Luns 29 Abril 2024

O Ulla, un tesouro en perigo: Altri, Touro e todas as ameazas dun río esencial en Galicia

Os expertos sinalan o cambio climático, as plantacións de eucaliptos e os proxectos industriais como os grandes inimigos dun dos principais caudais galegos

O río Ulla é un dos principais caudais de Galicia, nacendo na comarca lucense da Ulloa e desembocando na ría de Arousa despois de percorrer 132 quilómetros. Ademais das súas augas, este río conta cunha gran riqueza tanto nas súas profundidades como na súa contorna máis próxima. Con todo, o cambio climático, a extensión nas plantacións de eucaliptos e os diferentes proxectos industriais, como a mina de Touro e a planta de celulosa de Altri, ameazan este patrimonio natural e cultural.

Unha parte importante das ribeiras e afluentes do río Ulla forman parte da Zona Especial de Conservación ZEC Sistema fluvial Ulla-Deza, un dos espazos naturais protexidos pola Rede Natura 2000. O obxectivo desta rede, segundo o establecido no Convenio sobre Diversidade Biolóxica, é asegurar a supervivencia a longo prazo das especies e os hábitats máis ameazados de Europa e evitar a perda de biodiversidade causada polo impacto da actividade humana. “O proxecto Margal Ulla, financiado cos fondos Life+ da Unión Europea, foi posto en marcha especificamente para conservar e protexer as zonas críticas das especies Margaritifera margaritifera (ameixa perlífera de río) e Galemys pyrenaicus (aguaneiro ou toupa de río), dúas das especies desta contorna que máis chaman a atención desde o punto de vista da conservación”, sinala Serafín González Prieto, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).

Publicidade

Ademais, González Prieto tamén salienta outras zonas de interese arredor deste ecosistema fluvial: os bosques de ribeira, protexidos pola Rede Natura 2000, e os carrizos situados no treito final do Ulla en Dodro. “Este é un hábitat de moito interese porque é un dos principais núcleos con presenza da escribenta das canaveiras (Emberiza schoenic), unha ave ibero-occidental catalogada en perigo de extinción. Este tramo é unha das principais zonas de toda Galicia na que viven”, apunta.

Mais non toda a riqueza arredor do Ulla pode ser apreciada a simple vista. En Palas de Rei, dentro da Rede Natura 2000, atópanse unhas rochas moi particulares e escasas, as serpentinitas, que forman solos tamén moi particulares. “O solo en xeral é fundamental para a nosa vida e os ecosistemas, proporcionando alimentos e auga potable, entre outras. Ademais, albergan o 25% da biodiversidade terrestre. En concreto, o solo serpentínico ten unhas propiedades pouco habituais tanto en Galicia, como o pH case neutro e a escasa materia orgánica, como a nivel global, cun alto contido en metais pesados como o cromo ou o níquel. Isto último dificulta a súa colonización, polo que é un tipo de solo que impulsa a diferenciación e a adaptación dos organismos que habitan este medio. Por esta presión selectiva, estes solos crean biotas únicas a nivel mundial e favorecen a aparición de endemismos vexetais. Ademais, as áreas serpentínicas ocupan menos do 1% da superficie a nivel mundial, un dos motivos polo que a nivel científico se recomenda a súa protección”, explica María Fernández Sanjurjo, doutora en Bioloxía e profesora de Ciencias do Solo no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

A vida semiacuática e nocturna desta toupa convértea nunha gran descoñecida.
A vida semiacuática e nocturna desta toupa convértea nunha gran descoñecida.

No que respecta aos organismos que se poden atopar nestes ecosistemas tan particulares, o catedrático de Botánica da USC, Santiago Ortiz, identifica ata oito especies en perigo de extinción entre as que se atopan Santolina melidensis, Leucanthemum gallaecicum, Armeria merinoi e Centaurea janeri gallaecica. “Son practicamente imposibles de reproducir de maneira artificial. Temos o exemplo de compañeiros que intentaron cultivalas ou doutros cultivos in vitro para a reintrodución de especies e está demostrado que é moi complicado que saia ben. A única opción para evitar a súa desaparición é manter o seu terreo natural e incluso manter o manexo tradicional da terra para evitar que outras especies medren e despracen a estas”, indica. Por outra banda, Fernández Sanjurjo sinala a importancia deste tipo de ecosistemas a nivel científico, posto que axudan a estudar a teoría evolutiva da especialización das especies.

