Venres 19 Abril 2024

Entidades ecoloxistas alertan do recheo de “3.000 camións” de area na praia de Sada

Enviaron un escrito a Costas para opoñerse a unha actuación que soterraría unha pradería mariña protexida de "Zostera"

“Non pode xustificarse un atentado ecolóxico de tal calibre simplemente porque algunhas persoas consideran molesto pisar o limo do fondo e lles desagrada a presenza de zostera entre os pés”. É unha das argumentacións do escrito que difundiu este xoves a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), que vén de presentar xunto a outras seis entidades ecoloxistas un escrito diante da Demarcación de Costas de Galicia para frear o recheo ideado para a praia urbana de Sada. As asociacións tamén se dirixiron á Secretaria de Estado de Medio Ambiente para instar a que “desbote definitivamente calquera novo recheo na praia e empregue os recursos económicos en actuacións positivas para o litoral da ría”.

A reacción das entidades xorde a raíz das “novas presións” por parte do Concello de Sada para sacar adiante o proxecto, do que se leva debatindo desde hai bastantes anos na vila coruñesa. Hai agora dous anos, despois de iniciarse en 2015 a licitación do proxecto, o entón Ministerio de Agricultura, Pesca e Medio Ambiente anulou o procedemento debido ás reclamacións presentadas por entidades ecoloxistas e representantes do sector mexilloeiro da ría, debido ás protestas pola presenza de pradeiras de zostera e o posible impacto da obra no cultivo de mexillón.

Publicidade

As asociacións advirten de que o recheo destruirá unha importante pradeira de zostera. Foto: Ruppia2000/CC BY-SA 3.0.
As asociacións advirten de que o recheo destruirá unha importante pradeira de zostera. Foto: Ruppia2000/CC BY-SA 3.0.

Agora, segundo informa a SGHN, as asociacións que asinan o escrito (O Rabo do Galo, Arco Iris, Adega, Asociación pola Defensa da Ría de Sada, Ecoloxistas en Acción e Grupo Naturalista Hábitat, ademais da propia SGHN) “foron invitadas a manter varias reunións coa Demarcación de Costas, nas que se lles explicou un novo enfoque do proxecto, actualmente bloqueado polo Ministerio”.

Esta proposta consiste na instalación de “numerosos postes na praia para deslindar unha franxa de 30 metros medida dende o borde dos vellos recheos de area, co obxectivo de verificar a presenza de zostera nela e proceder logo a realizar recheos que poderían chegar a ser de entre 3.000 e 4.000 camións de area procedente do porto exterior de Langosteira, transportando cada un deles unha carga de 10 m3.

Ante estas informacións, as asociacións ecoloxistas tomaron mostraxes na praia, constatando “a grave afección para o zosteral no caso de que chegara a reencherse con area esa banda de 30 metros”, ademais de que “esta actuación soamente servirá para desprazar o problema uns metros máis cara ó mar, pois os recheos elevarán o nivel do fondo facendo que os bañistas teñan que internarse aínda máis”.

Por este motivo, para as asociacións esta obra non ten xustificación “en base ao interese xeral”, xa que, segundo o seu argumento, “a praia de Sada nunca será óptima para o baño polo seu escaso desnivel, que afasta moito a auga do borde seco da praia en canto baixa a marea”, polo que “a colocación destes postes pode crear a falsa expectativa de que vai reencherse de area toda esa franxa”.

“Recheos inútiles”

“Non entendemos a obcecación en facer novos recheos inútiles, cando hai unha magnífica praia a menos dun quilómetro de distancia, a de Gandarío, moi accesible, segura, con transporte público, e cunha calidade da auga moito mellor”, expoñen as asociacións ambientalistas. Neste punto, lembran que a praia de Sada está pechada ao baño de forma permanente debido ás elevadas concentracións de bacterias coliformes.

Como alternativa, propoñen, como xa fixeran algúns sectores sociais, a posibilidade de “construír unha piscina de auga mariña (non tratada quimicamente) nos terreos actualmente gañados ao mar”.

Posición do Concello de Sada

Diante desta situación, as entidades que subscriben reclaman “que se posicionen publicamente aqueles sectores e entidades que están a defender esta destrución do patrimonio natural de Sada”. Mencionan, en concreto, ao grupo de goberno do concello, que “debería aclarar se vai defender o noso patrimonio natural ou se é quen realmente está a presionar á Demarcación de Costas en Galicia para sacar adiante un proxecto paralizado polo Ministerio de Transición Ecolóxica por vulnerar o convenio OSPAR e a propia lexislación estatal”.

Tal e como lembra a nota, as ecoloxistas xa denunciaron ao Estado español ante a comisión de OSPAR, un acordo que avoga por protexer o entorno mariño do Atlántico Norte, e que, segundo advirten as asociacións, vulneraría a obra prevista en Sada.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mapa que revela o territorio galego incompatible coa implantación eólica

Para a elaboración do informe a ONG SEO/BirdLife tivo en conta as figuras de protección e as zonas de alto valor ecolóxico

Novas analíticas revelan altos niveis de arsénico en Viana do Bolo atribuídos á mina da Penouta

Ecoloxistas en Acción recolleu mostras de auga da traída municipal e os resultados revelaron que as concentracións superan o máximo permitido para o consumo humano

O nivel de cadmio nas verteduras de San Finx supera 104 veces o máximo permitido

As últimas analíticas realizadas por Augas de Galicia demostran que as cantidades de metal acumulado aumentaron dende agosto

Así afecta o eucalipto á biodiversidade na illa de Tambo

Un estudo coordinado por Adega demostra que as áreas de maior riqueza natural son nas que hai unha menor presenza de 'Eucalyptus globulus'