Xoves 5 Decembro 2024

Que entendemos realmente por “plantas medicinais”?

Os principios activos das especies vexetais poden ser interesantes para a farmacoloxía pero hai que ter coidado cando se quere facer un consumo directo da planta

Unha comida familiar copiosa pasa factura. Ben o sabe o teu estómago, que percorre o armario das infusións ata atopar a caixa da macela. Colles un sobre, introdúcelo nunha cunca de auga fervendo e esperas os cinco minutos de rigor. Son ben coñecidas as propiedades dixestivas —entre outras— da camomila. Pero son moitas as plantas que se utilizan para facer tisanas que alivien os gases e nos axuden a durmir mellor. Malia todo iso, hai que ser precavidos e ter coidado. O “natural” non sempre é inocuo. Así o advirte o catedrático de Fisioloxía Vexetal da Universidade da Coruña (UDC), Federico Pomar.

“Hai quen pensa que as plantas están aí para curarnos pero este razoamento non ten ningún sentido”, sinala o investigador. Nos últimos anos, segundo as súas explicacións, está aumentando o número de persoas que van directamente á planta, collen algunhas partes —como pode ser a flor, o tallo, as follas…— e úsanas directamente para facer as infusións. Mais isto, na opinión de Pomar, ten os seus riscos. “É automedicarse. Non sabemos que cantidade do principio activo estás tomando nin cales poden ser as interaccións cos medicamentos”, incide o investigador da UDC.

Publicidade

Os principios activos

Máis en detalle, as plantas teñen unha serie de principios activos. É dicir, substancias con propiedades farmacolóxicas. Pero estes compostos non están en todas as plantas na mesma cantidade. Isto depende de moitos factores como a cantidade de auga, a calidade do solo ou se foi recollida de día ou de noite, entre outros. “Un dos grandes problemas das plantas está aí, cando as tomas directamente non sabes que cantidade de principio activo estás tomando“, sinala o investigador, que tamén explica que as plantas producen este tipo de compostos para defenderse dos seus depredadores.

Por outra banda, Pomar matiza o termo “planta medicinal”. E pon como exemplo o estalote ou San Xoán (Digitalis purpurea). “Empeza a usarse en medicina a finais do século XVIII. Un investigador comeza a facer unhas infusións con esta planta e detecta efectos sobre o corazón”, explica o fisiólogo vexetal. Non obstante, é considerada unha planta velenosa e as “concentracións farmacoloxicamente interesantes están moi preto das tóxicas”. Amais disto, os estalotes teñen un bioritmo moi marcado ao longo do día, polo que hai que “ter coidado” cando se recollan as follas. “Un uso descontrolado desta planta ten graves problemas. Ten uns compostos bioactivos interesantes, sen dúbida. Pero só a utilizamos para extraer o composto, a digoxina, non sei fai un uso directo da planta”, recalca Pomar.

Publicidade

A lexislación

De todos os xeitos, o investigador apunta que a planta é velenosa se se consumen as follas, pero tocala non supón ningún problema. “Hai un montón de plantas tóxicas e non ten sentido que se usen sen control”, advirte Pomar. De feito, o Ministerio de Sanidade publicou en 2004 a Orde SCO/190/2004, na que se recolle toda unha lista de plantas cuxa venda queda prohibida ou restrinxida ao público debido á súa toxicidade. De igual modo, a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) publicou en 2012 un compendio de produtos botánicos que poden conter substancias perigosas para a saúde humana cando se empregan en alimentos ou complementos alimenticios.

Interacción cos medicamentos

Outro dos riscos do consumo sen control deste tipo de plantas é a interacción con outros medicamentos. Pomar pon como exemplo o hipérico (Hypericym perforatum L.), que pode ser perigoso para aquelas persoas que toman tratamentos anticoagulantes. “Moitas persoas maiores toman esta infusión e hai que ter coidado, pode ser bastante problemática non por toxicidade, senón por interacción”, matiza o investigador da UDC. Así mesmo, insiste en que “todas as plantas teñen cualidades”, pero a mellor opción é usalas baixo control médico. De feito, aquelas que se poden utilizar sen apenas supervisión son moi poucas.

Menciona, como non podería ser doutra maneira, a macela. “Aínda que a tomes en grandes cantidades é probable que a esteas por debaixo dos límites realmente efectivos”, puntualiza Pomar. E algo semellante acontece coa artemisa. Ao parecer, un dos compostos desta planta é moi útil para tratar as enfermidades parasitarias como a malaria. Así o descubriu a científica Tu Youyou, que gañou o Premio Nobel de Medicina en 2015. “Ela colleu os manuais de medicina tradicional chinesa e estudou que plantas se recomendaban para que doenzas. Das miles de receitas coas que traballou, só atopou evidencias científicas da artemisa”, detalla Pomar.

Prudencia e control

A macela e a artemisa. Esas serían as únicas plantas entendidas como inocuas, sempre baixo a visión do investigador da UDC. A prudencia parece ser a mellor opción, posto que hai moitas outras plantas que poden converterse en ameazas antes que en aliadas. “Igual acontece coa estevia. Ten uns compostos con poder edulcorante. Pero cando comes a planta, pode haber outros principios activos que non sexan bos para a saúde”, recalca Pomar. O fisiólogo vexetal non esquece mencionar o sabugueiro para alertar do mesmo: “ir directamente á árbore é descoñecer como son as plantas e como é a farmacoloxía”.

Parece, por tanto, que máis vale andar con cautela. Ter coidado cos posibles efectos secundarios, as interaccións cos medicamentos e as crenzas que non se axustan á realidade. Ter en conta, tamén, que as plantas só queren defenderse dos depredadores. E se non se poden mover, a súa única opción é a loita química. Que iso non significa que non sexan útiles para tratar determinadas doenzas, sempre e cando sexa baixo prescrición médica. Ou a recomendación de calquera persoal relacionado coa saúde. Non todo é branco nin negro. E igual acontece coas plantas. Non vaias á árbore sen a formación axeitada. Malia que a túa tisana de macela precise dun sobre máis para ser efectiva.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A nave da misión Artemis I chega á Lúa

A cápsula non tripulada Orion pasou a 130 km da superficie lunar. Trátase da primeira das manobras que necesitará para entrar na órbita

O estramonio, o alucinóxeno que abunda nos campos galegos

Nove vacas dunha explotación gandeira de Rois morren despois de inxerir as follas dunha planta "moi tóxica" e abundante en Galicia

Un estudo constata que inxerimos microplásticos a través das bolsas de té

A investigación detecta que o plástico destes sacos se degrada e fai pasar á auga tereftalato de nailon e polietileno

A NASA prepara a viaxe da primeira muller á Lúa para 2024

Un investimento adicional de 1.600 millóns de dólares levará á axencia a retomar os seus plans de regreso á Lúa e a chegada a Marte