Actualmente, tal e como manifesta González Prieto, unha das principais problemáticas actuais para os ecosistemas situados arredor do Ulla son as verteduras de augas acedas e a filtración de metais pesados procedentes da antiga mina de cobre de Touro: “Hai un impacto comprobado sobre as poboacións de salmón, que están máis arriba na cadea trófica, polo que podemos asumir que tamén o houbo noutros chanzos deste ecosistema. Ademais, hai que pensar que a depuración de augas residuais que van parar ao Ulla non é a desexable. En Santiago non hai unha depuradora moderna e eficaz, polo que os restos orgánicos e as augas residuais urbanas vertidas no río Sar acaban no Ulla”, sostén. Ademais, o presidente da SGHN sinala outras problemáticas históricas que ameazaron estes ecosistemas, como os curtidoiros situados en Padrón.

Alén da contaminación a través de distintas fontes, a posible intensificación das plantacións de eucaliptos supoñen unha presión para estes ecosistemas. “O problema máis perentorio non é a especie en si mesma, senón a súa ampla proliferación por todo o territorio, formando extensas masas monoespecíficas sen discontinuidades. Sabemos que o eucalipto consome moita auga, diminuíndo a que está dispoñible no solo, e que ademais ten un carácter pirófito. Todo isto, unido ao panorama actual de cambio climático, supón un gran risco medioambiental“, apunta Fernández Sanjurjo.

Patrimonio subacuático

Se ben a riqueza ecosistémica e medioambiental nas contornas do río Ulla son amplamente coñecidas, e recoñecidas, hai outra parte do seu patrimonio que recibe menos atención. David Fernández Abella, experto en arqueoloxía subacuática, estivo implicado nun proxecto que pretendía investigar os restos arqueolóxicos situados na parte baixa do Ulla, entre Pontecesures e a súa desembocadura.

“Historicamente apareceran moitos achados, especialmente na zona oeste das torres de Catoira, froito da actividade dos areeiros que traballaban na ría. Atopáronse pezas de diversa cronoloxía, como mínimo desde a Idade do Bronce até practicamente a época medieval, e isto foi o que motivou que se catalogara este tramo e se protexera. Con todo, nós investigamos unha área moi pequena e incluso hai zonas nas que apareceron espadas da Idade do Bronce final ou referencias a posibles embarcacións nas que non se mergullou ningún arqueólogo. É unha investigación que require de moita xente, tempo e recursos e por iso é unha zona tan virxe e inexplorada“, manifesta o arqueólogo.

Algúns dos elementos atopados na contorna do río Ulla segundo a investigación de Fernández Abella.

A falta de catalogación e investigación arredor destas pezas tamén inflúe no estado no que se poden atopar. Diana Blanco Patiño, conservadora-restauradora de arqueoloxía subacuática que participou no proxecto xunto con Fernández Abella, sinala que “hai moitas diferenzas incluso entre as pezas atopadas en Vigo ou en Lalín. En xeral, o río Ulla ten moita corrente, polo que adoitamos atoparnos con moitos procesos de lavado, abrasión e fricción. A cerámica, por exemplo, está moi rodada e erosionada, non hai cortes limpos. No que respecta á parte química, atopamos a típica alteración non salina, mais tamén degradacións a causa do pH ou por redox (oxidación e redución)”.

Neste sentido, a conservadora-restauradora incide na importancia de que os profesionais do seu eido estean presentes en todas as partes do proceso posto que isto permite facer unha investigación previa das “alteracións que nos poderíamos chegar a atopar nese medio en concreto. Ademais, o secado é clave para a conservación dunha peza. Hai procesos que non se van dar baixo a auga, senón que van ocorrer unha vez que a peza comece a secar, como a cristalización, a rotura de certas pátinas ou a degradación de materiais como o cobre”.

Tendo en conta as diversas ameazas que enfrontan as pezas, tanto na propia auga como unha vez retiradas, o arqueólogo sinala a importancia de ter en conta este patrimonio: “Se ben o estudo do impacto ambiental nestes ecosistemas debe ter prioridade, a relevancia do patrimonio cultural ou paisaxístico aínda está pendente de recoñecerse de pleno dereito en todas as súas dimensións“.

A ría de Arousa

A situación do río Ulla e dos seus ecosistemas tamén é un punto clave á hora de manter a riqueza da ría de Arousa, onde se sitúa a desembocadura deste caudal fluvial. Con todo, o panorama actual desta zona está lonxe de ser perfecto: “Hai menos nordés, un elemento fundamental para o funcionamento da ría. Este vento retira as augas superficiais e permite que entre auga fría e profunda de mar aberto, arrastrando os nutrientes que hai depositados no fondo. Isto activa a cadea alimentaria e renova as augas da ría. As consecuencias máis inmediatas son un maior impacto da contaminación, porque se dilúe menos, e menos alimento para os seres vivos“, explica Xaquín Rubido, biólogo e presidente da Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa.

