Martes 19 Marzo 2024

Outro ano sen mulleres co Nobel de Ciencias: só 19 na historia

Tan só 18 científicas recibiron desde o ano 1901 o galardón nas categorías de Fisioloxía e Medicina, Química ou Fïsica por parte da Academia Sueca

Co anuncio do Nobel da Paz, que recaeu no primeiro ministro de Etiopía, Abiy Ahmed Ali, e á espera do nome do de Economía, que se coñecerá a semana que vén, a galería de premiados volve ofrecer unha maioría de figuras masculinas. Era un panorama habitual e mesmo normal cando se comezou a outorgar o premio, alá por 1901, cando o papel feminino na sociedade estaba moito máis escurecido, pero que agora, en pleno século XXI, xera cada vez máis malestar. E as ciencias volven quedar, un ano máis, sen un rostro feminino gañador do prestixioso recoñecemento.

En 2017, en declaracións á Axencia Sinc, o presidente da Fundación Nobel dicía “Agardo que nuns anos haxa máis mulleres gañadoras do Nobel”. Como resposta a estas diferenzas, Carl-Henrik Heldin argumentaba: “É certo que houbo poucas mulleres premiadas co Nobel. Isto débese en parte a que os galardóns que se outorgan agora corresponden a traballos levados a cabo moitos anos atrás, cando non había tantas investigadoras traballando nos distintos campos da ciencia”, expoñía.

Publicidade

O Nobel de Economía é o terreo máis vedado ás mulleres. Houbo que agardar a 2009 para ver a Elinor Ostrom recoller o galardón. E foi, ata agora, a única premiada. Desde que Marie Curie (Física en 1903 e Química en 1911) e a súa filla Irene (Química en 1935) abriran o camiño, só 17 mulleres máis, en case 120 anos de historia, foron recoñecidas co recoñemento máis soado que pode recibir un científico. A diferenza percíbese neste gráfico:

Nun artigo publicado en The Conversation, titulado Por que as mulleres non gañan o Nobel de Ciencias, a investigadora Mary K. Feeney lembraba que existen estudos que demostran que as mulleres que persisten nas carreiras de ciencias “enfróntanse a barreiras explícitas e implícitas á hora de avanzar no seu campo”, e que estes prexuízos “nótanse máis nas materias dominadas polos homes, onde as mulleres carecen dunha masa crítica de representación, e a menudo son consideradas como símbolos ou persoas alleas á organización”.

Alén disto, hoxe en día lémbranse varios casos de décadas pasadas nos que algunhas figuras femininas foron excluídas do Nobel que si gañaron os seus compañeiros, cando o papel no achado científico galardoado foi salientable. Pasou con Rosalind Franklin, que fixo achegas esenciais para o descubrimento da estrutura do ADN, ou a física nuclear Lise Meitner, que ten un elemento co seu nome na táboa periódica (o meitnerio), pero que foi ignorada no 1944 cando premiaron ao seu compañeiro Otto Hahn.

Marie Curie, no seu laboratorio de París en 1912.
Marie Curie, no seu laboratorio de París en 1912.

Por tanto, a lista de galardoadas co Nobel en Ciencias é por agora pequena. Como curiosidades, cómpre subliñar que só Marie Curie o recibiu en dúas ocasións (1903 e 1911, en Física e Química, respectivamente). Só nunha ocasión dúas mulleres compartiron Nobel de Ciencias no mesmo ano (o de Fisioloxía e Medicina de 2009, con Elizabeth Blackburn e Carol W. Greider, compartido tamén con Jack W. Szostak). Naquel mesmo ano produciuse tamén un feito que só se repetiu en 2018: mulleres gañadoras en categorías distintas; en 2009 tamén o conseguiu Ada Yonath en Química. E en 2018, Donna Strickland recibiu o de Física, e Frances Arnold o de Química.

Alén disto, tamén foron dúas as únicas ocasións nas que o Nobel de Ciencias foi para mulleres en dous anos consecutivos. Ademais dos de 2008 e 2009, a situación repetiuse en 2014 co Nobel de Fisioloxía e Medicina para May Britt Moser (científica norueguesa que visitou Santiago en setembro de 2018), galardón que no ano seguinte, 2015, foi para Tu Youyou, científica chinesa.

As 19 mulleres co Nobel de Ciencias

Marie Curie (Física en 1903 e Química en 1911).

Irene Joliot (Química en 1935).

Gerty Theresa Cori (Fisioloxía e Medicina en 1947).

Maria Goepper Mayer (Física en 1963).

Dorothy Crowfoot Hodgin (Química en 1964).

Rosalyn Sussman Yalow (Fisioloxía e Medicina en 1977).

Barbara McClintock (Fisioloxía e Medicina en 1983).

Rita Levi Montalcini (Fisioloxía e Medicina en 1986).

Gertrude Ellion (Fisioloxía e Medicina en 1988).

Christiane Nüsslein-Volhard (Fisioloxía e Medicina en 1995).

Linda B. Buck (Fisioloxía e Medicina en 2004).

Françoise Barré Sinoussi (Fisioloxía e Medicina en 2008).

Elizabeth Blackburn e Carol W. Greider (Fisioloxía e Medicina en 2009).

Ada E. Yonath (Química en 2009).

May Britt Moser Fisioloxía e Medicina en 2014).

Tu Touyou (Fisioloxía e Medicina en 2015)

Donna Strickland (Física en 2018).

Frances Arnold (Química en 2018).

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O comportamento humano altérase de xeito notorio en grupos de máis de 180 persoas

Unha nova análise matemática permite comprender como cambiará unha empresa ou unha rexión por medrar de tamaño

Elena Vázquez Cendón: “A fórmula buscada é a igualdade, a solución correcta é o equilibrio”

A premio María Josefa Wonenburguer 2022 abre as xornadas A Foto 51 de Pontevedra, ciencia e reflexión ao abeiro do Día da Muller e a Nena na Ciencia

A forza dos raios: mortais nun radio de dez metros e inofensivos dentro dun coche

A presenza da gaiola de Faraday provoca que o campo electromagnético dentro dun condutor en equilibrio estático sexa nulo

A Deputación da Coruña crea unha táboa periódica para concienciar en igualdade

A campaña pon o foco no desexo mutuo e no consentimento, interpelando directamente ao posible agresor e nunhas festas libres de medo