Os plásticos dos ríos poden albergar patóxenos e xenes de resistencia aos antibióticos

Un estudo internacional alerta que o material degradado sería o que aloxa maior abundancia de comunidades microbianas

As comunidades microbianas que medran nos refugallos plásticos dos ríos poden albergar microbios potencialmente patóxenos e actuar como reservorios de xenes de resistencia a antibióticos, segundo un estudo internacional publicado na revista científica Microbiome e liderado por Joseph Christie-Oleza, do Departamento de Bioloxía da Universidade das Illes Balears.

Os resultados tamén poñen de relevo as diferenzas entre os potenciais patóxenos e os xenes de resistencia a antibióticos que poden albergar os plásticos novos e os degradados.

Publicidade

Os tipos de patóxenos extraídos das mostras de plástico e madeira diferían dos das mostras de auga de río

Os investigadores caracterizaron as comunidades microbianas achadas na superficie de plásticos mergullados durante sete días no río Sowe (Reino Unido), a un quilómetro dunha planta de tratamento de augas residuais, en febreiro de 2020.

As comunidades microbianas de plásticos novos e envellecidos comparáronse coas atopadas nunha superficie de control (madeira) e as comunidades presentes na auga do río.

Publicidade

Os autores descubriron que as mostras de plástico, madeira e auga albergaban microbios potencialmente patóxenos, pero que os tipos de patóxenos extraídos das mostras de plástico e madeira diferían dos das mostras de auga de río.

Bacterias ‘oportunistas’

As mostras de plástico e madeira contiñan os patóxenos potenciais Pseudomonas aeruginosa, Acinetobacter e Aeromonas —bacterias coñecidas como ‘oportunistas’ que supoñen un maior risco para as persoas con sistemas inmunitarios comprometidos—, mentres que as mostras de auga contiñan os potenciais patóxenos humanos Escherichia, Salmonella, Klebsiella e Streptococcus.

Do mesmo xeito, os autores descubriron que, aínda que os microorganismos extraídos de todas as mostras contiñan xenes de resistencia aos antimicrobianos, os tipos de resistencia diferían entre os das mostras de plástico e madeira e os das mostras de auga.

Cando os autores compararon as comunidades microbianas que medraban en plásticos novos e envellecidos, descubriron que P. aeruginosa (que pode causar infeccións en pacientes hospitalizados) era especialmente abundante nas mostras de plástico degradado.

Especulan que isto podería deberse a que os plásticos degradados liberan maiores cantidades de compostos orgánicos que favorecen o crecemento microbiano que os plásticos novos.

Os autores poñen de relevo a importancia de monitorear as verteduras de augas residuais polos seus riscos para a saúde humana e o medio ambiente

Tamén descubriron que a abundancia relativa de xenes de resistencia aos antimicrobianos presentes nas comunidades microbianas era maior nas mostras de plástico envellecido que nas de plástico novo, aínda que sinalan que as razóns non están claras.

Os autores suxiren que é necesario seguir investigando os posibles riscos que ten a contaminación por plásticos debido á súa capacidade para albergar e transportar microbios potencialmente patóxenos e xenes de resistencia a antibióticos.

Tamén poñen de relevo a importancia de monitorear as verteduras de augas residuais polos seus riscos para a saúde humana e o medio ambiente.


Referencia: Microbial hitchhikers harbouring antimicrobial-resistance genes in the riverine plastisphere (Publicado en Microbiome)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cales son as principais ameazas para a saúde global? Estes son os 17 retos para o século XXI

O Comité da prestixiosa revista médica ‘The Lancet’ identifica os riscos que poderían comprometer a supervivencia das vindeiras xeracións ata 2100

Tres cruceiros coinciden (outra vez) no porto de Vigo: isto é o que contaminan

Colectivos ecoloxistas denuncian o desembarque de 14.000 pasaxeiros provoca un turismo de altas emisións contaminantes, equivalente a que 18 millóns de coches circulen pola cidade

Unha grande obra hidráulica bloquea o caudal do río Umia: estas son as consecuencias medioambientais

Os biólogos alertan da alteración do ecosistema por unha obra que algúns dos afectados sospeitan que pode estar ligada ao abastecemento de auga da Illa da Toxa

O caso da sentenza das Conchas: por que a Xunta volve abrir o decreto sobre nitratos da Limia?

A reapertura da consulta pública coincide co primeiro fallo do TSXG sobre o encoro e impulsa o debate para frear a contaminación da comarca