Os síntomas xa son perceptibles: unha maior mortalidade debido á debilidade que provoca a falta de alimento e que tamén lles dificulta ter enerxía para agocharse na area, no caso das ameixas e os berberechos, así como un menor tamaño das viandas.

“A única forma de aminoralo e de intentar recuperar a produtividade da ría é controlar a contaminación con medidas administrativas, cambiando os parámetros e controlando as verteduras e, sobre todo, penalizando máis aos que verten para que sexa realidade iso de que quen contamina, paga. Non pode ser que se lles poñan multas de 14.000 euros a empresas que teñen beneficios anuais superiores aos 250 millóns. Non son medidas disuasorias porque sae máis barato que a depuradora non funcione ben“, manifesta o biólogo.

Para Rubido, a situación actual é un punto de inflexión que pode “rematar coa desaparición de todo un sector marisqueiro que fai un traballo importantísimo para manter o medio e que supón un sinal de identidade das nosas rías e da nosa cultura”. Así, sinala a importancia da ría de Arousa na soberanía alimentaria de Galicia e na fixación do CO2 nos océanos como forma de combater o cambio climático.

“Hai moitos bancos que xa están pechados porque non están funcionando, mais non hai un investimento público en rexenerar a situación e as mariscadoras teñen que pagar a seguridade social todos os meses a pesar de non ter ingresos. Ademais, actualmente tamén temos que lidar cos lixiviados procedentes dos terreos abandonados da mina de Touro e os desbordamentos das súas balsas. Ao final todo suma e dámonos de conta de que hai verteduras practicamente constantes, mais non hai ninguén que o controle. É como se estiveran agardando para reactivar outra vez o proxecto“, sentencia Rubido.

A ameaza de Altri

A empresa Altri ten pensado construír unha nova industria para a xeración de fibras téxtiles, celulosa e lyocell coa idea de situala en Palas de Rei. O proxecto, apoiado pola Xunta, suporía a extracción de auga do encoro de Portodemouros e unha posterior vertedura. En concreto, segundo as alegacións presentadas no comunicado da SGHN, “o proxecto contempla captar 46.000 m3/día de auga do Ulla no encoro, un consumo neto de 16.000 m3/día e a vertedura de 30.000 m3/día. Tendo en conta a chega media do río Ulla nesa zona os 30.000 m3/día de augas residuais diluiríanse unhas 80 veces entre o punto de vertedura e o punto de captación. É dicir, a auga que captarían estaría 80 veces máis limpa que a da vertedura“.

Así, o presidente da entidade sinala que este proxecto vai supor “un incremento da contaminación orgánica e térmica, posto que as augas serán vertidas a 27 graos. Isto, nun encoro como é o de Portodemouros, favorecerá a eutrofización, porque a depuración de auga que eles din que van facer non se sostén. Ademais, no proxecto non se fai ningunha valoración sobre como pode afectar o cambio climático á dispoñibilidade de auga cando pretenden diminuír o caudal actual do río nun 2%”.

Neste sentido, Xaquín Rubido apunta cara un risco de eutrofización crónica: “Estamos nun momento no que durante a época estival xa se dá. Co proxecto de Altri podería ampliarse cara aos meses de xuño, outubro ou novembro, dependendo da pluviometría. Dependendo das especies e cepas que se dean poderíamos estar ante algunhas produtoras de neurotoxinas e hepatotoxinas, deteriorando o río e actuando como un criterio selectivo para determinadas especies”.

Con todo, simplemente a construción da factoría xa suporía un impacto gravísimo para os solos serpentiníticos presentes en Palas de Rei, posto que, tal e como sinala Fernández Sanjurjo, estaría emprazada enriba deles, destruíndoos por cementación. “Tamén habería efectos indirectos nunha zona máis ampla, posto que emitiría gases e partículas á atmosfera. Para empezar é complicado controlar de forma estrita as concentracións emitidas, pero aínda pensando que as súas modelizacións son correctas e que as concentracións sempre están dentro dos límites permitidos pola lei estamos falando dunha exposición continua. Non só é importante o nivel de concentración, senón que, tendo en conta os datos de emisións oficiais, a cantidade total de substancias emitidas en 24 horas vai ser moi elevada, debido aos volumes procesados por esta gran fábrica. Estes gases poden converterse en ácidos, caendo sobre a vexetación e o solo, mentres que as partículas poderían chegar a ser problemáticas para a saúde pública. É como un veleno: cunha dose alta morres inmediatamente, mais unha dose baixa estendida no tempo pode ir debilitándote pouco a pouco e iso é máis difícil de detectar”, engade.

