humana non existe desde un punto de vista veterinario”
ANTONIO GONZÁLEZ, veterinario no Hospital Rof Codina
Antonio González Cantalapiedra, veterinario no Hospital Rof Codina, é claro: “A anorexia humana non existe desde un punto veterinario“. “Na enfermidade humana, a persoa non come porque se ve gorda, é unha enfermidade mental ou psíquica. No caso dos animais está asociada a unha enfermidade física, a algo que non lles permite comer. Pode ter a boca mal, unha patoloxía interna, un tumor ou outra doenza”, continúa a súa explicación. Por tanto, ten que haber un problema físico que non lles deixa comer, “pero non deixan de comer porque se vexan mal”, indica González.
Entendida como unha perda de apetito, a anorexia pode afectar tamén á toma de medicamentos, como é este mesmo caso, no que a pantera non podía tomar o tratamento prescrito para aliviar os síntomas da enfermidade que padecía. Este animal, que chegou ao zoo en maio do 2006 tras un decomiso de especies ameazadas realizado en Andalucía, tamén mostraba sinais de fallo renal. “No caso do zoo de Vigo, a pantera era xa vella”, enfatiza o veterinario.
Podería darse que esta anorexia se producise por estrés, por iso hai que diferenciar as causas: “Se un animal presenta anorexia, o primeiro que temos que facer é descartar problemas orgánicos. As anorexias por estrés son frecuentes, sobre todo en animais salvaxes, pero non acostuman a durar toda a vida”, explica Ángela González, experta en veterinaria do comportamento. Explícao nunha hipotética situación na que a pantera puidese ter sufrido anorexia por estrés: “Collemos esta pantera, cambiámola de sitio, un zoolóxico novo e, entre o transporte e todo, estrésase. Pois se cadra pode estar un día sen comer ou dous, pero o normal é que volva facelo, que non morra diso”. Pola contra, as anorexias causadas por unha enfermidade non se curan ata que se solucione a patoloxía, posto que “unha anorexia non é unha enfermidade, é un síntoma de algo“, especifica a veterinaria.














