O cabaliño do demo australiano, un malabarista do sexo

O Hemiphlebia mirabilis, considerado o cabaliño do demo máis primitivo do mundo, é unha especie endémica de Australia e Tasmania. Ata alí viaxou Adolfo Cordero Rivera, investigador da Universidade de Vigo, para estudar o seu curioso comportamento sexual, un proceso no que macho e femia realizan numerosos movementos abdominais e continuas rotacións sobre o seu eixo, o que supón un auténtico exercicio de malabarismo sexual. Pero ademais de realizar este estudo, o primeiro que cuantifica o comportamento adulto de ambos sexos utilizando unha gran mostra, o investigador galego realizou outro descubrimento igual de relevante e moi positiva para a especie, que ata o de agora se atopaba en perigo de extinción. “Atopei milleiros de individuos, o que supón unha noticia moi positiva, posto que se temeu por esta especie”, explica o investigador, docente na Facultade de Bioloxía e na Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra. O descubrimento acaba de ser publicado na revista Insect Conservation And Diversity.

A especie amosa claros signos de recuperación despois de estar ao borde da extinción

Hai poucos decenios, sobre o 1970, chegouse a pensar que este cabaliño do demo estaba extinto. De feito, a día de hoxe segue a figurar como unha especie en perigo crítico de extinción. Adolfo Cordero Rivera relata que sempre sentiu fascinación polo Hemiphlebia mirabilis, así que decidiu viaxar a Australia para obter máis datos sobre o seu particular proceso de reprodución. Ao chegar alí, atopouse con grandes poboacións do insecto, “superando posiblemente o millón de individuos por xeración”, subliña o profesor galego, que tamén realizou investigacións sobre o cabaliño no Caribe e no Amazonas.

Publicidade

Unha das particularidades da especie é a súa baixa mobilidade e a distancia curta de voo, con longos períodos de inactividade. Estes factores, unidos á súa particular coloración e á pouca accesibilidade ao seu hábitat poden explicar que este repunte na súa poboación pasara desapercibido até o de agora. Hai zonas onde a densidade de poboación é de 100 animais por cada dez metros cadrados, un dato que debería levar a repensar a inclusión do insecto como especie en perigo de extinción. “Xa non cumpre ningún dos criterios da Unión Internacional para a Conservación da Natureza, manifesta Adolfo Cordero Rivera.

Pero esta inactividade desaparece no acto sexual. Tanto macho como femia exhiben constantes movementos abdominais e piruetas que revelan “un comportamento sexual moi elaborado e absolutamente único”, en palabras do investigador galego, que vén de publicar na revista Peer un segundo artigo sobre este proceso de cópula.

Publicidade

Aínda que Cordero Rivera non puido confirmar se femias e machos usan este órgano abdominal para atraer ao sexo aposto, o que si puido comprobar é que ambos os sexos practican este movemento mesmo en ausencia de calquera interacción reprodutiva. “Isto suxire que este comportamento non é unha exhibición ordinaria de cortexo”, puntualiza o científico, quen tamén asegura que os machos usan o xiro abdominal no cortexo precopulativo, pero as femias non, xa que, tras as máis de 100 horas de observación, o científico non viu a ningunha femia pór ovos.

“Observei a 79 femias por períodos de 10 minutos entre as 09.00 e as 19.00 horas, e a única conclusión clara que saquei é que a posta de ovos non se realiza despois da cópula, porque en todos os casos, machos e femias sepáranse inmediatamente despois de aparearse”, recalca o investigador, que continúa a estudar o particular comportamento sexual desta especie.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que se debe declarar o salmón en perigo de extinción en Galicia: isto din os expertos

Dende o ano 2000 apenas se capturan 55 exemplares de media anual nos ríos galegos, menos dunha décima parte ca hai cinco décadas

Máis de 2.500 sinaturas esixen á Xunta que declare o salmón “en perigo de extinción”

Cinco entidades ecoloxistas reclaman que a administración galega "asuma a súa responsabilidade" e protexa a especie

España continuará pescando anguías ata a súa extinción

Desde 1980 a súa poboación derrubouse. A pesar desa pésima situación, a especie é aínda obxecto de pesca comercial e véndese e consómese con normalidade

Produtores e Xunta impóñense aos chefs: Galicia rexeita a prohibición da pesca de anguía

As comunidades autonomas frustran o intento do Goberno de blindar a especie, que nos ríos galegos diminuíu xa un 90%