Montserrat Vilà é experta en especies exóticas invasoras e investigadora do CSIC na Estación Biolóxica de Doñana. Foto: CSIC.
Montserrat Vilà é experta en especies exóticas invasoras e investigadora do CSIC na Estación Biolóxica de Doñana. Foto: CSIC.

“As invasións biolóxicas están moi relacionadas co desenvolvemento de infraestruturas”

A científica do CSIC Montse Vilà, experta en especies exóticas invasoras, analiza nesta entrevista as claves que aceleran o deterioro de hábitats por mor deste fenómeno

* Unha entrevista de Irene Lapuerta Murillo/CSIC Cultura Científica

O eucalipto, a falsa acacia ou o ailanto (árbore do ceo) son só algunhas das plantas invasoras coas que convivimos. Introducidas na península ibérica e as illas polos seres humanos, conseguiron establecerse e dispersarse no medio natural, unha dinámica que alterou os ecosistemas e puxo en perigo a súa biodiversidade. Falamos diso con Montserrat Vilà, investigadora do CSIC na Estación Biolóxica de Doñana e especialista en invasións biolóxicas, unha faceta do cambio global que, cóntanos, vese favorecida cando no territorio hai zonas que se atopan xa perturbadas. Así esta dispersión de especies é máis recorrente en áreas costeiras e urbanizadas.

– A túa investigación céntrase nas invasións biolóxicas protagonizadas por plantas. Que repercusión teñen as especies exóticas invasoras na biodiversidade?

– Moitas especies invasoras causan impactos na biodiversidade porque poden competir coas especies nativas, diminuír as súas abundancias e cambiar toda a estrutura dunha comunidade a distintos niveis tróficos. Por exemplo, diminuíndo a súa diversidade ou cambiando a abundancia de especies. Tamén repercuten nos procesos do ecosistema, como os ciclos de nutrientes, a dispoñibilidade de auga, a calidade do hábitat… Hai exemplos de impactos en todos os procesos ecolóxicos.

– Cal é a relación entre as invasións biolóxicas e a chamada ‘macdonalización’ dos ecosistemas?

– O fenómeno de ‘Macdonalización’ é o mesmo que homoxeneización biótica e refírese ao movemento de especies dunhas rexións a outras. Moitas especies teñen unha distribución moi global, máis aló de onde se orixinaron e de onde son capaces de dispersarse polos seus propios medios. De maneira que moitos ecosistemas teñen especies que non son as que evolucionaron alí, e que non estarían neles se nós non as levaramos ata ese lugar. As invasións biolóxicas son un compoñente do cambio global, igual que o cambio climático, o cambio de usos do solos, a contaminación e a eutrofización [enriquecemento excesivo de nutrientes] dos ecosistemas. Tamén existe esta globalización e este movemento de especies dun lugar a outro, que realizamos os humanos.

– Que factores ambientais favorecen a aparición e establecemento de especies invasoras?

– Depende dos requirimentos da especie. O máis importante sería a perturbación. Polo menos no caso das plantas, moitas especies exóticas que introducimos, se cadra como ornamentais, teñen máis facilidade de establecerse no medio natural nas zonas máis perturbadas, porque nelas moitas veces hai poucas especies nativas e as invasoras atopan máis recursos.

“No caso das plantas, moitas especies exóticas que introducimos, se cadra como ornamentais, teñen máis facilidade de establecerse no medio natural nas zonas máis perturbadas”

– E que se entende por zona perturbada?

– Está moi claro que zonas que perderon especies nativas, pobres en especies, teñen máis posibilidade de ser invadidas e de que haxa un maior número de especies invasoras.

– Na península ibérica, que zonas sofren máis invasións?

– Analizámolo a nivel nacional e tamén a nivel da paisaxe. Normalmente as zonas máis invadidas son aquelas máis perturbadas e tamén as que reciben máis propágulos, é dicir, que reciben máis especies exóticas e con máis frecuencia. Por exemplo, as zonas costeiras. En cambio, a unha zona montañosa, espazos menos perturbados, non chegan propágulos nin sementes. Se chegan van atopar cunhas condicións difíciles para establecerse. As áreas urbanas son zonas perturbadas case sempre. De feito, as invasións están moi relacionadas co desenvolvemento, sobre todo de infraestruturas. Por exemplo, a Canle de Suez foi unha vía de entrada de especies do mar Vermello ao mar Mediterráneo. A Canle de Panamá, igual. Todas as conexións e transvasamentos de ríos tamén poden ocasionar a entrada dunhas especies dunhas zonas a outras; canalizacións, estradas… Pero non pola estrada en si, senón por toda a perturbación que se está facendo.

– As invasións biolóxicas danse máis nunhas condicións climáticas que noutras?

– Para que unha especie doutra rexión teña éxito nunha nova área necesita un clima que lle sexa favorable. Non quere dicir que teña que ser exactamente o mesmo da zona de procedencia, pero si que lle sexa favorable. Se introducimos unha planta tropical no Ártico seguro que non lle vai ir ben. Pero se a introducimos no clima mediterráneo, aínda que aquí haxa veráns moi secos, nun bosque de ribeira ten unhas condicións moi boas.

