Troitas mortas pola contaminación do río Furelos en Melide. Imaxe cedida por Cristian Seoane.
Troitas mortas pola contaminación do río Furelos en Melide. Imaxe cedida por Cristian Seoane.

Furelos: miles de troitas mortas no “río da vergonza” en Melide

Un novo episodio de contaminación procedente do polígono da Madanela esperta a indignación veciñal despois de anos sen solucións

Non é nin a primeira nin a segunda vez que acontece, pero o vivido o pasado venres foi a pinga que acabou coa paciencia de moitos veciños de Melide. Un novo vertido procedente do polígono industrial da Madanela provocou a morte de milleiros de troitas e outras especies no leito do Furelos, un río que nace na serra do Careón e desemboca no río Ulla xusto no límite das provincias da Coruña e Pontevedra. Unha situación que tamén afecta á praia fluvial do lugar, con cualificación insuficiente como zona de baño nos últimos anos.

En canto apareceu a vertedura, foron varios os veciños que comezaron a compartir as imaxes nas redes sociais denunciando o asunto. “Cruzo o regato todos os días, e moitas veces o cheiro é insoportable, baixa cheo de suciedade”, denuncia Cristian Seoane, un dos veciños do concello que publicou estas imaxes. Do mesmo xeito, o treito contaminado do río pasa tamén preto do Camiño de Santiago. “É unha vergonza que isto non se solucione despois de tanto tempo e tantos problemas”, lamenta Cristian.

O novo episodio de contaminación provocou tamén a reacción dos tres municipios que percorre o Furelos: Melide, Santiso e Toques. Nun comunicado conxunto, os tres alcaldes anunciaron que ían solicitar unha xunta coa Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez (precisamente alcaldesa de Melide entre 2004 e 2007 e 2011 e 2016, anos nos que os episodios de contaminación xa eran frecuentes na zona). Segundo recolle La Voz de Galicia, un informe de Augas de Galicia recolle unha sanción no ano 2006 ao concello de Melide por un vertido industrial.

A Consellería de Medio Ambiente xa reaccionou cun expediente debido aos vertidos. E dirixirase tanto a unha empresa láctea participada pola propia Xunta, e situada no polígono da Madanela, como ao propio concello, segundo informa Europa Press, para asumir a reparación do dano causado e presentar un proxecto de restauración. Esta mesma empresa láctea, xunto a outra do sector cárnico, xa foi identificada por outro vertido realizado en marzo deste ano ao aparecer restos de sangue, carne, ósos e plumas na auga do Furelos, tal e como informou no seu momento La Opinión de A Coruña.

Ante a persistencia da contaminación e os vertidos no río Furelos, o Concello de Melide tamén emitiu outro comunicado esta semana amosando a súa condena contra o “atentado ambiental que supón a chegada de vertidos procedentes do polígono industrial ao cauce do río”. O goberno municipal marcou como “prioridade” o “poñerlle solución a este problema que leva acarreando Melide dende hai anos”, polo que ” tomará todas as medidas necesarias e legais que estén ao seu alcance para solucionar esta situación”. Do mesmo xeito, recoñecen desde o goberno local que “na actualidade conta cun informe de Augas de Galicia onde están identificadas as empresas responsables destes vertidos contaminantes ao río Furelos, polo que esta mesma semana, membros do goberno local decidiron reunirse cos directivos destas empresas co fin de valorar as medidas a levar a cabo para que esta situación non volva ocorrer”, conclúen.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.