Un estudo constata que inxerimos microplásticos a través das bolsas de té

A investigación detecta que o plástico destes sacos se degrada e fai pasar á auga tereftalato de nailon e polietileno

O estudo comprobou que o plástico presente nas bolsas de té se degradou e pasou á auga.
O estudo comprobou que o plástico presente nas bolsas de té se degradou e pasou á auga.

Cada vez é máis habitual usar alternativas ás bolsas de infusión de plástico, pero hai moitos fabricantes e consumidores que seguen optando por elas. É sabido, por investigacións previas, que algúns destes compostos sintéticos comezan a degradarse en canto se lle aplican altas temperaturas, e un novo estudo volve manifestar o risco de inxerir microplásticos a través do té.

O traballo, publicado en Environmental Science & Technology, expón que unha soa bolsa de plástico para preparar unha infusión de té, cunha temperatura de 95ºC, libera arredor de 11,6 mil millóns de microplásticos e 3.100 millóns de nanoplásticos.

Estímase que na actualidade, debido ao contacto constante con todo tipo de plásticos microscópicos na nosa vida e alimentación cotiás, consumimos máis de 74.000 partículas deste tipo, pero este traballo sostén que nunha soa bolsa de té hai case 200.000 veces máis desa cantidade.

Durante moitos anos, os saquiños de infusión fixéronse a partir de papel, pero nos últimos anos algunhas empresas optaron por mallas de plástico para estes produtos, co obxectivo de evitar que estas bolsas romperan. Pero segundo os investigadores, da Universidade McGill de Canadá, a partir dos 40ºC estes plásticos poden degradarse de xeito notable e pasar ao líquido que os contén.

Atopáronse na auga compostos como o tereftalato de nailon e o polietileno, presentes nas bolsas

Ao obter evidencia desta degradación, os científicos colleron bolsas de té de diversas marcas, baleiráronas e limpáronas para asegurarse de que as partículas que se atoparan na auga non eran as que estaban na planta usada como infusión. Por outra banda, usaron como control varias bolsas de té sen baleirar, para determinar que o feito de cortar as bolsas para baleirar o té non influía na cantidade de partículas liberadas.

A continuación, colocaron tres sacos baleiros por cada marca, e mergulláronas en 10ml de auga a 95ºC durante cinco minutos. Quitaron a continuación as bolsas e decantaron a auga noutro recipiente.

Despois disto, tomaron imaxes cun microscopio electrónico de varrido das bolsas de té antes e despois de metelas na auga quente, e analizaron a súa composición química a través da técnica de espectroscopia FTIR.

Pola súa parte, a auga foi fixada a obleas de silicio e secada, e realizouse unha análise das nanopartículas presentes nela. E aquí foi onde comezaron a obter os resultados: os científicos descubriron que as bolsas de té tiñan fendas e degradacións notables despois de metelas na auga quente, e que un gran número de micro e nanopartículas de plástico pasaran á auga, xa que a composición química destas partículas coincidía coas bolsas de té (tereftalato de nailon e polietileno). Con estes datos fíxose unha estimación da cantidade que tragaría un consumidor de té con cada taza: 2,3 millóns de micras e 14,7 mil millóns de partículas submicrométricas.

Os investigadores quixeron saber tamén os efectos destas partículas non só en humanos, senón en pulgas de agua (Daphnia magna). Para iso colocaron estes organismos en disolucións de auga que contiñan respectivamente un 50%, un 5% e un 0,5% da auga onde se introduciran as bolsas de té, e observaron que as partículas de plástico pasaron ao interior dos corpos.

Serán precisos máis estudos para determinar se o consumo de té nestas bolsas induce efectos nocivos nos humanos, pero tal e como expoñen os investigadores no artigo, o certo é que estas partículas de plástico acaban, dun ou doutro xeito, no medio ambiente. Ante isto, recoméndase o uso de bolsas de papel ou usar té a granel con outro tipo de filtros.

Referencia: Plastic Teabags Release Billions of Microparticles and Nanoparticles into Tea (Publicado en Environmental Science & Technology).

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.