Seis formas de ver o impacto da erupción de La Palma

O brillo nocturno, a deformación do terreo, a temperatura, a sismicidade ou o perfil da lingua de lava son algunhas das representacións do fenómeno

Os equipos científicos que están a seguir a erupción do volcán de La Palma desde o pasado domingo coinciden en sinalar o mesmo: o actual suceso é o primeiro que se pode seguir en tempo real e en terra firme nas Canarias coa axuda dos instrumentos tecnolóxicos desenvolvidos nas últimas décadas. Estes avances contribúen enormemente ao avance da ciencia e, do mesmo xeito, permiten comunicar á sociedade en tempo real o que se está a vivir nun acontecemento tan impactante como unha erupción volcánica.

Nestes días, desde que o magma rachou a superficie e comezou a fluír pola illa, son varias as formas nos que a lingua de lava, e a pegada que deixa ao seu paso, está a ser representada, tanto desde terra firme como desde o espazo. Estes son algúns exemplos:

Publicidade

A erupción, desde o espazo

Os satélites do programa Copernicus, que retratan cada poucos días a superficie terrestre, recolleron no seu paso do luns 20 sobre La Palma o fulgor das coadas de lava, como se pode ver na imaxe da frota de satélites Sentinel-2.

Imaxe

O perfil da lingua de lava

A erupción fixo que moitos ollos se pousaran na illa canaria. E deste xeito, algúns dos sistemas de observación máis punteiros do mundo están a centrar os seus esforzos no avance da fronte volcánica. É o caso do sistema de xestión de emerxencias do programa Copernicus, ao que pertence a rede Sentinel. Grazas a isto, foi posible extraer unha información de gran valor para os operativos de evacuación e a avaliación dos importantes danos causados no oeste de La Palma:

Perfil da lingua de lava (en vermello) xunto ás edificacións destruídas e danadas (vermello e amarillo) e as estradas destruídas ou danadas (nas mesmas cores). Fonte: EMS Copernicus.
Perfil da lingua de lava (en vermello) xunto ás edificacións destruídas e danadas (vermello e amarillo) e as estradas destruídas ou danadas (nas mesmas cores). Fonte: EMS Copernicus.

Sismos e erupción

O Instituto Geográfico Nacional (IGN) e o seu servizo de sismoloxía avisaron, nos días previos, do incremento da actividade na zona. Miles de tremores apuntaban a un movemento crecente que, finalmente, agromou esta vez en forma de erupción. O IGN elaborou un mapa interactivo (pode verse nesta ligazón) coa localización dos tremores e a súa magnitude, a fronte de lava e o punto da erupción.

Imaxe térmica da erupción

Científicos do Instituto Volcanológico de Canarias (Involcan) que voaban a bordo dun helicóptero da Garda Civil recolleron unha impactante imaxe térmica da erupción, onde se observa a maior temperatura das fontes e linguas de lava.

Imaxe

A deformación da illa

O investigador Pablo González, que traballa na Estación Volcanológica de Canarias, compartiu unha imaxe que representa desde outra perspectiva o que está a acontecer en La Palma. Tal e como el mesmo describía, nela obsérvase a deformación do solo causada polo ascenso de material volcánico que acabou dando paso á erupción. “O magma empurra lateralmente as rochas e estas elévanse a cada lado da fisura”, polo “podemos apreciar aneis ao oeste e leste da fisura”. Este tipo de información, recollida da comparativa entre os pasos da frota Sentinel os días 14 e 20 de setembro, “permite saber desde que profundidade vén o magma”, conta o propio investigador.

O brillo nocturno

A rede espacial da NASA estadounidense permite albiscar outra perspectiva da erupción. A composición Black Marble Nighttime é unha composición de cor falsa coa que se resaltan as luces emitidas polas áreas urbanas, así como de eventos como incendios ou, neste caso, o xurdimento dun volcán. Así se observa en La Palma, na que o brillo na zona da erupción destaca xunto ás áreas metropolitanas de Las Palmas de Gran Canaria ou Santa Cruz de Tenerife, moito máis poboadas e, por tanto, cunha contaminación luminosa moito maior, a priori.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O tempo estable e a fase escura da Lúa permitirán ver as Xemínidas nunha ocasión única en Galicia

É un dos fenómenos astronómicos máis esperados do ano. O seu máximo esplendor terá lugar na madrugada do 14 ao 15 de decembro

Primeiras imaxes de Deimos, a lúa máis misteriosa de Marte

Foi capturada pola Hope Mars Mission e a partir das capturas os expertos deduciron que o satélite puido formarse co planeta

Imaxes de satélite para detectar con rapidez mareas vermellas nas rías galegas

Investigadoras do CSIC deseñan unha nova metodoloxía con fotografías de Sentinel-2 para controlar as proliferacións de algas potencialmente nocivas

O primeiro propulsor espacial de nanosatélites español chega a órbita

Este eléctrico maximiza o tempo de vida dos dispositivos e ofrece control de orientación a nanosatélites. Foi lanzado o pasado outubro