Unha masa de aire africano traerá a Galicia máximas de 33 graos a partir do domingo

Unha fronte varrerá o país na segunda metade do venres e deixará abundantes precipitacións, sobre todo na parte occidental

A terceira fin de semana de agosto estará marcada pola inestabilidade, con chuvias abundantes na parte occidental a partir do mediodía do venres. O sábado remitirán as precipitacións e Galicia transicionará cara á influencia anticiclónica. De feito, espérase que a partir deste domingo volvan ascender as temperaturas e se superen os 33 graos en varios puntos de Galicia, sobre todo na provincia de Ourense. A responsable, entre outros factores, será a entrada dunha masa de aire procedente do norte de África.”A calor intensificarase e estenderase á meirande parte do país. Será un novo episodio cálido, con temperaturas inusualmente altas para a época“, explican dende a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET).

De momento, nin este organismo nin Meteogalicia, o seu homólogo galego, falan de onda de calor. Porén, algúns expertos xa vaticinan que as temperaturas serán moito máis elevadas do que se espera. De feito, o doutor en Xeografía Física e investigador da Fundación para a Investigación do Clima (FIC), Dominic Royé, asegurou esta mañá na súa canle de Twitter que “Europa vivirá unha nova onda de calor especialmente grave e extrema en varios países, con condicións extremas en Francia e Italia”. O mapa no que se apoia o experto, anteriormente investigador da Universidade de Santiago (USC), indica que a meirande parte de Galicia estará en risco baixo dende o venres 18 ata o luns 21, agás unha franxa da Mariña lucense, que escalará ata o risco severo o sábado 19 e o domingo 20 de agosto.

Publicidade

Previsión da onda de calor que, segundo Dominic Royé, azoutará Europa a partir desta fin de semana. A cor máis clara indica risco baixo, a intermedia risco severo e a máis escura risco extremo. Foto: Dominic Royé / Twitter

Dende eltiempo.es, o meteorólogo Mario Picazo ofrece máis información sobre este “episodio cálido” que, de momento, non foi cualificado polos organismos competentes como “onda de calor”. Á espera de como se desenvolva o fenómeno, o experto explica que as altas presións seguen predominando en boa parte de España. Pese á borrasca que entra esta fin de semana e deixará chuvias, fundamentalmente en Galicia, os ceos despexados e o aire máis cálido que entra dende o norte de África serán a combinación perfecta para que “a calor sexa cada vez máis intensa”. Sobre todo, porque conseguirán debilitar a fronte situada nestes momentos ao noroeste de Galicia. O consecuente aumento das temperatuas notarase sobre todo nos primeiros días da vindeira semana.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía