Venres 29 Marzo 2024

De Pontevedra ó Caribe buscando un cabalo do demo

Considerada unha das zonas con maior número de especies endémicas das Antillas, a illa de Hispaniola, que comparten a República Dominicana e Haití, vén de ver incrementado o número de especies que só poden atoparse na súa xeografía coa Hypolestes hatuey, un novo tipo de libélula descrito por un equipo de investigadores do que forma parte o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero. Xunto ao docente da Universidade de Oriente de Cuba Yusdiel Torres, a tamén investigadora da Universidade de Vigo, Olalla Lorenzo, actualmente na Universidade de Liverpool e a profesora da Universidade do Porto Sónia Ferreira, Cordero asina un artigo na revista Zootaxa, no que se describen as características desta nova especie do “enigmático xénero” Hypolestes, no que se agrupan unha serie de libélulas propias destas illas do Caribe.

Adolfo Cordero, investigador da UVigo.
Adolfo Cordero, investigador da UVigo.

De feito, ata o de agora este tipo de libélula, que só se atopou na illa de Hispaniola, viña sendo identificada como Hypolestes trinitatis, a que ata hai pouco se consideraba a única especie deste xénero na illa. “Os autores anteriores identificábana como esta especie xa descrita en Cuba e que era considerada a única especie do xénero que se podía atopar na illa de Hispaniola”, explica Cordero, que engade que “o que nos propoñemos é que é o suficientemente diferente como para considerala unha especie distinta”.

Publicidade

O traballo de campo realizado tanto na illa que comparten a República Dominicana e Haití como en Cuba e Xamaica, así como a posterior análise do ADN realizada no laboratorio molecular da Universidade de Liverpool, permitiron constatar a existencia dunha serie de diferencias tanto morfolóxicas como xenéticas entre esta nova especie e os dous tipos de Hypolestes xa descritos, a Hypolestes trinitatis e a Hypolestes clara. “As principais diferencias atópanse en aspectos relacionados coa morfoloxía dos apéndices anais, os cercos”, sinala neste senso Cordero, que apunta tamén ás variacións existentes nas bandas da parte anterior do tórax ou nas veas das ás. Así mesmo, os investigadores poñen de relevo nesta publicación as diferencias atopadas no “órgano usado para inseminar á femia”, que recibe o nome neste grupo de especies de “edeago ou lígula”, xa que non se trata propiamente dun pene “porque non aparece ao final do abdome, senón ao principio”, o que constitúe unha “particularidade anatómica exclusiva” deste tipo de insectos, os odonatos.

Nesta especie, o órgano usado para inseminar á femia non é propiamente un pene

Estas diferencias, engade Cordero, “foron corroboradas posteriormente pola secuenciación do ADN”, realizada en Liverpool coa colaboración de Olalla Lorenzo, antiga integrante do grupo de investigación EcoEvo, que dirixe este profesor do campus pontevedrés, e que actualmente se atopa desenvolvendo o seu labor investigador en Liverpool ao abeiro das bolsas Marie Curie da Unión Europea. Previamente, realizarase un traballo de campo en Hispaniola, Xamaica e Cuba, que contou co financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación, e que permitiu comparar as características da Hypolestes hatuey con “espécimes doutras especies”, no marco dunha investigación que forma parte da tese de doutoramento do cubano Yusdiel Torres, que dirixen Cordero e Lorenzo.

Partindo da idea de que esta nova especie só pode atoparse na illa de Hispaniola, no artigo que estes catro investigadores publicaron en Zootaxa propoñen a súa inclusión na lista vermella da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), o inventario mundial do estado de conservación das diferentes especies animais e vexetais, concretamente, na categoría de Data Deficient (datos insuficientes). Non en van, non se dispón polo de agora “da información adecuada sobre a distribución e abundancia” desta especie, que a xuízo de Cordero deberá estar presente en maior medida na República Dominicana que en Haití, por mor das diferencias no estado dos bosques entre estes dous países.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Científicos galegos describen unha nova especie de libélula das illas Fixi

O insecto destaca por ter un abdome moi longo, os dentes finos e a parte externa das ás de cor rosada

As 37 especies de libélulas que viven na parte galega do Xurés

O catedrático Adolfo Cordero codirixe a primeira guía que compila a diversidade de cabalos do demo presentes no Parque Natural Baixa Limia

Investigadores galegos descobren unha nova especie de libélula no arquipélago de Fixi

Os estudos do grupo de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación da UVigo describen a "Nesobasis rito", un tipo de insecto nunca antes descrito na literatura científica

Formigas voadoras: a historia detrás do ‘ritual’ nupcial que xorde coas treboadas

Seguro que algunha vez o presenciaches: nos días cálidos e húmidos, con tormentas inminentes, xorden estes insectos con ás. Que hai detrás disto?