É importante que a especie atope unhas condicións ambientais que lle sexan favorables. Hai que ter en conta que moitas especies teñen na zona de introdución unha área de distribución dunhas condicións máis amplas das que teñen na súa zona nativa. Ás veces unha especie está restrinxida nun ámbito porque non tivo a capacidade de dispersarse, pero se o fixese podería tolerar outras condicións. Isto é o que vemos moitas veces nas invasións. Pode ocorrer que, cando unha invasión é pequena ou fai pouco tempo que unha especie se introduciu e expandiu, ocupe unha zona moi pequena, pero ao estudar cales son as súas características na súa zona de orixe, vemos que ten potencial para expandirse moito máis.

“Ás veces unha especie está restrinxida nun ámbito porque non tivo a capacidade de dispersarse, pero se o fixese podería tolerar outras condicións”

– Cóntanos en que consiste a ‘Lista Verde’. Cal é o seu obxectivo?

Fixemos unha análise das plantas que se están comercializando en viveiros e as que utilizamos como ornamentais en parques urbanos, e que risco teñen de converterse en invasoras. Clasificámolas en diferentes listas para axudar e informar os xestores de medio ambiente sobre cales son as especies que non deben plantar ou arrincar. Por unha banda, hai unha lista de especies que mesmo están reguladas pola lexislación española e europea, e que non deberían plantarse e terían que eliminarse porque son invasoras.

E por outro lado, elaboramos unha lista de especies exóticas que, tras buscar toda a información científica posible, non consideramos que un potencial invasor: nin se coñece que teñan impactos noutras zonas do mundo, nin cremos que puidesen establecerse no medio natural no caso de que escapasen. Chamámola Lista Verde para que non nos digan que sempre imos en negativo. Non é que teñamos teima ás especies exóticas, comemos moitas plantas que o son, pero precisamos unha ferramenta para decidir cales son seguras. Un exemplo é o Ficus benjamina [o buxo ou loureiro da india, amate, caucho benxamina ou matapalo, polos seus nomes comúns]: plantouse en moitos lugares e non hai ningún rexistro de que sexa unha especie invasora.

– Que riscos conleva para a biodiversidade a venda de especies invasoras en viveiros?

– Son plantas que poden competir coas plantas nativas. Algunhas delas producen pole, que é alergóxeno, e isto pode ser prexudicial para as persoas que teñan alerxia. Algunhas teñen pinchos, polo que non interesa que se expandan no medio natural. Chamounos a atención, como dicía, que nos viveiros hai especies que non deberían plantarse porque están reguladas.

– Como poderían previrse futuras invasións de plantas exóticas?

– Hai análises de risco que che axudan a decidir que especies non deberían introducirse nun país, nunha rexión ou nun hábitat concreto. E se van introducirse, é necesario que haxa medidas concretas de contención para evitar, por exemplo, que se escapen. Se  compras unha mascota, cando te canses dela non a deixes nun río ou onde che pete. Pode ser un foco de invasión. O mesmo ocorre coas plantas ornamentais. Cando fagas poda no teu xardín, non deixes todos os restos nas gabias, á beira da urbanización. Son medidas que serían moi fáciles de realizar e que a xente non pon en práctica.

– No contexto actual de pandemia, que pode facerse diante da afección das enfermidades infecciosas á ecoloxía e os ecosistemas?

– O que vimos é que as perturbacións son o foco de moitas infeccións. Este sería o caso da Covid-19, e ocorre con moitas enfermidades zoonóticas [que se transmiten dos animais aos seres humanos, e viceversa], aínda que non saibamos cales foron os animais reservorios polos cales transitou. Sempre que a zona urbana e a perturbación se poñen en contacto cunha zona natural, as enfermidades dos animais que viven alí moitas veces saltan aos animais domésticos ou aos humanos. Xa o sabiamos, pero vímolo unha vez máis e lembrámolo con outras moitas enfermidades. O que tamén aprendemos durante o confinamento é que, se as persoas quedamos na casa, moitos animais transitan máis polas zonas naturais e urbanas, porque habitualmente molestámolos e perturbámolos. Está claro que a nosa presenza perturba moito a súa actividade.

– Poderías explicarnos a semellanza que estableces entre o coronavirus e unha especie invasora?

– Un grupo de investigadores e investigadoras, que traballamos con invasións biolóxicas de plantas e animais, realizamos unha reflexión con xente que traballa con patóxenos, e a interacción entre eles, as células e o corpo humano para establecer máis paralelismos. O proceso de transporte, entrada, establecemento e invasión é o mesmo que o dunha epidemia. Hai un transporte, unha infección, unha transmisión e unha epidemia. E pode haber unha pandemia cando isto ocorre a nivel global. O proceso é o mesmo, o que pasa é que utilizamos distintas técnicas e conceptos. Estamos en disciplinas diferentes, pero no fondo todo é bioloxía.

– Que características deben ter as especies para ser máis vulnerables a unha infección?

– Hai varias. Unha é a hipótese eco-evolutiva. Explica que, se un corpo non estivo exposto a un patóxeno determinado, ten moitas máis posibilidades de enfermar. Isto ocorre tamén nas invasións biolóxicas. Se unha especie entra nun ecosistema, onde non hai ningunha especie emparentada, é dicir, parecida, as especies nativas van sufrir máis porque non estableceron nunca interacción cunha especie similar. Non saben como comportarse e, ademais, a especie utiliza os recursos dunha maneira distinta.


* A entrevista forma parte do proxecto ‘Científicas e cambio global. Programación da Rede de Cultura Científica do CSIC‘, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) e o Ministerio de Ciencia e Innovación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.