Dúas potentes borrascas atlánticas deixarán un temporal de chuvia e neve en Galicia na recta final da semana

Unha sucesión de frontes activarán a alerta amarela este xoves por refachos superiores aos 80 km/h e ondas de ata 5 metros nas Rías Baixas e na Costa da Morte

“A partir do xoves volve o tempo invernal”. Así de categórica é a predición de Meteogalicia, que anuncia unha fin de semana pasada por auga, vento e neve. O temporal que azoutará Galicia a partir das últimas horas do mércores estará provocado por dúas potentes borrascas atlánticas e prolongarase ata o domingo. A primeira, segundo explican dende a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), está situada no suroeste de Islandia e será a que provoque as primeiras precipitacións. A segunda borrasca estará ao oeste de Galicia e, a partir do xoves, será a encargada de traer inestabilidade atmosférica ao territorio. De feito, activarase a alerta amarela por neve na montaña de Ourense, por ventos superiores aos 80 km/h e por temporal marítimo nas Rías Baixas e na Costa da Morte este xoves.

A inestabilidade chegará a Galicia nas últimas horas do mércores, cando se comezarán a rexistrar precipitacións de “intensidade moderada” no sur de Galicia. O prato forte chegará o xoves, cando o territorio quede por completo baixo a influencia das baixas presións situadas ao oeste da comunidade e moi preto do litoral galego. Amais das precipitacións, que poderán ser treboentas, tamén se agarda saraiba e neve, dado que a cota descenderá ata os 1.000 metros durante a noite. No que respecta ás temperaturas, tamén experimentarán unha caída e non superarán os 15 graos de máxima en ningunha cidade galega nin os 8 graos de mínima agás en Lugo, que se rexistrarán 4 graos durante a madrugada.

Publicidade

Segundo prognostica José Manuel Viñas nun artigo publicado no portal Meteored, as chuvias máis abundantes rexistraranse os próximos días no extremo oeste peninsular, especialmente nas Rías Baixas, que será a zona máis afectada de Galicia. O venres a situación non experimentará grandes cambios, dado que tamén se agarda que as baixas presións, que se irán desprazando polo litoral norte, deixen “chuvascos ocasionalmente fortes e acompañamos de treboadas e sarabia”, segundo a predición da Meteogalicia. As temperaturas manteranse frías para a época do ano e, de feito, a cota de neve descenderá ata os 800 metros durante a madrugada.

O escenario non cambiará durante a fin de semana, que estará protagonizada pola inestabilidade atmosférica. De novo, precipitacións intensas, fortes refachos de vento, sarabia e neve nas zonas de montaña. Espérase que esta fronte, asociada á borrasca situada ao noroeste de Galicia, deixe as precipitacións máis intensas na fachada atlántica durante a tarde. O domingo o tempo será moi parecido, cun ambiente invernal protagonizado polas chuvias e as baixas temperaturas. De cara á semana que vén, aínda hai moita incerteza no prognóstico pero os modelos de Meteogalicia agardan que continúen as precipitacións ata, polo menos, a primeira metade da semana.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

Unha dina acende a alerta laranxa en Galicia por fortes treboadas: estes son os concellos afectados

O interior da Coruña e o centro de Lugo estarán en aviso por tormentas que poden vir acompañadas de aparello eléctrico e sarabia

Galicia rexistra o verán máis cálido dende 1961, cunha temperatura media de 21,4 graos

O informe climatolóxico de Meteogalicia informa de que foi unha estación seca, cunha precipitación media acumulada dun 22% menos do habitual