Premio estatal para o traballo dun monfortino sobre exercicio acuático e disfunción renal

A Sociedade Española de Medicina do Deporte recoñeceu a investigación de David Rodríguez, da Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra

David Rodríguez recibiu o galardón o polo Traballo de Fin de Máster en Investigación en Actividade Física, Deporte e Saúde. Foto: Duvi.
David Rodríguez recibiu o galardón o polo Traballo de Fin de Máster en Investigación en Actividade Física, Deporte e Saúde. Foto: Duvi.

A revisión e meta-análise dos estudos existentes sobre os efectos do exercicio no medio acuático en persoas con disfunción renal, que o egresado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte David Rodríguez, orixinario de Monforte de Lemos, realizou para o seu traballo de fin de máster, foi recoñecida nos premios Semed-Femede á investigación da Sociedade Española de Medicina do Deporte. Co profesor Carlos Ayán como titor, Rodríguez centrou o seu traballo final no Máster en Investigación en Actividade Física, Deporte e Saúde nun campo pouco explorado, o dos posibles beneficios que o desenvolvemento de actividade física en piscina pode ter para a saúde deste tipo de pacientes, dando forma ao primeiro traballo que “aglutina os diferentes artigos existentes sobre este tema”, completado á súa vez cunha análise conxunta dos datos obtidos nas diferentes investigacións.

Esta meta-análise, sinala Rodríguez Rey, constitúe o aspecto de maior orixinalidade deste estudo, unha das catro investigacións seleccionadas pola Sociedade Española de Medicina do Deporte nuns premios que se completarán coa súa publicación na revista Archivos de Medicina del Deporte. Nese senso, unha vez realizada unha revisión da literatura científica existente sobre esta temática e unha análise da calidade dos poucos estudos existentes, este egresado levou a cabo un cruce dos datos recollidos nos diferentes artigos existentes. “A meta-análise consiste en analizar conxuntamente os datos de todos os estudos, para ver se a potencia estatística deses datos sumados confirman se os resultados son beneficiosos ou non e en que son beneficiosos”, sinala Ayán.

Publicidade

Unha “alternativa viable” para estes pacientes

A principal conclusión desta meta-análise, sinala Rodríguez, é que o exercicio físico no medio acuático “podería ser unha alternativa viable para as persoas con enfermidade renal, porque ademais facilita moito a súa adherencia á práctica de actividade física”. Nese senso, o autor deste TFM lembra que a disfunción renal “diminúe moito a calidade de vida” destas persoas, que en moitos casos “pasan moito tempo nos centros de diálise”, polo que a práctica de exercicio constitúe un importante apoio de cara a que “teñan unha maior capacidade de autonomía”. Trátase, lembra, de pacientes que requiren de “actividades adaptadas” e neste eido “o medio acuático achega moitos beneficios”, dada a súa “sensación de ingravidez e de temperatura agradable”, o que contribúe á súa vez a xerar esa “maior adherencia cara a realización de exercicio”.

Non obstante, outra das conclusións do traballo é precisamente que “necesítanse máis estudos sobre esta temática”, como salienta Rodríguez. “Trátase dun campo no que non se investiga moito”, engade Ayán, que sinala que o traballo con persoas con enfermidade renal pode constituír “unha dimensión de traballo máis” para os titulados e tituladas en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Nese senso, o docente lembra que, grazas ao convenio asinado o pasado ano coa Fundación Renal Iñigo Álvarez de Toledo, estudantes da facultade están realizando, baixo a coordinación do profesor Óscar García e del mesmo, traballos e prácticas con persoas afectadas por esta patoloxía nos centros desta fundación en Vigo e Porriño.

Un “recoñecemento ao traballo”

“Para min o premio foi unha noticia incrible”, salienta Rodríguez da selección do seu estudo nunha convocatoria aberta a traballos de revisión nos eidos da medicina deportiva e a actividade física. Nese senso, este graduado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte que traballa como adestrador persoal, incide en que, ademais do premio económico de 600 euros e da publicación do seu traballo nunha revista científica indexada en Scopus, este galardón supón un “recoñecemento ao traballo”. Non en van, tratouse dun estudo “complicado, no que empregamos ferramentas estatísticas bastante complexas, nas que eu aínda estou formándome”, engade este titulado, que recoñece que a investigación nos eidos do deporte e a saúde “é algo que sempre me atraeu”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.