Alén da presión que esta contaminación pode supor para as especies e ecosistemas, tamén hai que ter en conta o patrimonio arqueolóxico presente no río, se ben é difícil de valorar ao non contar cun catálogo preciso das pezas existentes. “A nivel xeral, canto máis delicado e poroso é un material máis lle vai afectar calquera variación. No que respecta á contaminación orgánica, vai supor un gran impacto a restos feitos de madeira ou ósos, mais tamén pode chegar a afectar a outros materiais posto que a auga introducirá estes elementos orgánicos disoltos nela. Pola banda do aumento da temperatura, se a peza está soterrada, a principal problemática vai aparecer no momento da súa extracción. Ademais, os cambios de pH tamén son puntos críticos, afectando incluso a materiais que en principio parecen duros como o bronce, o ferro, o cobre ou a prata”, manifesta Blanco Patiño.

Aínda que non se poden coñecer exactamente cales serán os cambios nas augas do Ulla e como estes afectarán ás pezas, Fernández Abella lembra o acontecido con restos arqueolóxicos que puideron extraer na zona de Pontecesures: “As diversas empresas situadas na zona son responsables de verteduras ao río. A cerámica adoita ser un material estable en case calquera contexto, tanto dentro como fóra da auga, e por iso é o obxecto que máis estudamos en arqueoloxía. Con todo, cando retiramos a cerámica desta zona en concreto estaba moito máis fráxil. Non chegamos a facer análises para coñecer quimicamente o que acontecera, principalmente por falta de financiamento, e ocorre o mesmo no caso de Altri: non podemos valorar sen unha monitorización. Non vai afectar igual a pezas de madeira, de cerámica ou metálica. Só poderemos ver esta afección cando o contexto e os propios restos arqueolóxicos xa estean transformados“.

“Este é un proxecto que prioriza un uso industrial do río en contra do sentido común e do noso futuro como sociedade. Vai en contra dos modelos socioeconómicos que impulsan tanto o interior de Galicia como a ría de Arousa, que están estruturados e enraizados e que son transversais, posto que activan outros sectores da economía”, remata Xaquín Rubido.

1 comentario

  1. Se me permitides, un par de apontamentos:
    1º.- A ORDE do 10 de febreiro de 2023 pola que se dispón a publicación da normativa do Plan hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa (PHGC), indica que para o sector do papel a dotación máxima de auga será de 20,30 m3/empregado e día. En consecuencia, si a empresa, tal como di agora, terá 500 traballadores, as contas non saen, pois resultarían 10.150 m3/día e non os 46.000 m3/día que pretende detraer. Este volume só sería viable e legal para un número aproximado de 2.200 traballadores.
    En consecuencia, a empresa mente clara e rotundamente, e os seus requerimentos sobrepasan con creces o volume de auga estipulado no PHGC.
    2º.- O proxecto MARGAL (acrónimo de Margaritifera e Galemys) abrangue boa parte da conca do Ulla e desenvolveuse entre 2009 e 2015, contando cun orzamento (ATENCIÓN!!!) de 3.666.981 euros sendo cofinanciado nun 49,68% pola Unión Europea a través dos fondos Life+, cunha cantidade de 1.821.756 euros. AÍ É NADA! ALE ALE, A TIRAR OS CARTOS QUE SEMPRE HAI PETOS AGRADECIDOS (no actual goberno galego).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un parasito infecta o 30 % dos berberechos do pulmón marisqueiro da Ría de Arousa

O CIMA recomenda pechar Os Lombos de Ulla para recuperar a produción e protexer as especies que non medraron

Gael e Prior: as candorcas que entraron na ría de Arousa nunca interaccionaron con barcos

Son dous exemplares irmáns de dez e seis anos de idade que, segundo os expertos, teñen "un carácter tranquilo e pacífico"

As candorcas Gladis atacan a un veleiro arousano: “Sácanse dentes dos timóns”

O barco que viaxaba para participar na Copa do Rey de vela sufriu danos no timón, quedou sen piloto automático e tivo que ser remolcada

Un misterioso animal aparece nas praias de Arousa: que é e por que non se viu antes?

A investigadora da UVigo Elsa Vázquez afirma que non é "inusual" atopar a estas criaturas en Galicia xa que habitan nas costas