O sapoconcho común en Galicia, ferido de morte?

Causa preocupación ver a cantidade de ameazas que comprometen a supervivencia do sapoconcho común (Emys orbicularis) en Galicia: a captura ilegal para a súa venda como mascota, as especies exóticas invasoras que a depredan ou compiten polo mesmo hábitat (perca americana, visón americano ou os cangrexos sinal e americano), os parasitos, como o Spirorchis elegans, o desecamento das zonas húmidas onde viven e mesmo os incendios forestais están dificultando moito os intentos por recuperar o número de exemplares. Este réptil, tamén coñecido como sapoconcho europeo, é unha tartaruga moi presente nas augas doces do centro e sur de Europa, desde Rusia ata a península Ibérica, e en toda a bacía do Mediterráneo.

Varias especies exóticas invaden o seu hábitat e introducen parasitos que son letais para o sapoconcho

E causa tamén inquedanza ver o alto grao de responsabilidade do ser humano nestas ameazas. Xa o mencionaba o naturalista López Seoane no século XIX, nuns traballos onde deixou escrito que o sapoconcho vía reducida a súa poboación nas zonas con maior presión humana.

Publicidade

Alén da introdución de especies invasoras e do impacto da pesca, os humanos tamén fomos responsables da aparición do parasito Spirorchis elegans, xa que chegou ao hábitat do sapoconcho común debido á liberación no medio de sapoconchos exóticos, como o de Florida, que se adoitan empregar como mascotas, tal e como amosou un estudo da Universidade de Vigo. Realizouse a partir de 2013, cando se comezaron a atopar exemplares mortos nas Gándaras de Budiño, onde se atopa unha das principais poboacións de Galicia. Aquí, a presión humana, cunha importante actividade industrial na contorna, tamén compromete a supervivencia da especie.

Os incendios deste outono tamén foron outro acontecemento preocupante. Outra das poboacións clave do sapoconcho común, xunto á do Parque Natural de Corrubedo, está nas ribeiras dos ríos Avia e Arnoia, en Ourense. A bacía deste último quedou devastada tras os lumes de outubro e o arrastre de cinzas de comezos de decembro, tal e como amosan numerosas fotografías dos técnicos que traballan sobre o terreo.

Publicidade

Plan de recuperación desde 2013

Xa o Convenio de Berna, en 1979, recollía ao Emys orbicularis como unha especie “estritamente protexida”, o que implicaba a previsión da protección dos seus lugares de reprodución e repouso. Segundo o Catálogo Galego de Especies Ameazadas, publicado en 2007, o sapoconcho común, é, xunto á tartaruga de coiro (Dermochelys coriacea) e o esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai) un dos tres réptiles en perigo de extinción.

Pero a súa situación, especialmente comprometida, (crese que quedan menos de 300 exemplares) fixo que a Xunta impulsase en 2013 un decreto que regulaba o plan de recuperación da especie. O proxecto pretende garantir a longo prazo a supervivencia das poboacións, poñendo énfase na loita contra o impacto das especies invasoras.

Hai catro áreas prioritarias: Budiño, Corrubedo e as bacías do Avia e do Arnoia

Establécense como áreas prioritarias de conservación as zonas xa mencionadas: bacías dos ríos Avia e Arnoia, as Gándaras de Budiño, e as Pozas de Olveira e as lagoas de Carregal e Vixán, no Parque Natural de Corrubedo, onde se levou a cabo un esperanzador proxecto de recuperación na pasada década. Amais, os estudos realizados polos investigadores da Universidade de Vigo sinalan que as bacías dos ríos Miño-Sil, Limia e Támega son zonas favorables para a distribución potencial da especie.

O plan contempla unha revisión cada seis anos, polo que en 2019 está prevista unha avaliación dos resultados das medidas decretadas e, “se for o caso, revisaranse as actuacións propostas”, segundo recolle o decreto da Xunta.

3 COMENTÁRIOS

  1. Hola boas…..eu fai un ano vin un sapoconcho no rió Bibei no seu curso alto, na zona de vilaseco da serra, en Viana do bolo.

  2. No Masma a altura do Piego Ferròn em Celeiro de Mariñaos em Barreiros , os afeccionados à pesca levamos observando uma parelha desde hai uns anos. Num principio sò viamos um sapoconcho. E desde hai dous outres anos um par deles.

  3. Se pode colaborar de algun xeito para preservar o sapoconcho ????
    Somos un grupo de xente que recorremos rios e lagoas en piraguas
    saudos

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX

Galicia está entre as zonas cun maior declive de polinizadores de Europa

Entre os anos 1921 e 2020, na rexión atlántica diminuíu un 42% a ocupación das especies de abellas e nun 32% a dos sírfidos